Idiomas: Español / English
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202
Directorio de contactos
epistolarios

As cartas de Ramón Piñeiro sobre...

PREAUTONOMÍA EN GALICIA

Órgano creado polo Real Decreto-Ley 7/1978 e o Real Decreto 474/1978, aprobados o 16 de marzo de 1978, establecendo a Xunta de Galicia como goberno autonómico galego.
Carta: 1 a 3 de 3
00/00/1978
Remitente/s:
RAMÓN PIÑEIRO
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Destino
Bos Aires, Arxentina
Orixe
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta manuscrita]

Localización física
Fundación Luis Seoane

Ca 1978

Querido Luis:

Tardei en contestar a tua carta porque esta tempada tiven que facer varias viaxes e a correspondencia foi quedando sin resposta inmediata.
Cando recibín a carta, púxenme á fala co profesor Díaz e díxome que el mesmo correxiría personalmente as probas da tua colaboración. Faleille dos fallos de transcripción a que facías referencia na tua carta e mostrou a mellor disposición para complacer os teus desexos. Desde logo, mostrou unha actitude máximamente amistosa en todo o referente a tí. Incluso me dixo que, en principio, tivera a ilusión de que a portada do libro a fixeses tí, pero que ao cabo non puidera ser porque estabas canso.
Houbo un compás de espera no proceso preautonómico. Coido que non tardarán en poñelo de novo en marcha. Nestas últimas semanas, houbo moito rebumbio coa candidatura de Pío Cabanillas á Presidencia da Xunta de Galicia. Eu coido que o bon do Pío non ten interés ningún en vir para Galicia porque os seus intereses e cobizas políticas están en Madrid. Sería ben raro que deixara de ser ministro alá para vir presidir a Xunta. Máis ben penso que a sua candidatura foi unha andrómena para ganar tempo, millor dito, para retrasar o momento de aprobación do decreto.
Por aquí temos unha tremenda invernía.
Onte ingresou Mariñas del Valle na Academia Galega e contestoulle o Másimo. Os dous estiveron moi ben.
Apertas nosas para os dous

Ramón

07/02/1978
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
RAMÓN PIÑEIRO
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Destino
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane


Buenos Aires, 7 de Febreiro de 1978

Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago

Querido Piñeiro:

Poucas verbas pra che agradecer os recortes que me remitiches encol da preautonomía. Na prensa de eiquí non se publica nada sobor Galicia, ou moi pouco. O que se publica son noticias de moi pouco interés, o que non ocurre cos problemas bascos e cataláns. A xente está, en xeral, informada da eisistencia da preautonomía de eses dous países, mais non se dou a noticia da referida a Galicia, a pesares de que a axencia Efe está chea de periodistas galegos, e é da que se nutren nas referencias a España os xornaes arxentinos.
Cheguei mal a Buenos Aires, con unha gripe collida en Madride e pola que estuve mal uns dez días, mais xa estou traballando, aínda que non coa intensidade que acostumo, en parte, penso, polo clima déste mes de vran, calor, tormentas, inundacións, fresco, ao mellor nun mesmo día todo. Estes dias inicio os grabados dun libro de cen estampas de grabados en madeira adicados a Galicia para unha editorial arxentina. Esto é todo hoxe.
Unha gran aperta pra Isabel e pra tí de Maruja e miña. Tamén para Sara

Nota: Ao finar esta carta chegáronme as probas de Galicia 2002 que foron remitidas a Coruña o 24 de Xaneiro. E da Coruña aquí uns sete dias. Na imposibilidade de poder comprir co plazo que sinalaba o Vicerrector pra entregar as probas correxidas, pregaríache que ti ou Ruibal, ou García Bodaño, ou quen dispuxeses, as correxisen, suprimindo as miñas intervencións, mal recollidas polo aparello grabador e transformadas adiviñando o que eu dixen por quen interpretóu, coa mellor intención, o que eu dixen. Por exemplo, en unha delas fanme decir que os italians viñan a Arxentina en millores condicións de alfabetismo que os galegos, facendo o eloxio da escola primaria en Italia. E esto é inexacto, os italiáns viñan a este país en condicións similares aos galegos, resto dos españoles e portugueses. Penso que nos primeiros trinta anos déste século con maior proporción de analfabetos que os galegos. Por eso penso que deben de borrarse as miñas intervencións verbales. Eu sinto moito todo esto, non me importan demasiado as erratas cando non alteran o que se escribe. Mais estas non son erratas, senón malas interpretacións do que o aparello grabador recolleu mal polo que fose.
Nunca me pasou nada similar a esto. Perdóademe, mais eu non quixera que a xente matinara que non sei o que digo.

05/04/1978
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
RAMÓN PIÑEIRO
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Destino
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane


Buenos Aires, 5 de Abril de 1978

Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago

Querido Piñeiro:

Recibín os recortes que me enviaches e unha nota na que evocas o plebiscito do 36. Pasaron, efectivamente, 42 anos dende entón e si ben a idea da autonomía é mais popular, matino, en troques, que as testas que a sosteñen son menos sabias, senón, ¿cómo é posible que o descoñecido señor Rosón, do que falan mal políticamente seus veciños emigrantes, sexa presidente da Xunta de Galicia, e non tí, que tanto traballaches nun medio tan dificil como o universitario durante trinta anos, ou Domingo, cuias dotes políticas eu coñezo dende a época da F.U.E. e cuia laboura de ensaísta, de conferenciante, etc., feita tamén dende entón é da mais importante da sua xeneración, e tamén é un parlamentario? ¿É que Galicia vai ter sempre en cada unha das provincias catro ou cinco concellos de cuios votos poder dispoñerse en unha elección pra erguer a categoría de parlamentarios a calquera? E posibre que dentro dun ano Galicia teña a sua autonomía. Mais ¿terá de ser con xente como a que agora compón a sua Xunta? Fágoche estas preguntas, non as contestes si queres. Eu, logo de ter traballado casi soio, sin medios, eiquí, e feito moitos plans que nunca se cumplirán para ahí, xa non espero nada senón o continuar grabando e pintando que parece ser o meu. Tampouco estou xa seguro. Agradezoche os recortes. Hoxe recibín o número 3 de A Nosa Terra, seguramente porque trae unha carta do lector Xosé Abraira, referíndose a A Nosa Terra de Buenos Aires, unha caricatura de aquela feita polas Irmandades da Fala e logo do Partido Galeguista. Ou cecáis pra que vexamos como se meten con Valentín, porque a historia da vida dos homes non conta.
Unha gran aperta pra Isabel, Sara e tí de Maruxa e miña:


[Escrito a man]
Agradezoche moito o envío dos recortes e a única información miña de Galicia.


                                      

IDENTIDADE | PERFIL DO CONTRATANTE | LEI DE TRANSPARENCIA | AVISO LEGAL

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

. Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña
Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205
Correo electrónico: epistolarios @consellodacultura.org