NOTICIA

----

O Álbum de Galicia incorpora a entrada do fotógrafo Virxilio Viéitez

Virxilio Viéitez (Soutelo de Montes, Forcarei, 1930-2008) foi “o fotógrafo da individualidade e do infinito universo humano”. Así o define Vítor Vaqueiro, autor da entrada do fotógrafo forcareiés que se acaba de incorporar ao Álbum de Galicia, colección de biografías dixitais que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).

Na entrada do Álbum de Galicia destácase que “a construción e proxección da vida de Virxilio Viéitez mostra aspectos que parecen querer reenviar o fotógrafo a un relato lendario”. Nado en Forcarei, Viéitez quedou ao coidado da avoa cando a súa nai marchou traballar a Madrid. Emigrou a Barcelona onde, ademais de barbeiro, aprendeu a técnica fotográfica e o traballo de estudio no gabinete fotográfico de Juli Pallí en Palamós. Con vinte e tres anos inauguraría a súa propia carreira de fotógrafo independente baixo o nome de “Fotos Perello.

Tras regresar a Galicia para o coidado da nai, Virxilio Viéitez montou un gabinete fotográfico no que amosa un estilo propio, no que substituíu panos de fondo artificiais por naturais e “mostrou unha impecábel coherencia, ao construír imaxes onde, exactamente o mesmo que ocorrería nun estudio, o ceo se acha ausente”. Ademais, explica Vaqueiro que nese período “percorrería nunha motocicleta as comarcas galegas do sur, documentando con dilixencia o nome das persoas fotografadas, tornaría eventual cronista deportivo, traballaría como efémero correspondente gráfico para El Pueblo Gallego”. Retratou homes e mulleres da Terra de Montes nos seus oficios, nas súas casas, ademais de tirar as necesarias fotos para o carné de identidade. Simultaneou o oficio xunto con outros traballos ata 1991 cando, afectado pola competitividade, a consolidación da cor e os incipientes problemas de visión abandonou a práctica fotográfica.

Malia estar en activo máis de cinco décadas, nese período non expuxo unha soa fotografía. Na entrada, Vaqueiro defende que “visto desde o presente, o traballo desenvolvido por Virxilio Viéitez por mediados do século XX pode considerarse o dun autor que fotografa, desde o seu interior, unha sociedade con raíces na cultura tradicional, mais que, posibelmente, está a comezar o maior movemento de ruptura co pasado que nunca vira o país”.

Alén do texto biográfico, a entrada inclúe tamén vídeos de entrevistas realizadas ao fotógrafo, así como diferentes documentos e estudos que permiten afondar no seu traballo.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 756 entradas, das cales as máis recentes son as de Tucho Lagares, Eduardo Lence-Sartar, Avelino Cachafeiro, Lola Ferreiro, Aurora Sampedro ou Jose Luis Pensado Tomé. As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras. É tamén o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros temas.