Idiomas: Español / English
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202
Directorio de contactos
epistolarios

As cartas de Ramón Piñeiro sobre...

INSULA

Revista cultural de letras e humanidades fundada en 1946 por José Luis Cano e Enrique Canito. En 1959 saiu un número dedicado á cultura galega.
Carta: 1 a 4 de 4
09/09/1959
Remitente/s:
RAMÓN PIÑEIRO
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Destino
Bos Aires, Arxentina
Orixe
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta manuscrita]

Localización física
Fundación Luis Seoane

Compostela, 9-IX-59

Sr. D. Luis Seoane
B. Aires

Meu querido amigo:

Recibín, hai tempo, a túa carta. Como estiven unha tempada en Asturias, fóronse amoreando as cartas seica o recente regreso. Non quero demorar máis e agradecerche o xeneroso ofrecemento que me fas pra editar un libro meu en Citania. Certamente, a oferta considéroa moi honrosa e como tal a agradezo. O verdadeiramente difícil será que o poida escribir. Teño a vida tan absolutamente comprometida en ocupacións e responsabilidás de carácter impersoal e anónimo que non me queda tempo nin folgos pra facer obra “miña”. Tan certo é esto que hai varios anos que teño prometido a Galaxia un libro de ensaios e aínda nono puiden escribir, a pesar das continuas presións amistosas; e a editorial Guimarães, de Lisboa, solicitoume reiteradamente outro libro, coa estimulante oferta de incluilo nunha coleición filosófica na que figuran nomes rimbombantes de toda Europa. Tampouco vexo posibilidade de os poder complacer. Tan esmagado estou nise orde de cousas que unicamente pola presión dun compromiso perentorio escribo –e sempre apresa– os poucos e cativos traballos que co meu nome van saíndo de vez en cando. Hai meses que debera ter enviado unha colaboración pra o Homenagem a Joaquim de Carvalho, en curso de publicación, e inda nono fixen nin teño pensado sobre qué facelo. Naturalmente, ben me decato de que non se perde gran cousa. Con todo, dende o punto de vista puramente subxetivo, non deixa de ser unha renuncia. Polo menos eu ofrézoa como tal en favor de deberes que considero superiores. Da obra, boa ou mala, que eu poidera facer sacrifico unha gran parte con moito gusto pra poder atender a outras obrigas de orde xeneral. Por eso me sinto pouco animado a adequirir compromisos concretos. Teño medo de nonos poder cumprir, cousa que me non gusta.
Coido que terás recibido o número de Ínsula e mailo album de Maside, pois ambas cousas che foron enviadas namais saíren da imprenta.
Repito que che agradezo moito a túa cordial oferta. Dígocho de corazón.
Unha aperta moi forte do teu amigo

Ramón Piñeiro

Acaban de me chamar de Vigo pra me anunciar que pasado mañán chegará D. Ramón.

18/09/1959
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
RAMÓN PIÑEIRO
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Destino
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane

Buenos Aires, 18 de setiembre de 1959

Sr. D.
Ramón Piñeiro
Santiago.

Querido Piñeiro:

Recibín a tua derradeira carta e recibín tamén fai uns días o libro de homaxe a Maside. Felicítovos pol-a edición e o esforzo que supón sobor todo pol-o teu traballo, aínda que sinta que empregues a verba caricatura que ficou nos nosos días relegada a un tipo de dibuxo muy (sic) subalterno –Tono, K. Hito, Galindo– que ren ten que ver co dibuxo satírico ou humorístico de Maside ou Castelao, ou o de Daumier ou Grosz, por poñer exempros alleos, preocupados fondamente pol-a eispresividade da liña e pol-o dibuxo en xeral, coma xénero artístico aparte do destiño da obra. Mais iso ten cicáis moi pouca importancia i é, o teu traballo, un aporte fundamental pra visión de Maside. Recibín tamén fai poucos días a tua separata do ensaio sobor Otero Pedrayo que xa conoscía e cuio eloxio fixen nun comentario radial nista. O número de Insula paréceme moi ben na casi a sua totalidade menos algún comentario incidental de Landeira nesa carta que te dirixe e o artigo de Franco Grande sobor poesía, onde debeu evitar os gestos persoales pra poder oferecer unha panorámica verdadeira da poesía lírica galega, i eisí non ficarían escruídos algús tan importantes na poesía aitual coma Lorenzo Varela e Iglesia Alvariño. De calquer xeito, dígollo en carta a Domingo, o número de Insula é un trunfo sobervo, polo que merecedes o mais fondo recoñecemento. Moi bons cuasi todol-os traballos. O teu, coma os de Domingo e Ledo, deberíades amplialos, eu atópoos moi importantes. O álbun de dibuxos de Maside é un alarde editorial que tendes que continuar. Temos que facer que a nosa xente teña o gosto pol-o libro i en Galiza pódese facer, vos o demostrades. E tí, coma Domingo e Ledo, tedes que continuar adicando algún tempo a escribir sobre temas artísticos. Fai falla. Coma tamén que recollas os teus traballos pubricados nun ou dous tomos, pois son orixinales, moi importantes, e independente, penso, das obras que teñas matinado con outro alento. Son notables os dibuxos de paisaxe de Maside, e tamén o que tí escribes sobor da paisaxe co que estou en absoluto de acordo, téndome manifestado coincidente co mesmo pensamento varias vegadas, aínda que non soupese eispresalo coma tí, igoal sobor do retrato. Aparte, envíoche o meu derradeiro libro de dibuxos, Figurando recuerdos. Tamén fixen un comentario radial sobor do libro de Maside e do número de Insula.
Escríbeme. Recibide unha aperta moi forte do teu amigo:

Seoane

29/09/1959
Remitente/s:
RAMÓN PIÑEIRO
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Destino
Bos Aires, Arxentina
Orixe
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta mecanografada con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane


Compostela, 29-IX-59

Sr. D. Luis Seoane
Buenos Aires

Meu querido amigo:

Recibín a tua carta. Por ela vexo que che gustou o número galego de ínsula. Eu estaba bastante confiado en que che gustaría porque, tomado en conxunto, resulta un número serio e digno. En xeneral, produxo moita sorpresa, mesmo na propia Galicia. Esa súpeta e briosa aparición das letras galegas vén ser como un clarinazo esterior do fondo e intenso rexurdimento interno que se está a producir na i-alma coleitiva de Galicia. Xa ves, tivemos que agardar cinco anos pra o poder sacar, máis o verdadeiramente importante, o siñificativo, é que salíu e, sobre todo, “reflexa unha realidade”.
Vexo que che desagradaron algunhas espresións da “carta” do Landeira. En realidade, tal vez se trate, pola tua parte, dunha reaición máis emotiva que refreisiva, pois, polo que me dixo Domingo, manifestas certa mágoa nos xuicios consagrados a ise tema na carta que íl recibíu. Con todo, si conoceses persoalmente ó Landeira seguramente non lle tomabas tan a mal esas espresións. Il é un mozo galego cheo de vitalidade e de talento, que non tivo á sua disposición máis medios que a sua enerxía i o seu traballo, que conoce e viviu a realidade popular galega, posto que dela é fillo e nela se criou, que emigrou en percura dunha seguridade económica que eiquí non atopaba e que, nas horas libres do traballo, soupo adequirir por si mesmo unha espléndida cultura que xa quixeran moitos universitarios. Home de vontade enérxica e de intelixencia axil e crara é, en cambio, moi pouco inclinado a sensiblerías e sentimentalismos. Ten unha marcada preferencia temperamental por o lado vital, rexo, varonil i emprendedor da realidade humá, e, simultáneamente, certo desdén instintivo polo lado lacrimoso e patético. Esta aititude non é filla de prexuicios senón refrexo da sua auténtica persoalidade temperamental. É un de tantos mozos galegos lanzados en plena mocedade á esperiencia emigratoria. Naceu e viviu no seu do pobo traballador. Conoce e ama a ise pobo, que é o seu. Ora, a sua aititude estimativa nace da esperiencia vivida por íl e máis do seu persoal temperamento. ¿Que non coincide coa visión ou coa idea que outros teñen? Certo, moi certo. Mais esta diversidade é completamente natural e inevitabel. Cada ún, dacordo co seu temperamento, tende a ver ou preferir un lado determinado da vida.
Celebro moito, moitísimo, que che teña gustado o album de Maside. Fixémolo con gran amor. No é doado que te decates da cantidade de dificultás que tivemos que vencer. O esforzo que vimos facendo nútrese do entusiasmo ilimitado e da ilimitada capacidade de sacrificio dunha minoría abnegada que ten concencia do seu deber. Por ser unha minoría conscente e decidida, a obra vai e seguirá indo adiante. Tivemos moitos atrancos. Agárdannos aínda moitos máis. A obra seguirá. Nistes derradeiros tempos démoslle realidade ó Diccionario de D. Eladio, ó libro de Pimentel, ó número de Ínsula e máis ó album de Maside. Toda ela, colleita que quedará pra sempre. E así seguiremos, calada e tenazmente. Partimos dunha convicción fundamental: o que verdadeiramente vale é a obra feita. E nós non percuramos outra xustificación que a da obra que levemos a cabo en común. Pouco importarán as críticas ou ataques que se poidan facer a un ou a outro si a obra realizada polo esforzo común é necesariamente respetabel. E sabemos que xa o é.
Non preciso de che decir canto me folgo de que che teña pracido o prólogo ó album. O teu xuicio, xunto cos de Xohán Ledo e máis Anxel Fole, interesábame francamente, por séredes os tres masidiáns máisimos que eu conozo. Tiven a inmensa ledicia de que fose aprobado polos tres. Tamén me interesaban outras opinións –Domingo, Celestino, Carballo, etc.– pro por motivo distinto. En realidade, dubidei moito antes de me encarregar dil. Inicialmente eu pensara en Domingo, e Domingo en Celestino. Calquera dos dous –eso é completamente certo– houbérano feito millor ca min. Si ó cabo me encarreguei, foi por unha razón ouxetiva: que por se tratar dun homaxe de Galaxia a Maside –na que compartimos dende o comezo dúas funcións paralelas en responsabilidade, íl a direición artística i eu a direición literaria– parecía natural que representase eu a Galaxia niste caso concreto. E tamén por unha razón subxetiva: porque estaba certo de que ó propio Carlos lle tería sido grata esa decisión si a poidese conocer. Seino porque ó longo dos centos e centos de horas que temos consumido en plácido diálogo sobre tantas e tantas cousas, moitas veces tenme estimulado a que escribise sobre temas de arte. Nin il nin eu sospeitábamos que a primeira cousa que escribise sería sobre o seu propio arte. En realidade, máis que de recoller ises estímulos eu preocupábame de facer que íl, Maside, fose quen escribise sobre arte. Conquerín, ó longo de tres meses de persuasivas e insistentes xestións, que escribise o seu fermoso ensaio sobre a estética da fotografía popular, publicado, como sabes, no Grial. Tratarei dispois de que escribise outro ensaio semellante sobre o tema xeneral das “formas” (sobre o que tiveramos moitas conversas). Prometeumo. Mais faltáronlle folgos físicos. Como lle faltaron pra acometer outra tarefa prometida: unha monografía sobre o Palacio de Gelmírez (pra decidilo, eu prometéralle que a faríamos en colaboración, mais coa oculta e decidida intención de ilo empuxando pouco a pouco hastra que tivera feita sin se decatar). Foi pena porque, dado o entusiasmo que tiña por esa xoia románica, houbera feito unha monografía interesantísima. Todos ises proieitos e outros moitos, algúns realizados, xurdían nas nosas conversas sobre Galaxia. Carlos, Pimentel e máis Cuevillas foron tres baixas tremendas que tivemos no núcleo galaxián. Os tres compartían as nosas arelas e inquedanzas. ¡Cantas conversas inesquecentes no estudo de Carlos, no despacho de Pimentel e no comedor do Cuevillas! Na medida das nosas forzas tratamos de honrar ós tres.
Estiven en Vigo con D. Ramón o dia que chegou de ahí. Viña moi ledo e animoso. E cheo de gratitude pra todos. Xa nos contou o homaxe que lle fixo Citania e nos dixo que vos entregara un libro pra editar (unha biografía novelada de Rosalía, coido). Ás poucas horas tivo que salir pra Santander e inda non voltou. Xa non tardará moito.
Despois de moitas viravoltas, os amigos do Cunqueiro conqueriron autorización pra que se representase o D. Hamlet (modificando algunhas espresións do texto) e púxose no Teatro Colón da Coruña o 31 de agosto. Estivo completamente cheo e tivo gran éisito. Agora vaise poñer no Fraga de Vigo e no Círculo das Artes de Lugo. En Vigo figúrome que terá un gran éisito, pois alí hai un numeroso e moi calificado núcleo de cunqueiristas (que foron, en realidade, os que deron a batalla en favor de D. Hamlet). Dende logo, a popularidade que hoxe en dia ten o Cunqueiro é realmente enorme.
Xa sei que celebras varias esposicións simultáneas e que preparas un viaxe a Centroeuropa. ¿Pasarás por Galicia?
Unha aperta moi forte do teu amigo

Ramón Piñeiro

[Escrito a man]
PD: Non estaría mal que lle fixésedes chegar a Canito, direitor de Ínsula, algunhas cartas de felicitación polo número galego. Il, que é granadino, portouse moi ben co número adicado ás letras galegas. Tiña sincero interés en sacalo.

04/09/1961
Remitente/s:
RAMÓN PIÑEIRO
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Destino
Bos Aires, Arxentina
Orixe
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta manuscrita]

Localización física
Fundación Luis Seoane

Compostela, 4-IX-61

Querido Luis:

Chegamos hai dous dias de Asturias, pois Isabel é de Xixón e sempre pasamos alí parte das vacacións. O mes de agosto repartímolo entre Coruxo, Láncara, Xixón e Castropol. Por eso non puiden recibir e atender o teu amigo Jacobo Kogan, que veu a Compostela coincidindo coa nosa ausencia. Pasou igual con Canito, o direitor de Ínsula, e con un profesor brasileiro. Sinto de veras non lle ter podido amostrar Compostela ó profesor Kogan. Tódolos anos nos ocurre o mesmo, por ser o mes de Agosto de moita afluencia de forasteiros.
O de Aquilino foi abraiante. Il sentíase algo froxo de saúde, pro era debido á sua vella e descoidada diabetes. Aquiles dias andivo normalmente con uns i outros. O mesmo dia que morreu fixo vida normal e tiña un taxi agardando pra saír de viaxe cando se sentíu mal. Un súpeto infarto de miocardio estranguloulle o folgo en poucos minutos. Eiquí tivo resoanza a sua morte e veu xente de toda Galicia ó enterro. Eu estaba en Vigo e viñen co Cunqueiro, o Paco, o Ferreiro e mailo Alvarez Blázquez. Pouquiños dias antes estiveramos falando longamente no Instituto P. Sarmiento do seu Diccionario e dos problemas ortográficos do galego. Tamén falamos da sua saúde, pro non lle notei desalento. Pola contra, mostrábase disposto a se someter a un tratamento serio. E faloume dunha idea que íl tiña pra facéremos unha escursión de varios dias por Galicia. Foi unha pena que morrese tan prematuramente. Aínda tiña moito que facer na nosa cultura.
Dixéronme que estivo eiquí Rafael Dieste e que marchou a Extremadura e Madrid. Tamén lín nun xornal atrasado que se puxera A Fiestra valdeira en Rianxo. Eiquí, na Coruña e mais en Vilagarcía púxose Os vellos non deben de namorarse. Acudíu moita xente nos tres sitios.
Moitos saúdos nosos a Maruja e de Isabel pra tí. Unha aperta moi forte do teu amigo

Ramón


                                      

IDENTIDADE | PERFIL DO CONTRATANTE | LEI DE TRANSPARENCIA | AVISO LEGAL

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

. Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña
Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205
Correo electrónico: epistolarios @consellodacultura.org