Idiomas: Español / English
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202
Directorio de contactos
epistolarios
Epistolarios >  Luís Seoane > Biografía

seoane

Nacido en Bos Aires en 1910, nunha familia de emigrantes galegos, residiu en Galicia desde 1916, onde se formou como avogado e como artista á beira de mestres como Carlos Maside, en Compostela. Militante no galeguismo republicano, fuxiu da represión de 1936 e retornou á súa cidade natal, onde foi acollido por un grupo de intelectuais antifeixistas arxentinos (Frontini, Romero, Cóppola, Córdova) e artistas galegos como Blanco Amor ou Manuel Colmeiro. Na cidade de Bos Aires desenvolveu unha grande actividade cultural como deseñador, editor, creador literario, gravador e pintor, tanto no seo da cultura arxentina como entre a colectividade de emigrados e de exiliados republicanos. Dirixiu durante vinte anos o xornal Galicia do Centro Gallego e participou na actividade de editoras como Emecé, Nova, Losada ou Botella al Mar, sempre en estreita colaboración con amigos galegos como Lorenzo Varela, Rafael Dieste e Arturo Cuadrado, alén de moitos exiliados españois como Rafael Alberti ou Francisco Ayala.

A súa integración na cultura arxentina foi moi intensa, como mostra este epistolario. Pero tamén foi decisiva a súa contribución para manter viva a cultura galega herdada da experiencia da II República, grazas a un contacto permanente con figuras como Fernández del Riego, Paz-Andrade, García-Sabell, Carlos Maside ou Aquilino Iglesia Alvariño. Con todo, o principal enlace con Galicia foi, desde finais dos anos cincuenta, o artista plástico e empresario ceramista Isaac Díaz-Pardo, con quen fundou o Laboratorio de Formas de Galicia e un ambiciosos proxecto de renovación cultural, organizado arredor do grupo Sargadelos.

Desde os anos sesenta fixo periódicas viaxes a Galicia, sen abandonar de modo definitivo Bos Aires. Morreu na cidade da Coruña en abril de 1979 e deixou un inmenso legado que, en gran parte, foi depositado na Fundación Luís Seoane (A Coruña), que promoveu con entusiasmo a súa viúva, Maruxa Fernández, finada en 2003. Dos fondos desa fundación procede o epistolario que agora se pon a disposición pública, grazas a un proxecto do Consello da Cultura Galega.

PROXIMAMENTE
Outros epistolarios irán sendo divulgados nos vindeiros anos, como os de Valentín Paz-Andrade, Lois Tobío, Silvio Santiago, Manuel Puente….
COLABORA CON NÓS
Se posúes ou coñeces a existencia de fondos epistolares ou consideras que nos epistolarios xa publicados neste site hai erros ou ausencias, agradecemos a túa achega, que podes facer mediante o envío dun correo a este enderezo: epistolarios@consellodacultura.org

Moitas grazas

IDENTIDADE | PERFIL DO CONTRATANTE | LEI DE TRANSPARENCIA | AVISO LEGAL

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

. Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña
Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205
Correo electrónico: epistolarios @consellodacultura.org