Idiomas: Español / English
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202
Directorio de contactos
epistolarios

As cartas de Ramón Piñeiro sobre...

SAUDADE (LIBRO)

O título orixinal foi La saudade editado en Vigo por Galaxia en 1953. Colaboraron Ramón Piñeiro, Domingo García-Sabell, Rof Carballo, Xesús Alonso Montero, Elías de Tejada, Francisco Fernández del Riego, Lois Tobío e Manuel Vidán.
Carta: 1 a 4 de 4
22/09/1951
Remitente/s:
RAMÓN PIÑEIRO
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Destino
Bos Aires, Arxentina
Orixe
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta manuscrita]

Localización física
Fundación Luis Seoane

Santiago de Compostela, 22-9-1951
Sr. D. Luis Seoane
Buenos Aires

Meu querido amigo:
Istes días lin no xornal La Noche un artigo de Lorenzana adicado a tí. Lendo o artigo, sentín ganas de che escribir unhas liñas pra che decir que somos moitos máis dos que tí te imaxinas os que eiquí seguimos con atención e con sinceira ademiración a laboura teimosa, calada i-eficaz que ano tras ano ves realizando en proveito do patrimonio espiritoal galaico. A influencia persoalísima da tua laboura percíbese ben en moitas cousas das que ahí se fan, sobre todo nas que constitúen motivo de orgullo pra nós. Moita xente que non te conoce persoalmente sabe de tí e do que ahí vés facendo. ¡Cantas veces nas miñas pelerinaxes por Galiza tiven que satisfacer a curiosidade dos que me preguntaban por tí! Tamén me preguntaban por outros, craro está, pois eiquí viveuse durante moitos anos cos ollos postos na outra banda do Atlántico. Dígoche todo isto, inda que non veña moito a conto, porque a leitura do artigo de Lorenzana tróuxome ás mentes todas istas lembranzas e sentín un vivo desexo de comunicarchas.
Mándoche tamén un traballiño sobre a saudade que publiquei no nº 1 de Grial. Por eiquí i-en Portugal tivo boa acollida –millor do que eu podía imaxinar– pro en Madri espertou unha reaición violenta n-algún xornal de por aló.
Dispón como gustes e recibe unha forte aperta d-iste teu bó amigo
Ramón Piñeiro

19/01/1952
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
RAMÓN PIÑEIRO
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Destino
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane

Buenos Aires, 19 de xaneiro de 1952

Sr. D.
Ramón Piñeiro
Santiago de Compostela

Querido amigo:
Recibín a túa carta escrita con motivo d-un artigo de Del Riego que che agradezco moito. De tí, coma de todol-os amigos que estades ahí, lémbrome decote. As vegadas falei de tí con un grande amigo teu, de Lugo, que che estima fondamente, Lorenzo Varela, que agora está en Montevideo, un dos máis importantes poetas nosos e cuia laboura é cuasi descoñecida n-esa. De tí e de Fole (de quén non sei ren e ao que adiquei un libro de dibuxos fai anos, Homenaje a la Torre de Hércules que nunca puiden remitirlle por non ter o seu enderezo), falamos Varela i-eu lembrándonos. Pra mín recibir a tua carta despóis de tantos anos de ter novas cuasi perdidas túas, costituíu un contento como non podedes ter idea os que n-esa vivides. Eiquí estamos isolados traballando, coma podemos, facendo máis do que podemos en meio d-este enorme engano. Pol-a nosa parte, temos o orgulo afirmar que soios fixemos tanto por Galiza en doce anos como toda a colectividade xunta n-ese mesmo tempo, aínda que ahí pensedes outras cousas xa que non tedes máis informazón que as nosas corresponsalías en Bos Aires e os viaxeiros, os que poden ir a esa por inócuos que xa é importante que vos visitan cada Dia de Sant-Iago. Máis todo está ben. Non nos abandoamos á propia e xa chegará o dia das aclaracións sen perdón.
Leín o teu mañífico traballo sobre a saudade, xa o tiña lido no númaro 1 de Grial e agradézoche moito o envío da separata. Chamoume atención sobre todo a interpretación galaico-portuguesa de filosofía feita sobre a base do sentimento común da saudade.
Piñeiro agradézoche as tuas verbas d-alento, xa escomeza a facernos falla aos que traballamos lonxe da terra, dos amigos e de todo aquelo qu-estimamos.
Recibe a forte aperta d-este amigo do que podes dispor:
Seoane.

27/01/1954
Remitente/s:
RAMÓN PIÑEIRO
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Destino
Bos Aires, Arxentina
Orixe
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane

Compostela, 27 de xaneiro do 1954
Sr. D. Luis Seoane
B. Aires

Benquerido Seoane:
Recibín a tua carta. Fólgome moito do éisito que tiveron os dous murales que recentemente fixeches. Eu sabía que che foran encomendados, pois informárame oportunamente o Domingo, e confiaba instintivamente no teu trunfo. As mostras que pouco a pouco vannos chegando de teu contínuo e intenso labor artístico non poden ser máis confortadoras. Un vigor san, no que vida e sentimento fúndense nunha pura inocencia ideal, resprandece nidiamente en tódal-as tuas cousas. Máis que a de artista ningún, a tua obra está feita co celme do teu propio corazón, co celme de un grande corazón. E iso, que se percibe misteriosa i-espontaneamente nas tuas cousas, espertou primeiro o noso interés, dispois a nosa simpatía e, derradeiramente, a nosa ademiración afervoada, o noso entusiasmo sin reservas. O teu arte, querido Luís, témolo por un arte “noso”, vivímolo e sentímolo como algo que “nos pertenece”. Níl hai algo co que todos sentímonos identificados, seipamos ou non seipamos ben o qué. Poidera coidarse que consiste nise logradísimo acerto formal de saberes identificar a nosa entrañábele tosquedade románica co-a elementalidade esencial do feitío moderno. A min paréceme, con todo, que non consiste soio niso, senón que máis ben atopamos en todal-as tuas cousas a imaxe de unha realidade vista desde un plano ideal do sentimento. Todo está envolto nunha invisíbele atmósfera de idealismo sentimental, todo se nos amostra con unha presencia real, vigorosa, san, e ó mesmo tempo, con unha sutil e vaga sensación de irrealidade, talmente coma se fosen cousas ó mesmo tempo vividas e soñadas no sentimento, ó mesmo tempo reales e irreales. Ou seña: é unha realidade dotada de toda a súa plenitude entitativa e ó mesmo tempo idealizada, ennobrecida sentimentalmente. De ahí que esteñas en posesión de un dos grandes segredos do esprito galego: o lirismo. O lirismo é o lingoaxe da nosa trascendencia. E tí, querendo ou non, sabéndoo ou sin o saberes, fálasnos nise lingoaxe das nosas verdás íntimas. Por iso as cousas que saen das tuas mans “son de todos nós”. Comprendo moi ben o amargurado dunha vida como a tua que ten que loitar co-a soedade, co-a lonxanía e co-a aspereza do medio. Moitas, moitas, moitas veces pensamos en vós e comprendemos a vosa mágoa. Non penses que non nos doe moi fondamente a lembranza da vosa lonxanía. Mais nós chegamos a nos decatare de que o único xeito de acompañar, a única maneira de crebar o voso isolamento espritoal, é facendo cousas, boas ou malas, que vos leven o alento vivo da Terra, que vos leven a certeza de que eiquí hai vida e confianza na diñidade do noso ser coleitivo. Canto facemos, cada ún na medida das súas forzas, está destinado a vós inantes que a ninguén. Por iso mesmo, prestamos unha grande atención a canto vós facedes, que pra nós vén a ser motivo de confianza e de fe. Cada cousa nova que nos chega, é un testemoio de que os perigos (pasados, presentes ou futuros) que amenacen a creación cultural dentro da terra, nunca poderán comprometer o seu destino inmortal. Fora hai quen a continúe. E tí, meu bó e querido amigo, tés a responsabilidade de encarnar en tí mesmo unha das máis firmes e outas garantías dista nosa fe, dista confianza que tanto nos anima nas horas de inquedanza. Non podes, de ningunha maneira, abandonarte á desilusión, por longa que vaia sendo a tua ausenza, porque todo o teu labor ten pra nós un outo siñificado. Si así non for, non sentiríamos a necesidade de facer presente en Galicia a tua obra. E ista necesidade sentímola, non por impulsos de pura amistade, senón pol-a sua siñificación ouxetiva. E pol-as mesmas razóns ouxetivas foi pol-o que lle encarregamos a Domingo de ser o seu definidor, xa que íl é, entre todos, o único que ten o privilexio de a conocer de maneira plena e direita, ademáis de ser, pol-a sua sensibilidade finísima e pol-a sua crara intelixencia quen millor o podía facer.
Nistes dias sairá o primeiro tomiño da coleición Monografías de Arte Novo, que está adicado a Colmeiro, con introdución de Bonet Correa. Axiña irá o adicado a Maside, con introdución de Xoán Ledo. Dispois virán o Eiroa e máis o Seoane, ún feito por ti i-o outro por Sabell.
Tamén estamos facendo unha nova edición da Guía de Galicia, de Otero Pedrayo, que quixéramos ter lista aló pra o abril. E simultaneamente iremos imprentando o Onomástico Etimológico de la Lengua Gallega, do P. Sarmiento. Xa ves que tratamos de ir facendo cousas. Teño a espranza de que tamén dentro de iste ano pubricaremos un tomo de prosas galegas de Sabell, que por certo será unha verdadeira revelación. Estou convencido de que íl ha ser un verdadeiro renovador da prosa literaria galega.
Como podes comprender, alégrome moito da próisima saída dise libro de Lorenzo Varela. Lémbrome moi ben dos primeiros versos galegos que escribíu nos tempos da nosa adolescencia luguesa. Dende aquiles tempos sempre fun sabendo indireitamente da súa vida e traballos, pois sempre conservei a mesma fe que xa de rapaces tiñamos na súa valía. Daquela, xunto co-as íntimas inquedanzas poéticas, que níl eran ben acusadas, amostraba unha vontade enerxicamente aitiva e unha crara intelixencia, que facían díl un eficaz home de aición. Coido que foi desenvolvendo a súa vida paralelamente nistas duas liñas; supoño que asegún o mandado das circunstancias entregarase á poesía ou á aición. Pol-a miña parte, como sempre gostei da súa poesía, non lamento calisquer impotencia aitiva imposta pol-as circunstancias que lle poida ocurrir, pois nos versos ten un radio de aición máis amplio, tanto espacial como temporalmente, e sempre seremos máis os que participemos nos seus froitos.
Mandeiche o meu traballo novo sobre a saudade. Supoño que xa o terás no teu poder.
Por eiquí estamos padecendo unha boa invernía. Onte e hoxe está Santiago nevado.
Unha aperta moi forte do teu amigo
Ramon.

12/08/1962
Remitente/s:
RAMÓN PIÑEIRO
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Destino
Bos Aires, Arxentina
Orixe
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta manuscrita]

Localización física
Fundación Luis Seoane

Compostela, 12-VIII-62
Sr. D. Luis Seoane
B. Aires

Benquerido e lembrado Luis:

Hai dias, o matrimonio Diaz pasou pola miña casa e deixou, da tua parte, unha fermosísima xoia bibliográfica: Del diario poético de Miguel Unamuno. Sintín ben non estar na casa cando viñeron, que foi un dia que eu andaba acompañando a Prada. Como estaban de paso, non cheguei a velos. E non che escribín antes porque alguén me dixo que te cambiaras de casa –coido que foi o Dieste– e tiven que percurar as novas señas.
Con todo o rarecho i o egotista que era o gran don Miguel, estou certo que se quedaría admirado, si a vise, da espléndida edición que lle fixéstedes ós seus poemas. E, dende logo, non é pra menos, porque o libro é moi fermoso. Figúrome que nunca soñou con ver os seus poemas editados tan maravillosamente.
Ben se pode decir, meu querido Seoane, que eres tí un dos que máis teñen contribuído á diñificación –á categorización– estética do libro hispánico no século xx. A tua aitividade artística é moi amplia e diversa, pro unha das facetas dela que non deberán esquencerse é mesmamente a da renovación e valorización estética do libro.
Moito che agradezo que me teñas enviado un exemplar adicado. Tanto a Isabel como a min producíunos gran emoción. Os dous lembramos con frecuencia e sempre con agrado as horas fugaces que pasamos xuntos e que pra nós son inesquecentes.
Pasou por eiquí Francisco Romero, que é, por certo, gran amigo e admirador teu. Acompañámolo unha tarde polas Rías Baixas. Ademáis do seu interés inteleitual, que eu xa conocía a través da súa aitividade filosófica, ten tamén un gran interés humán.
Díxome o Dieste que andabas matinando en vir a Galicia. Ben sabes cánto me alegraría. Quen veu, como sabes, foi Arturo Souto. Aínda non o vín.
Ahí en B. Aires editaron os rapaces unha tradución castelán dos dous ensaios que eu escribín encol da Saudade. Acabo de recibir uns cantos exemplares. Inda que tí os conoces na súa versión orixinal, mándoche un exemplar.
Moitos saúdos nosos a Maruxa e de Isabel pra tí. Unha forte e cordial aperta do teu amigo certo

Ramón Piñeiro


                                      

IDENTIDADE | PERFIL DO CONTRATANTE | LEI DE TRANSPARENCIA | AVISO LEGAL

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

. Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña
Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205
Correo electrónico: epistolarios @consellodacultura.org