
Vidas paralelas
Vidas paralelas é o título do novo proxecto co que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Cátedra de Estudos Galegos da Universidade de Lisboa pretenden recuperar a memoria das semellanzas entre personalidades galegas e portuguesas nos diferentes eidos culturais. Trátase dunha iniciativa bianual que afondará en aspectos como a literatura, a arquitectura, o cinema ou o teatro nun formato dobre: web e presencial.Vidas Paralelas consta de dúas fases: a primeira, formada por dúas entrevistas individuais que procurarán deliñar un itinerario biográfico que comporte un certo autorretrato intelectual, incidindo de xeito particular entre os vencellos mutuos entre as dúas personalidades seleccionadas.
Estas entrevistas culminan nun encontro-coloquio entre ambas, coa finalidade de propiciar unha reflexión retrospectiva sobre os cruzamentos culturais entre o mundo galego e o portugués, as súas circunstancias históricas específicas, pero tamén a súa evolución no tempo ata a actualidade. A conversa será conducida pola persoa moderadora do encontro. O coloquio realizarase en diversos espazos de Lisboa vencellados á Cátedra de Estudos Galegos ou cedidos na cidade no ámbito da colaboración institucional con esta.
Tanto as entrevistas coma o coloquio quedarán gravados e a disposición do público interesado nos espazos dixitais do Consello da Cultura Galega e da Cátedra de Estudos Galegos, co ánimo de ir constituíndo un acervo valioso que se convirta nun lugar de memoria sobre as relacións históricas e culturais entre Galicia e Portugal.
Gabinete de comunicación
13/05/2024
Rebeca Blanco-Rotea e André Teixeira abordan a situación da arqueoloxía na segunda sesión de Vidas paralelas
Gabinete de Comunicación
10/04/2024
Vidas paralelas arrinca en Lisboa cunha revisión das traxectorias de Leite de Vasconcelos e Martínez Salazar
Gabinete de Comunicación
05/04/2024