Idiomas: Español / English
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202
Directorio de contactos
epistolarios

As cartas de Ramón Piñeiro sobre...

AUDICIÓN RADIAL GALICIA EMIGRANTE

A audición radial Galicia Emigrante emitiuse entre as 14.05-14.30 de cada domingo e en distintas etapas en Radio Libertad, Radio Porteño e Radio Argentino sucesivamente desde o 10 de outubro de 1954 até xullo de 1971. As crónicas eran redactadas por Luís Seoane, mentres que Victor Luís Molinari e Carlos Arturo Orfeo eran os encargados de pórlle voz. Estas crónicas estaban redactadas integramente en castelán.
Carta: 1 a 3 de 3
18/09/1959
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
RAMÓN PIÑEIRO
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Destino
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane

Buenos Aires, 18 de setiembre de 1959

Sr. D.
Ramón Piñeiro
Santiago.

Querido Piñeiro:

Recibín a tua derradeira carta e recibín tamén fai uns días o libro de homaxe a Maside. Felicítovos pol-a edición e o esforzo que supón sobor todo pol-o teu traballo, aínda que sinta que empregues a verba caricatura que ficou nos nosos días relegada a un tipo de dibuxo muy (sic) subalterno –Tono, K. Hito, Galindo– que ren ten que ver co dibuxo satírico ou humorístico de Maside ou Castelao, ou o de Daumier ou Grosz, por poñer exempros alleos, preocupados fondamente pol-a eispresividade da liña e pol-o dibuxo en xeral, coma xénero artístico aparte do destiño da obra. Mais iso ten cicáis moi pouca importancia i é, o teu traballo, un aporte fundamental pra visión de Maside. Recibín tamén fai poucos días a tua separata do ensaio sobor Otero Pedrayo que xa conoscía e cuio eloxio fixen nun comentario radial nista. O número de Insula paréceme moi ben na casi a sua totalidade menos algún comentario incidental de Landeira nesa carta que te dirixe e o artigo de Franco Grande sobor poesía, onde debeu evitar os gestos persoales pra poder oferecer unha panorámica verdadeira da poesía lírica galega, i eisí non ficarían escruídos algús tan importantes na poesía aitual coma Lorenzo Varela e Iglesia Alvariño. De calquer xeito, dígollo en carta a Domingo, o número de Insula é un trunfo sobervo, polo que merecedes o mais fondo recoñecemento. Moi bons cuasi todol-os traballos. O teu, coma os de Domingo e Ledo, deberíades amplialos, eu atópoos moi importantes. O álbun de dibuxos de Maside é un alarde editorial que tendes que continuar. Temos que facer que a nosa xente teña o gosto pol-o libro i en Galiza pódese facer, vos o demostrades. E tí, coma Domingo e Ledo, tedes que continuar adicando algún tempo a escribir sobre temas artísticos. Fai falla. Coma tamén que recollas os teus traballos pubricados nun ou dous tomos, pois son orixinales, moi importantes, e independente, penso, das obras que teñas matinado con outro alento. Son notables os dibuxos de paisaxe de Maside, e tamén o que tí escribes sobor da paisaxe co que estou en absoluto de acordo, téndome manifestado coincidente co mesmo pensamento varias vegadas, aínda que non soupese eispresalo coma tí, igoal sobor do retrato. Aparte, envíoche o meu derradeiro libro de dibuxos, Figurando recuerdos. Tamén fixen un comentario radial sobor do libro de Maside e do número de Insula.
Escríbeme. Recibide unha aperta moi forte do teu amigo:

Seoane

11/12/1961
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
RAMÓN PIÑEIRO
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Destino
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane



Buenos Aires, 11 de Diciembre de 1961

Sr. D.
Ramón Piñeiro
Santiago

Meu querido amigo:

Recibín fai poucos días a tua carta na que me falas do paso de Susana i Edgardo Kleinnman por Compostela. Agradecémoste moito as tuas atenciós. Eu xa tiña sabido pol-os seus familiares que tiñan estado contigo, que os encantaches, e que Galicia foi pra eles unha sorpresa. Son xentes novas e aínda en formación e que tiñan pensado facer en España o itinerario de Barcelona, Madrid, Andalucía, que eu fixen o posibre por trocalo pedíndolles que atravesasen Santander, Asturias, Galicia e León. Galicia fíxolles unha profunda impresión pol-o paisaxe, e as xentes que coñeceron.
Tiven noticias de Dieste que tamén me fixo gabanzas tuas, gustaríame que vós tratásedes o máis posible. A mín parésceme unha das máis outas persoalidades de Galicia e das mais puras. Eisixente consigo mesmo como casi non coñecín a ninguén da sua fecundidade inteleitual, aínda que teña pubricado pouco, e do seu talento, e de unha dignidade persoal que non é, entre os seus moitos méritos, dos menos recoñecibres. Sei que está agora gozoso de Rianxo e das suas xentes e que estivo moi contento entre vos.
A noticia que me envías dos estudantes sobor do idioma comenteina por radio. E unha grande noticia pol-o significado tamén de quenes piden. Soupen do nombramento de Fole de académico numerario da galega, e leveime, como podes maxinar, unha gran alegría. E un dos meus compañeiros do meu comezo con outros benqueridos que tamén xa son académicos. Eu continúo traballando. Fixen duas novas eisposiciós con éisito, unha de grabados en madeira en New York e outra de pintura eiquí, e pra Editorial Losada remato de facer os grabados en madeira pra Llanto por la muerte de Sánchez Mejías de Lorca, e Del diario político de Miguel de Unamuno, ediciós feitas en homaxe deles co gallo de cumplirse o 25 aniversario de suas mortes.
Moitos saúdos de Maruja e meus pra Isabel e pra tí, desexándovos que pasedes unhas felices Navidades, e pra tí un abrazo de teu amigo:

02/03/1972
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
RAMÓN PIÑEIRO
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Destino
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane


Buenos Aires, 2 de Marzo de 1972

Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago

Querido Piñeiro:

Agradézoche moito a tua carta do 21/II/72, pois non tiña noticia nengunha de que as oposiciós de Carballo Calero poderían sere para estas datas, mais ben matinaba que terían de sere, non sei por qué, no vrau. Destaves non o vin, pois as moitas idas a Santiago foron sempre por breves horas e pra atoparme coa familia da que teño unha chea nesa cidade. Hoxe escríbolle felicitándoo. Penso que é unha moi boa adequisición pra Universidade. Noutras condiciós fai xa anos que tiña de sere cadeirádego da Universidade Compostelán.
Pola miña parte traballo illado. Renunciéi a unhas eisposiciós de obras miñas proieitadas polo Ministerio de Relaciós Exteriores deiquí polas razós que te imaxinarás i en solidaridade con outros pintores con obras censuradas polos seus temas. Mais estóu contento do traballo. Traballo tamén nunha escolma de crónicas que foron pra a radio deiquí referidas a cusas (sic) galegas e que cecáis remitiréille a Paco.
Trátase de crónicas encol de temas moi pouco tratados. Traballo, esto é todo, e remítolle as “Figuraciós” que podo a La Voz de Galicia.
Saúdos moi garimosos a Maruxa e meus pra Isabel, pra tua irmán e pra tí. Mais unha aperta grande pra tí de:

Seoane


                                      

IDENTIDADE | PERFIL DO CONTRATANTE | LEI DE TRANSPARENCIA | AVISO LEGAL

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

. Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña
Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205
Correo electrónico: epistolarios @consellodacultura.org