Idiomas: Español / English
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202
Directorio de contactos
epistolarios

As cartas de Ramón Piñeiro sobre...

LA VOZ DE GALICIA

Xornal galego, un dos de maior difusión, fundado en 1882 por Juan Fernández Latorre na Coruña.
Carta: 1 a 5 de 5
Remitente/s:
RAMÓN PIÑEIRO
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Destino
Bos Aires, Arxentina
Orixe
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta manuscrita]

Localización física
Fundación Luis Seoane

Querido Luis: [s/d]

Figúrome que xa che terán enviado estas decraracións aparecidas en La Voz de Galicia. De todolos xeitos, por si non chas mandaron, ahí che van. Polo de agora, non vin que tiveran eco.
Están compoñendo o libro de homenaxe ao Penzol. Cando o teñamos listo, xa cho mandaremos. O Colmeiro fixo un dibuxo, e tamén o Laxeiro.

Apertas nosas para os dous.

Ramón
Cando vexas ao Lorenzo Varela dille que estes dias estuvo eiquí en Santiago o lugués Saturno Lois para operarse da próstata. Pasei algunhas tardes con el e lembrámonos moito do “Argentino”, que así lle chamabamos en Lugo ao Varela. Dalle saúdos.

10/12/1971
Remitente/s:
RAMÓN PIÑEIRO
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Destino
Bos Aires, Arxentina
Orixe
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta manuscrita]

Localización física
Fundación Luis Seoane


Compostela, 10-XII-71

Benquerido Luis:

Supoño que estaredes xa en B. Aires e que fariades felizmente o viaxe.
¿Sabes? O domingo aparecéu na Voz o dibuxo que me fixeras. Foi unha sorpresa porque non sabía cando iba sair. A semblanza que lle escribiches producíume unha gran emoción, que aumentaba según iba avanzando na leitura. Sei da tua inmensa xenerosidade e contaba con ela, pro, neste caso, ademais da xenerosidade percíbese unha vontade consciente de valoración que só o agarimo amistoso pode espricar. Sinceramente cho digo: impresionoume moito.
Tamén che quero decir que moitos amigos me levan falado desa semblanza. Producíu sensación entre os amigos. Nestes días teño que gardar cama –dende a cama che escribo– por mor dunha vella doenza gástrica que estaba esquecida e déuselle por repetoutear de súpeto, e, con tal motivo, viñéronme ver moitos amigos. Todos, todos me falaron da tua semblanza. Algúns recortárona. Sin duda porque coinciden no agarimo amistoso, acolleron con sinceras loubanzas os teus xuicios.
Eu pouco che podo decir. Somentes que me emocionei moito. E que a conservaréi sempre como unha das mellores prendas de amistad que teño recibido.
Apertas nosas para os dous

Ramón

02/03/1972
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
RAMÓN PIÑEIRO
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Destino
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane


Buenos Aires, 2 de Marzo de 1972

Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago

Querido Piñeiro:

Agradézoche moito a tua carta do 21/II/72, pois non tiña noticia nengunha de que as oposiciós de Carballo Calero poderían sere para estas datas, mais ben matinaba que terían de sere, non sei por qué, no vrau. Destaves non o vin, pois as moitas idas a Santiago foron sempre por breves horas e pra atoparme coa familia da que teño unha chea nesa cidade. Hoxe escríbolle felicitándoo. Penso que é unha moi boa adequisición pra Universidade. Noutras condiciós fai xa anos que tiña de sere cadeirádego da Universidade Compostelán.
Pola miña parte traballo illado. Renunciéi a unhas eisposiciós de obras miñas proieitadas polo Ministerio de Relaciós Exteriores deiquí polas razós que te imaxinarás i en solidaridade con outros pintores con obras censuradas polos seus temas. Mais estóu contento do traballo. Traballo tamén nunha escolma de crónicas que foron pra a radio deiquí referidas a cusas (sic) galegas e que cecáis remitiréille a Paco.
Trátase de crónicas encol de temas moi pouco tratados. Traballo, esto é todo, e remítolle as “Figuraciós” que podo a La Voz de Galicia.
Saúdos moi garimosos a Maruxa e meus pra Isabel, pra tua irmán e pra tí. Mais unha aperta grande pra tí de:

Seoane

29/02/1976
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
RAMÓN PIÑEIRO
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Destino
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane


Buenos Aires, 29 de Febreiro de 1976

Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago de Compostela

Querido Ramón:

Recibín duas cartas que agradezo moito, referidas a Insectario, e a noticia que me remites da mostra dos grabados de ese album na galería Mestre Mateo de A Coruña. Efectivamente non tiña noticia desto, supoñía que a farían mais ninguén me dixo que a estaban facendo. Entereime polo recorte da Voz que me remitiche.
Sigo con atención as noticias que chegan de España, que están inquedando a algunha xente de aquí, e tamén chegou algunha particular como a interrupción de un núcleo de estudantes en Santiago a Valenzuela, nunha conferencia sua, sin saber nos por qué ou sin sospeitalo. Das noticias de aquí non podo decirche nada. As que se publican son, en xeral, exactas, mais ben pálidas e poucas. A realidade e variedade delas é superior.
Eu traballo o que podo pechado no meu estudo, apenas vexo a ninguén e non saio casi nada á rúa. Teño tres mostras neste ano e agardo poder facelas. Non teño a seguridade tal como están as cousas, mais eu traballo.
Lembrámonos moito de todos vos, os amigos de ahí. Voltaremos no 77, cecáis en Xaneiro. Unha grande e agarimosa aperta de Maruxa e miña para Isabel, Sara e pra tí:

Seoane.

15/12/1976
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
RAMÓN PIÑEIRO
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Destino
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane


Buenos Aires, 15 de Nadal de 1976

Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago

Querido Piñeiro:

Soio duas liñas para agradecerche o envío da páxina da Voz de Galicia coa entrevista a Francine Sucarrat. Nos estaremos en esa dentro de poucas semanas. Inauguro agora eiquí unha nova mostra de pintura e nos primeiros días de Xaneiro estaremos na Coruña. Falaremos das moitas cousas que pasaron no 76. Entre elas da reunión que tivéchedes despois de coarenta anos Varela, Fole e tí. Para mín foi éste un ano de moito traballo. Estes días salíu un Bestiario que vos levarei. Hoxe nada mais. Supoño estará en esa Palmás. Escribíume fai poucos días.
Unha gran aperta de Maruja e miña pra Isabel, Sara e para tí:

Seoane.


                                      

IDENTIDADE | PERFIL DO CONTRATANTE | LEI DE TRANSPARENCIA | AVISO LEGAL

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

. Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña
Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205
Correo electrónico: epistolarios @consellodacultura.org