O 12 de outubro de 1923 un grupo de ilustres estudantes da Universidade de Santiago camiñaron xuntos ata a casa de Rosalía de Castro en Ortoño. Esa andaina derivou na creación do Seminario de Estudos Galegos (SEG), unha institución científica determinante no futuro do país. Cen anos despois, diferentes entidades repiten aquel percorrido cun acto festivo aberto á cidadanía. É un dos actos centrais que conmemora o centenario do SEG e que debullaron esta mañá a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a presidenta do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o alcalde de Ames, Blas García; máis a vicerreitora de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago (USC), Pilar Murias. Alén da festa popular do día 12 de outubro, na véspera (días 10 e 11) terá lugar o congreso «Saber de nós: Cen anos do Seminario de Estudos Galegos», que fará balance da significación na historia científica, intelectual e cultural de Galicia do SEG.
20/09/2023
20/09/2023
O Consello da Cultura Galega (CCG) regresa co ciclo Pensar o mundo dende Galicia, co que celebra o seu 40º aniversario, para afondar na situación climática actual. María Loureiro coordina esta sesión do foro que se titula “Límites planetarios. Unha ollada socioeconómica dende Galicia” e na que se analizará o impacto do cambio global na agricultura e nas posibles crises de alimentos. Nela participan, entre outros expertos, José María Sumpsi, exdirector de Política Alimentaria da FAO, e Adrián Escudero, catedrático e divulgador da Universidad Rey Juan Carlos. Xosé Manoel Núñez Seixas, coordinador do Foro, e María Loureiro inauguran esta cita que se pode seguir en directo desde o web e as redes sociais do CCG.
20/09/2023
Aureliano José Pereira de la Riva (Lugo, 1855 - Madrid, España, 1906) foi unha figura relevante dentro do republicanismo galego. Unha manifestación política que en Galicia “nin foi esporádica, nin puntual, nin intermitente, nin limitada a un par de cidades” como apunta Xurxo Martínez na entrada que hoxe se inclúe no Álbum de Galicia, colección de biografías que elabora o Consello da Cultura Galega (CCG).
18/09/2023
O proxecto Caligrafías musicais, iniciativa do Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG), recupera cada dous meses conferencias destacadas de prestixiosos estudosos do eido musical galego. Hoxe publícase a cuarta entrega, que consiste nunha conferencia do intelectual coruñés Ramiro Cartelle sobre o compositor, director e recompilador do folclore galego Maurico Farto Parra (1867-1947).
18/09/2023
O Consello da Cultura Galega (CCG) fixo público na mañá deste luns o informe Informe sobre o impacto dos cultivos forestais con especies de crecemento rápido no patrimonio natural e cultural de Galicia. Nel afirma que as plantacións forestais con especies de crecemento rápido supuxeron a transformación dos elementos que constitúen a paisaxe galega. “É urxente fomentar as medidas de restauración ambiental e restitucións de hábitats” conclúe o documento, que confirma que a xestión forestal baseada na produtividade está a destruír a diversidade e complexidade que caracteriza a paisaxe de Galicia. Establecer a obrigatoriedade de que os montes conten con documentos de ordenación ou procurar unha maior catalogación dos bens son algunhas das medidas que contempla. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora da comisión que elaborou o documento, Rebeca Blanco-Rotea, presentaron o texto no que participaron seis especialistas de diferentes áreas durante dous anos. O informe xa está dispoñible para descarga desde o web da institución.
14/09/2023
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, inaugurou na tarde deste mércores en São Paulo unha nova itinerancia da exposición Afonso X e Galicia. Canda ela estaban presentes o comisario, Antoni Rossell, e diferentes responsables da Universidade de São Paulo: Paulo Martins, diretor da Facultade de Letras, Filosofía e Ciencias Humanas; Manuel Mourivaldo Santiago Almeida, xefe do Departamento de Letras Clásicas e Vernáculas; e Maria Inês Batista Campos, do Programa de Pós-Graduação em Filologia e Língua Portuguesa. A mostra é unha das accións que a institución mantén neste final de ano no marco do seu programa de Acción Exterior. Conferencias, ciclos de cinema, renovación do espazo web son algunhas das actuacións da institución, que vén de incorporar a Xavier Queipo como coordinador da Comisión de Relacións institucionais e Acción exterior.
13/09/2023
María Victoria de la Fuente (Vigo, 1927- Madrid, 2009) foi unha pintora de gran proxección artística no Madrid da segunda década do século XX. A súa historia entra agora no Álbum de Galicia, a colección de biografías dixitais do Consello da Cultura Galega (CCG), cunha entrada asinada por Xosé Ramón Fandiño.
12/09/2023
“Escolma para ver e escoitar física” é o título da nova entrega de Proxector, iniciativa que desenvolve o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). Nesta ocasión trátase dun Proxector de autor que reúne unha ducia de recursos audiovisuais na ollada de Cibrán Santamarina Ríos, director do Departamento de Física de Partículas da USC.
11/09/2023
“Trata, escravitude e prostitución non son a mesma cousa e é moi importante distinguilos para poder xerar políticas públicas nesta materia” explicaba a xurista Teresa García Montañés no Consello da Cultura Galega en 2019, quen tamén destacou que é un xigantesco negocio. “É o segundo negocio ilegal máis lucrativo do comercio internacional e move 150 billóns de dólares ao ano” afirmou no marco da súa conferencia titulada “A trata de seres humanos e escravitude contemporánea”. É unha das intervencións que destacamos no marco do proxecto que visibiliza 12 intervencións destes 40 anos do Consello da Cultura Galega (CCG).
08/09/2023
Esta musicóloga e compositora suíza desenvolveu un amplo labor investigador centrado na procura das formas e orixes da música popular europea. Dorothé Schubarth introduciu parámetros de clasificación descoñecidos en Galicia e novidosas metodoloxías de traballo e de compilación que, aínda hoxe, están a influír nos nosos estudosos. É a responsable da máxima achega xamais realizada para a conservación e coñecemento do folclore musical do país.
08/09/2023
A presidenta, Rosario Álvarez, e a responsable de Acción Exterior, Emilia García, recibiron esta mañá a un grupo de alumnos de quinto de secundaria do instituto arxentino galego “Santiago Apóstol”, que realiza anualmente unha viaxe de estudos por Galicia. Acompañados polas docentes Cecilia Borgo e Victoria Beni, coñeceron a institución, viron a variedade de recursos que poden atopar nas nosas webs e recibiron un pequeno agasallo (un CD coas Cantigas de Santa Maria, unha edición do “Alba de Gloria” de Castelao e, por suposto, unha obra de Luis Seoane: a reprodución facsímile do “Fardel de Eisilado” cun estudo introdutorio de Gregorio Ferreiro Fente). Nese intercambio cultural, o alumnado deixou para o CCG un gravado do artista arxentino Rafael Gil (Bos Aires, 1942).
06/09/2023
No ano 1921, a Hispanic Society encomendou á fotógrafa Ruth Matilda Anderson o labor de viaxar á Península Ibérica para desenvolver un traballo de documentación baseado, nomeadamente, no fotografado do traxe tradicional e outras manifestacións da cultura material galega. Desa encomenda saíron diferentes viaxes que construír a documentación máis completa que unha persoa estranxeira erguera nunca sobre o noso país. A historia da fotógrafa americana e o seu legado entra agora no Álbum de Galicia, a colección de biografías dixitais do Consello da Cultura Galega (CCG), nunha entrada asinada por Vitor Vaqueiro.
05/09/2023
O Consello da Cultura Galega (CCG) regresa co ciclo Pensar o mundo dende Galicia, co que celebra o seu 40º aniversario, para afondar na situación climática actual. María Loureiro coordina esta sesión do foro que se titula “Límites planetarios. Unha ollada socioeconómica dende Galicia” e na que analizarán o impacto do cambio global na agricultura e nas posibles crises de alimentos. Nela participan, entre outros expertos, José María Sumpsi, exdirector de Política Alimentaria da FAO, e Adrián Escudero, catedrático e divulgador da Universidad Rey Juan Carlos. A cita, que terá lugar o 21 de setembro na sede do CCG, acaba de abrir a súa inscrición.
02/09/2023
Este domingo remata a quinta edición das Xornadas Etnográficas do Morrazo. Alí se presentará o proxecto do Consello da Cultura Galega (CCG) Axudádeme a cantar. Unha das codirectoras da iniciativa, Renée DePalma, asistirá ao certame en que se proxectará un dos capítulos e manterá un coloquio co público.
01/09/2023
O Consello da Cultura Galega (CCG) recunca na súa colaboración coa Fundación Pondal para o Festiletras co espectáculo Circo galaico de Títeres Alakrán. A actuación terá lugar este venres, 1 de setembro, primeiro día deste festival que leva case corenta anos promovendo a cultura no rural.
31/08/2023
O Consello da Cultura Galega (CCG) recupera o ritmo de actividades despois do verán cunha serie de xornadas que abordan desde a discriminación que subxace trala gordofobia, ata as crises alimenticias pasando por unha revisión sobre o teatro galego. A primeira da actividades arrinca este venres, coa habitual colaboración que o CCG organiza coa Fundación Pondal para o Festiletras. O luns 4 de setembro ábrese a inscrición de todas as actividades.
30/08/2023
Procedemento bolsas proxectos de investigación 2023
27/07/2023
O novo especial de Historias de ida e volta, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que conta co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, amosa en vinte imaxes e documentos a acción filantrópica do indiano Fernando Blanco de Lema (Cee, 1796- A Habana, 1875). A construción de varias escolas, un novidoso plan educativo, a apertura dunha farmacia con medicamentos subvencionados ou a instalación da luz eléctrica son algunhas das accións filantrópicas desenvolvidas por este emigrante na bisbarra fisterrá no século XIX .
26/07/2023
O protagonismo que tivo no banquete de Conxo, o seu compromiso social ou a relación con Rosalía de Castro marcan a traxectoria cultural, política e vital de Aurelio Aguirre, unha figura sobranceira entre os poetas do século XIX. Mais toda a súa obra estivo escrita en castelán (só deixou un poema en galego) polo que a súa figura quedou relegada a un segundo plano. Xurxo Martínez González asina a súa entrada no Álbum de Galicia, a colección de biografías dixitais do Consello da Cultura Galega (CCG).
20/07/2023
"Cada escuela que se abre, es una cárcel que se cierra". Unha frase de Concepción Arenal era un dos lemas da revista ilustrada que editaba mensualmente na Habana a sociedade "Vivero y su comarca". O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), inclúe este mes catro números desta publicación.
20/07/2023
Este venres, na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT), presentarase un avance do vindeiro proxecto audiovisual da institución, promovido desde a Sección de Música, Artes Escénicas e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG). Chámase “Memoria do teatro galego da transición” e consiste nunha serie audiovisual arredor da recuperación da actividade teatral en Galicia nos anos setenta e oitenta do século XX. Estarán presentes a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o alcalde de Ribadavia, César Álvarez; a presidenta da Academia Galega de Teatro, Imma António Souto; a coordinadora da Sección de Música e responsable do proxecto, Cristina Domínguez; o director da MIT, Roberto Pascual, e Tito Asorey, director das dúas primeiras pezas audiovisuais do proxecto. Un día despois, o sábado 22, no marco deste proxecto, terá lugar un debate sobre a importancia da MIT no sistema teatral galego.
19/07/2023
O Álbum de Galicia, colección dixital de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora esta semana a entrada de Afonso o Sabio, X de Castela e IX de Galicia-León. Henrique Monteagudo é o autor da entrada desta figura imprescindible para a cultura galega e nela descríbeo como “monarca das Letras Galegas medievais”.
07/07/2023
O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu na mañá deste venres, 7 de xullo, o acto institucional co que celebrou o 40º aniversario da súa creación. “Renovamos o compromiso do CCG coa defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego, dos seus dereitos á cultura, do seu dereito e obriga de arrequentar e transmitir a herdanza cultural”, expresou a presidenta, Rosario Álvarez, nun discurso en que fixo partícipes a todos os presentes. “Velaí un camiño que, por forza, temos que percorrer xuntos”, afirmou nun acto que tamén contou coa presenza de Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia e presidente de honra da institución. Rueda puxo en valor o traballo desenvolvido polo CCG durante todos estes anos e comprometeu "o apoio do Executivo autonómico a seguir impulsando a creación e o talento galegos". Pola súa parte, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, apuntou que o CCG é unha “institución indispensable para o presente e para o futuro de Galicia”. Autoridades e representantes da cultura galega e da sociedade civil ateigaron a sede da institución nesta celebración.
06/07/2023
O proxecto Sextina, que inclúe rarezas e documentos pouco coñecidos do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), inclúe unha nova entrega. Desta volta consiste nun folleto de seis páxinas, publicado con motivo da convocatoria das eleccións xerais do 28 de outubro de 1982. Nel, as organizacións asinantes recollen unha listaxe de esixencias relacionadas co traballo, a educación, os coidados, a saúde, a sexualidade e o lesbianismo, o divorcio, as agresións e o aborto.
05/07/2023
No ano en que o Seminario de Estudos Galegos (SEG) conmemora o centenario da súa creación, o Álbum de Galicia do Consello da Cultura Galega (CCG) está a incorporar as entradas de diferentes membros vinculados coa institución. No día de hoxe súmanse á colección as biografías de Luciano Fariña Couto (1916-2011), Antonio Iglesias Vilarelle (1891-1971), Manuel Lago González (1865-1925) e Sebastián González García-Paz (1908-1967). Asínanas, respectivamente, Francisco Fariña, José Antonio Cantal, Xosé Ramón Fandiño e Adrián Estévez.
04/07/2023
O Vello Cárcere de Lugo acolle desde este mércores A intimidade da imaxe, mostra que percorre a Transición en Galicia da man das fotografías de Anna Turbau (Barcelona, 1949). A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a fotógrafa, Anna Turbau; a concelleira de Cultura, Turismo e promoción da Lingua, Tareixa Antía Ferreiro; e a comisaria, Margarita Ledo, serán as encargadas de inaugurar (mércores 5, 19:00 horas) esta nova itinerancia da mostra, que estará aberta ata o vindeiro 30 de setembro.
03/07/2023
Corenta anos de cultura galega en estatísticas é o último informe elaborado polo Consello da Cultura Galega (CCG), que analiza a evolución da situación sociocultural neste período. O documento revela que se profesionalizou o sector cultural, pois duplicouse o emprego, e practicamente todos os indicadores sinalan que os hábitos e prácticas culturais dos fogares de Galicia e dos seus habitantes se sitúan por riba da media estatal. Porén, o gasto público en cultura minguou en todas as administracións. “Houbo unha mudanza significativa cunha tendencia xeral positiva e na que mudaron moito os hábitos da cidadanía” asegurou Rosario Álvarez, presidenta do CCG na presentación do informe. Unha valoración na que incidiu Håkan Casares, coordinador do Observatorio da Cultura Galega, que destacou o incremento de fontes estatísticas neste tempo. O informe xa se pode descargar desde o web da institución.
30/06/2023
“Este pandeiro que toco. O patrimonio de percusión nas mans das mulleres galegas” é o título da xornada que a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG) e a Universidade da Coruña organizan para pór en valor o canto acompañado con percusión de man. A través de materiais audiovisuais, charlas, obradoiros e un concerto didáctico, a xornada explorará aspectos históricos e actuais desta arte coa participación de Xulia Feixoo, Carolina Vázquez e a agrupación Caldo, entre outros. A xornada terá lugar na Sala Cubo de Normal - Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña o vindeiro 1 de xullo a partir das 10:15 horas.
28/06/2023
Ana María Múgica Martínez (Donostia, Guipúscoa, 1898 – Lugo, 1981) dedicouse profesionalmente á ensinanza, un ámbito en que destacou por converterse na primeira catedrática de Ciencias da Escuela Normal de Maestras de Lugo. “Foi unha ensinante moi activa e namorada da súa profesión”, destaca María Isabel Fernández García. Ela é a autora da entrada que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG).
28/06/2023
Co gallo da conmemoración do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+, a hemeroteca feminista A Saia, proxecto dependente do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG), engade novas publicacións á súa colección. En concreto, póñense na rede o exemplar número 13 de S’homos e a totalidade dos números de Menlacex, dúas revistas de temática LGBTIQ+. Ao fío desta data, o CCG organizou tamén unha nova xornada do foro Pensar con Orgullo, na que se presentou o informe Análise, datos e recomendacións para o recoñecemento da diversidade en Galicia. Elaborado polo Foro Identidades e Disidencias Sexuais do CCG, o documento está dispoñible para a súa consulta no web institucional.