A colección de carteis da Queimada Popular de Cervo ilustrados por Xosé Vizoso é unha boa mostra do recoñecible estilo deste creador que estivo vencellado ao deseño na fábrica de Sargadelos. Os carteis celebran a compoñente lúdica e máxica coa que se construíu o ritual da queimada na Galicia contemporánea. O fondo é propiedade da entidade Asociación cultural Airiños do Xunco, organizadora da Queimada Popular de Cervo. A festa arrincou en 1974 e dende 1994 Xosé Vizoso é o autor dos carteis de cada edición. O especial web inclúe, ademais da colección completa, un artigo contextualizador do docente e dramaturgo Francisco Piñeiro no que explica a historia e organización desta celebración.
Xosé Vizoso é un prolífico cartelista, muralista e ilustrador de libros. A súa obra destaca polo seu poderío visual e a profunda raigame coa imaxinería e a cultura tradicional galega. Ten unha ampla traxectoria como deseñador e ceramista en Sargadelos. Ademais, é tamén o primeiro autor vivo ao que se lle dedica o Día da Ilustración.
A Queimada Popular de Cervo
Esta festa, declarada de interese turístico de Galicia en 2001, ten lugar o sábado seguinte ao 16 de agosto. É un evento popular na mariña lucense que xunta a centos de persoas no casco histórico para gozar da tradicional queimada, acompañada da lectura do esconxuro e dun amplo programa de actividades. A festa inclúe representacións teatrais, música tradicional, animación nas rúas e postos de artesanía e gastronomía.
“Fusiónanse arte, tradición e misticismo nunha experiencia única; danzas, conxuros e lume para espantar os malos espíritos” explica Francisco Piñeiro no artigo que acompaña a difusión deste fondo.