Idiomas: Español / English
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202
Directorio de contactos
epistolarios

As cartas de Ramón Piñeiro sobre...

REVISTA GALICIA

GALICIA: Galicia. Rrevista del Centro Gallego de Buenos Aires é a revista decana das publicacións galegas en América con máis de noventa anos de existencia é o órgano de comunicación do Centro Gallego de Bos Aires. Comezou a editarse o 1 de xaneiro de 1913 co nome de Boletín Oficial del Centro Gallego.
Carta: 1 a 4 de 4
17/03/1953
Remitente/s:
RAMÓN PIÑEIRO
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Destino
Bos Aires, Arxentina
Orixe
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta manuscrita]

Localización física
Fundación Luis Seoane

Compostela, 17-3-53

Meu querido Seoane:
Fai xa tempo que recibín o teu fermoso libro Fardel de eisilado. Fun demorando o escribirche porque ista tempada estiven verdadeiramente atafegado co-as cousas que tiña retrasadas. Pirmeiro, por causa do casamento –caseime fai uns meses– e logo, pol-a morte case seguida de dous familiares, tiven que me ausentar bastante tempo d-eiquí e tiña moitas cousas atrasadas. Agora xa estou ó día e xa teño lecer para lles escribir ós amigos.
A mín deixárame o Maside o seu exemprar de Fardel de eisilado. Foi a pirmeira leitura. Dispois, cando recibín o que me mandaches a mín, volvín a lelo varias veces. Tamén llo deixei ler a varios amigos, especialmente ós rapaces novos. Atopo níl unha gran forza emotiva, que sin dúbida é a que lle dá ise alento poético que envolve todo o libro. A imaxe representativa do “povoador galego” que se reflexa no poema do Ramón Cernadas é sinxelamente impresionante. Outros, como Building castles in Spain, unen a forza da fatalidade á sinxeleza elemental da espresión, acadando un acerto poético máisimo. Pódesme crer, querido Seoane, que o teu Fardel de eisilado é un dos libros máis orixinais e sinceros que se escribiron na nosa língoa n-istes derradeiros anos. Dígocho de todo corazón, tal como eu o sinto. Tamén me interesou enormemente o teu esforzo idiomático, que será máis apreciado canto máis tempo pase.
Si non mo tomas a mal, quéroche pedir un favor. Nos lotes de libros que o Centro Gallego enviou a varias persoas de por eiquí viña un exemprar da revista Galicia (número estraordinario non sei si do ano 40 ou do 41) no que hai reproducido un grabado en madeira teu que me gustou estraordinariamente e que me gustaría tel-o sempre á vista ¿Poderíasme tí conquerir un exemprar de Galicia e mandarmo? Eu fixen algún sondeo cos que a recibiron no envío dos libros, mais, como é natural, ningún quer desprenderse d-ela.
Por eiquí loitamos con bastantes dificultás técnicas. Con todo, cada dia hai máis azos na xente. Unha nova promoción de rapaces que agora chega tráenos o alento vivo e quente do seu ledo entusiasmo.
O Maside está preparando unha exposición eiquí en Compostela, que será na segunda quincena de abril.
Tomamos café no Español e lembrámoste a ti moitas veces.
Unha aperta moi forte do teu bó amigo
Ramón Piñeiro

01/04/1953
Remitente/s:
RAMÓN PIÑEIRO
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Destino
Bos Aires, Arxentina
Orixe
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta mecanografada con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane

Compostela, 1º de abril do 1953

Meu querido amigo:
O domingo viñeron o del Riego e máis Evelina a pasar dous dias eiquí en Santiago. O Paco aproveitou a ocasión pra me decir que tiña recibido carta tua e que estabas estranado do meu persistente silenzo. Ó mesmo tempo, o bó do Paco reprochábame isa aititude, sobre todo –alegaba il– porque non se corresponde co-a realidade da miña viva estimanza por todo o que tí fas. Tiven que acrararlle ben as cousas pra que se convencese de que non había o máis lixeiro motivo de reproche. Agora quero tamén acrararchas a tí, pois d-ise xeito quedo eu máis tranquío.
Teño que comezar por che decir que eu escribinche a tí en dúas ocasións distintas –a pirmeira, por Perfecto López, a segunda, o vran pasado por correo aéreo– i-endexamáis tiven resposta. Tamén che mandei unha separata do meu ensaio Siñificado metafísico da saudade adicada e non tiven noticia de que a recibises. Sei que o Abraira traguía unha carta tua pra mín, pro isa carta perdeuse no Atlántico e non chegou ás miñas mans. Con todo, eu escribinche no vran pasado unha carta ben espresiva da que tampouco tiven resposta. Tanto ista carta como anteriormente a separata adicada do meu ensaio, mandeichas ás señas da revista Galicia, pois eu non conocía outras. A pirmeira cousa tua que recibín foi Paradojas de la Torre de Marfil, que ma entregou Vázquez da Xesta no mes de Noviembre, e dispois chegoume por correo Fardel de eisilado. Retraseime algo en escribirche porque cando Vázquez me entregou o pirmeiro libro, eu acababa de me casar e poucos dias despois morreu a nai da miña muller, acontecemento que nos obrigou a ausentarnos novamente de Galicia. Entre ambas ausencias, prodúxose un considerabel trastorno na regularidade da miña correspondenza. Cando restablecín a normalidade nas miñas aitividás epistolares, escribinche decontado, ista vez ás señas que veñen manuscritas en Fardel de eisilado. Teño a espranza de que a recibises.
Douche todos istes detalles pra que vexas que pol-a miña parte non houbo reserva ningunha, nin podía habela, pois o certo é que non hai motivo algún pra ter reserva persoal. O único motivo que eu podía ter era talmente o teu silencio, o non recibir resposta tua nunca. Ten presente que o Vázquez entregoume en Noviembre o pirmeiro libro que recibín teu. Con todo, a través do Paco e máis do Maside sempre fun sabendo de tí, non soio de tí persoalmente, senón da tua obra, porque me prestaban os exemprares que iles teñen. E aínda che podo decir que me teño por un dos máis entusiastas propagadores das tuas cousas entre a xente moza, pois heiche de confesar que, pra a miña maneira de ver, a tua obra é unha das poucas cousas que verdadeiramente merecen estima. N-ila refréxase unha visión apasionada de Galicia, unha visión nobremente apasionada, pois sempre é nobre a pasión que nace da sinceridade; unha visión co-a que se podería ou non coincidir si se tratase de valorar ouxetivamente os feitos, mais co-a que non cabe discrepancia algunha en canto que é unha interpretación artística dictada pol-a sinceridade humanísima de un artista de gran corazón. Así é como eu a vexo. E mesmamente por iso é pol-o que penso que debe de ser conocida i-estimada entre nós.
Moito me alegraría de que ista carta servise pra levar ó teu ánimo o convencemento de que a miña aititude non foi nunca reservada, ou seña, non foi estúpida. Tan incomprensibel como lle resultaba ó Paco isa suposta reserva, resultaríame a mín mesmo se tratase de a imaxinar. Ten presente que eu, cando teño motivos de discrepancia ou de discusión con algún amigo, non reparo pouco nin moito en manifestarllo abertamente. Isto xa che indica que non cultivo a “reserva” como forma normal de relación persoal. Tan soio a utilizo no plano político.
Apresureime a escribirche en canto se marcharon Paco e mais Evelina porque quedo máis satisfeito acrarando canto antes iste asunto. Estou seguro de que, dispois de leres ista carta, trocarás de opinión no tocante ó meu comportamento, pois eu estou certo de que foi sempre plena e sinceramente amistoso.
Unha forte aperta do teu decote amigo
Ramón Piñeiro

06/10/1953
Remitente/s:
RAMÓN PIÑEIRO
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Destino
Bos Aires, Arxentina
Orixe
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta manuscrita]

Localización física
Fundación Luis Seoane

Compostela, 6-X-1953

Meu querido Luis:
O noso común amigo Domingo tróuxome, ademáis de moitas noticias da túa vida ahí, un fermoso grabado teu con unha garimosa adicatoria. Non sabes canto cho agradecín. Eu conocía ise grabado porque fora reproducido nun número estraordinario de Galicia. Encarregueille a Domingo que me conquerira un exemplar dise número de Galicia. Xa te podes maxinar a miña sorpresa –e tamén a miña emoción– cando, en lugar da revista, entregoume o grabado. Ise grabado teu e mais outro que me regalou o Maside fanme compaña permanente na biblioteca, que é o meu lugar de traballo.
Xa sei que vas a facer un gran mural e tamén que istes días estás facendo unha exposición. ¡Canto me gustaría podela visitar! A derradeira vez que vín pintura foi na que fixo eiquí o Maside fai uns meses, que foi verdadeiramente espléndida.
Na revista Lar de ahí saíu un traballiño meu adicado ó teu libro Fardel de eisilado. O malo é que ten erratas dabondo.
Bueno, querido Luis, recibe o meu agradecemento pol-o grabado e unha aperta moi forte do teu bó amigo.
Ramón Piñeiro

20/09/1965
Remitente/s:
RAMÓN PIÑEIRO
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Destino
Bos Aires, Arxentina
Orixe
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta mecanografada con firma autógrafa]

Localización física
Fundación Luis Seoane



Compostela, 20-IX-65
Sr. D. Luis Seoane
Buenos Aires

Benquerido Seoane:

Hoxe recibín de Galaxia a monografía dos teus grabados e pasei un par de horas felices ollando as láminas e léndo o espléndido prólogo que lles puxo Domingo. Quedoume o esprito invadido dun estrano e delicioso pracer, talmente como si tivera batido súpetamente con un requintado i escintilante tesouro. Por eso, sinto a íntima tentación de che escribir unhas liñas de cordial felicitación i ó mesmo tempo de sincera gratitude, porque o tesouro, obra do teu traballo creador, é pra todos nós e pra todolos que veñan detrás de nós. O prólogo de Domingo é un breve, agudo e certeiro ensaio que servirá de pauta interpretativa da tua persoalidade e da tua obra, poisque os seus criterios de valoración son atinados e lúcidos.
Xa sei que estás novamente ao fronte da revista do Centro Gallego. Alégrome pola revista e polo prestixio que eso lle dá ao Centro. Figúrome que pra tí, no orde persoal, non deixará de ser unha carga de traballo.
Eiquí en Compostela, tivemos –e aínda temos– un ano de moito rebumbio coas romaxes xacobeas. Confiamos en que tamén vós aparezades calquera dia por estas ruas.
Moitos saúdos a Maruxa e de Isabel pra os dous. Pra tí, unha forte e cordial aperta do teu amigo

Ramón Piñeiro


                                      

IDENTIDADE | PERFIL DO CONTRATANTE | LEI DE TRANSPARENCIA | AVISO LEGAL

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

. Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña
Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205
Correo electrónico: epistolarios @consellodacultura.org