Idiomas: Español / English
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202
Directorio de contactos
epistolarios

As cartas de Ramón Piñeiro sobre...

FIGURANDO RECUERDOS

Edición de 29 debuxos en negro e cor obra de Luís Seoane, editado en Bos Aires en 1959 por Citania.
Carta: 1 a 3 de 3
18/07/1959
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
RAMÓN PIÑEIRO
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Destino
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane

Buenos Aires, 18 de Xulio de 1959

Sr. D.
Ramón Piñeiro
Santiago de Compostela.

Querido Piñeiro:

Alegreime moito que te tivese gostado o meu álbum de grabados en madeira, Doce Cabezas. Un distes días envíoche outro de dibuxos moitos déles xa tí os coñeces, tidoado Figurando recuerdos que o edita Citania. Xa me dirás a tua opinión. Non recibín a separata de que me falas na tua carta. Tivese querido recibila, mais é seguro que se perdeu no correio, pois a outra xente deiquí fai moito que a recibíu. Tamén gostaríanos editar en Citania algún traballo inédito teu. Dime si é posibre. Eu teño persoal intrés en facer unha edición dunha obra tua e outra de García Sabell. Istes días sal unha monografía de Del Riego, Galicia y nuestro tiempo, e un pequeno libro de poemas de Emilio Pita ademáis do libro meu. A parte entrecomillada da tua carta non quero contestarcha. Simpremente prégoche que non me supoñas filiaciós políticas ás que son alleo. É hora de que vos decatedes de que estades en plena confusión con respecto a nós e que a política cultural que facedes brilantemente e coa nosa ademiración, inicieina eu en Buenos Aires sin mais programa que o da cultura galega arrededor de 1940, coma tí deberías sabere, aínda que non por mín que nunca falei disto. Son boa proba os libros das editoriaes que fundei e a aición cultural do Centro Galego, onde durante moitos anos traballei soio. Si tés amigos progresistas eu tamén os teño. E dos outros, dos contrarios, en tanta cantidade como dos primeiros, e aquí respétanme hoxe tanto uns coma os outros i eu estímoos coma persoas e pol-a sua obra, aínda que non comparta as suas ideias. Penso que ista é a posición humán dun galeguista. Dígoche isto pra que non insistas en trocar a miña posición con supostos e desconfianzas que non veñen ao noso caso. A min non me arredan as posiciós ideolóxicas, o que me arredan son as conductas; dunha persoa, o que máis estimo é a sua conducta humán. Si che parece inxénuo isto, déixao, mais teño que decircho, posto que estimo moito a tua amistade e a tua obra, con ninguén en Galiza me sinto mais vinculado que a tí e aos amigos comús. Fálame de tí e da tua obra que son as cousas que me intresa dun xeito como non sei expresalo. Quixera que non houbese mal entendidos entre nós. Con saúdos a tua dona, recibe unha forte aperta garimosa de:

Seoane.

18/09/1959
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
RAMÓN PIÑEIRO
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Destino
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane

Buenos Aires, 18 de setiembre de 1959

Sr. D.
Ramón Piñeiro
Santiago.

Querido Piñeiro:

Recibín a tua derradeira carta e recibín tamén fai uns días o libro de homaxe a Maside. Felicítovos pol-a edición e o esforzo que supón sobor todo pol-o teu traballo, aínda que sinta que empregues a verba caricatura que ficou nos nosos días relegada a un tipo de dibuxo muy (sic) subalterno –Tono, K. Hito, Galindo– que ren ten que ver co dibuxo satírico ou humorístico de Maside ou Castelao, ou o de Daumier ou Grosz, por poñer exempros alleos, preocupados fondamente pol-a eispresividade da liña e pol-o dibuxo en xeral, coma xénero artístico aparte do destiño da obra. Mais iso ten cicáis moi pouca importancia i é, o teu traballo, un aporte fundamental pra visión de Maside. Recibín tamén fai poucos días a tua separata do ensaio sobor Otero Pedrayo que xa conoscía e cuio eloxio fixen nun comentario radial nista. O número de Insula paréceme moi ben na casi a sua totalidade menos algún comentario incidental de Landeira nesa carta que te dirixe e o artigo de Franco Grande sobor poesía, onde debeu evitar os gestos persoales pra poder oferecer unha panorámica verdadeira da poesía lírica galega, i eisí non ficarían escruídos algús tan importantes na poesía aitual coma Lorenzo Varela e Iglesia Alvariño. De calquer xeito, dígollo en carta a Domingo, o número de Insula é un trunfo sobervo, polo que merecedes o mais fondo recoñecemento. Moi bons cuasi todol-os traballos. O teu, coma os de Domingo e Ledo, deberíades amplialos, eu atópoos moi importantes. O álbun de dibuxos de Maside é un alarde editorial que tendes que continuar. Temos que facer que a nosa xente teña o gosto pol-o libro i en Galiza pódese facer, vos o demostrades. E tí, coma Domingo e Ledo, tedes que continuar adicando algún tempo a escribir sobre temas artísticos. Fai falla. Coma tamén que recollas os teus traballos pubricados nun ou dous tomos, pois son orixinales, moi importantes, e independente, penso, das obras que teñas matinado con outro alento. Son notables os dibuxos de paisaxe de Maside, e tamén o que tí escribes sobor da paisaxe co que estou en absoluto de acordo, téndome manifestado coincidente co mesmo pensamento varias vegadas, aínda que non soupese eispresalo coma tí, igoal sobor do retrato. Aparte, envíoche o meu derradeiro libro de dibuxos, Figurando recuerdos. Tamén fixen un comentario radial sobor do libro de Maside e do número de Insula.
Escríbeme. Recibide unha aperta moi forte do teu amigo:

Seoane

24/10/1959
Remitente/s:
RAMÓN PIÑEIRO
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Destino
Bos Aires, Arxentina
Orixe
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta manuscrita]

Localización física
Fundación Luis Seoane

Compostela, 24-X-59
Sr. D. Luis Seoane
B. Aires

Querido Seoane:

Recibín o teu novo libro Figurando recuerdos, que tan gratamente arrequece a notábel serie de aportacións tuas á millor bibliofilía galega. Porque resulta que entre as numerosas –e todas fecundas– facetas da tua aitividade creadora, unha das que non se poden esquencer é a orixinal e moi notábel aportación tua á revalorización do libro galego. Nunha futura historia da bibliografía e da bibliofilia galega, un dos capítulos máis interesantes será, por certo, o que obrigadamente se consagrará a estudar a aportación de Luis Seoane. Si, meu amigo. Son moitos e moi fermosos os libros que ti levas «presentado».
Esto, craro está, ademais dos que son integramente teus, tanto pola «presentación» coma polo contido, como ocurre con iste que teño diante. No conxunto da tua obra resprandece un maravilloso e titánico esforzo de re-creación da Galicia ausente. Ise heroísmo rememorativo ten moito de patético, porque é coma se teimases encher o gran baleiro de ausencia co teu esforzo creador. No seu día –estou seguro– valorarase plena e rotundamente todo o siñificado dise exemprar esforzo.
Recibe, coa máis cordial noraboa, unha aperta moi forte do teu bó amigo

Ramón Piñeiro


                                      

IDENTIDADE | PERFIL DO CONTRATANTE | LEI DE TRANSPARENCIA | AVISO LEGAL

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

. Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña
Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205
Correo electrónico: epistolarios @consellodacultura.org