Idiomas: Español / English
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202
Directorio de contactos
epistolarios

As cartas de Ramón Piñeiro sobre...

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

A Universidade de Santiago de Compostela - USC, é unha universidade pública con sé en Santiago de Compostela, e campus en Santiago de Compostela e Lugo. Foi fundada en 1495 por Lope Gómez de Marzoa.
Carta: 1 a 4 de 4
17/01/1972
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
RAMÓN PIÑEIRO
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Destino
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane


Buenos Aires, 17 de Xaneiro de 1972

Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago

Meu querido amigo:

Recibín as tuas duas cartas e coa derradeira o recorte da entrevista a López Garabal encol do acordo dos albaceas sobor o destino da obra de Maside. Cando os albaceas se xuntaron en Santiago non eisistía, que eu sepa, nesta cidade museo algún de pintura e cando dispoñan de ditas obras facíano, polo menos eu, pensando en que Galicia enteira é unha cidade e que as obras dun artista o mesmo dá que estén en calisquera das suas poboaciós, Vigo, A Cruña, Santiago, etc. Cando Isaac e mais eu matinamos no Museo Carlos Maside decidímonos a facelo no Castro percisamente con ese criterio moi dacordo coas aspiraciós urbanísticas do noso tempo. Dentro de 20 ou 30 anos mais as distancias serán menores e mais a descentralización urbana. A mín danme ganas de rir cando os cruñeses queren sacarlle o que poidan á Universidade de Santiago, ou os vigueses ós cruñeses calquer industria ou escola téinica. O señor López Garabal debe entendere que o Museo de Santiago non eisiste aínda. Que si nunha época o aúntamento de Santiago fíxolle encárregos a Maside, logo do fallecimento déste con motivo da sua eisposición nesa cidade o aúntamento negóuse a pagar o catálogo, o úneco de Galicia. Pero o máis importante é que o Museo de Santiago non eisiste y (sic) eu pola miña parte estaría cecáis en contra da sua fundación. Abondan cos que hai en Galicia. Non se dixo en ningún intre polos albaceas que Santiago tivese sido allea á tendencia renovadora do pintor. Os que estimulábamos a Maside ou éramos de Santiago ou vivíamos alí. O que se dixo sí, é que pra vender ou traballar como artista gráfico tivo que vivir en Vigo. Non pretenderá ninguén que dous ou tres encárregos polo aúntamento poden xustificar nada.
Non sei por que escribo todo esto. Cecáis porque penso que todo o mal noso reside nas pequenas diferencias, nos resentimentos producidos por cousas miudas. Por esas “rencillas parroquiales de nuestros aldeanos” coma dí moi inxustamente López Garabal atribuíndolle ós aldeáns un xeito de aituar distinto ós cidadáns galegos, e sin matinar que en Galicia todos somos aldeáns.
Participéille os teus saúdos a Varela que chos agradeceu moito. Sempre se lembra de tí, de Fole, de Lois, e de outros amigos de Lugo. Non anda ben de saúde.
Unha grande aperta de Maruja e miña pra Isabel e pra tí:

Seoane.

21/02/1972
Remitente/s:
RAMÓN PIÑEIRO
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Destino
Bos Aires, Arxentina
Orixe
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta manuscrita]

Localización física
Fundación Luis Seoane

Compostela, 21-II-72

Querido Luis:

Hoxe póñoche dúas liñas apresuradas para informarte de unha boa noticia: xa temos catedrático titular de Lingüística e Literatura Galega na Universidade de Compostela. Na semana pasada celebráronse en Madrid as oposicións, que Ricardo Carballo Calero ganou brillantemente. Eu asistín aos exercicios –e moitos amigos– e resultaba emocionante. Tres dos exercicios foron en galego. O tribunal estaba formado por Moralejo, Moreno Báez, Zamora Vicente, Alarcos e Filgueira como presidente (por renuncia de Dámaso Alonso).
Saúdos garimosos a Maruxa e de Isabel para os dous. Unha forte e cordial aperta do teu amigo

Ramón


Como o Carballo é amigo teu, por si lle queres escribir, mándoche o enderezo:
Carrera del Conde 4, 1º
Santiago de Compostela

02/03/1972
Remitente/s:
LUÍS SEOANE
Destinatarios/as:
RAMÓN PIÑEIRO
Orixe
Bos Aires, Arxentina
Destino
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta mecanografada]

Localización física
Fundación Luis Seoane


Buenos Aires, 2 de Marzo de 1972

Sr. D. Ramón Piñeiro
Santiago

Querido Piñeiro:

Agradézoche moito a tua carta do 21/II/72, pois non tiña noticia nengunha de que as oposiciós de Carballo Calero poderían sere para estas datas, mais ben matinaba que terían de sere, non sei por qué, no vrau. Destaves non o vin, pois as moitas idas a Santiago foron sempre por breves horas e pra atoparme coa familia da que teño unha chea nesa cidade. Hoxe escríbolle felicitándoo. Penso que é unha moi boa adequisición pra Universidade. Noutras condiciós fai xa anos que tiña de sere cadeirádego da Universidade Compostelán.
Pola miña parte traballo illado. Renunciéi a unhas eisposiciós de obras miñas proieitadas polo Ministerio de Relaciós Exteriores deiquí polas razós que te imaxinarás i en solidaridade con outros pintores con obras censuradas polos seus temas. Mais estóu contento do traballo. Traballo tamén nunha escolma de crónicas que foron pra a radio deiquí referidas a cusas (sic) galegas e que cecáis remitiréille a Paco.
Trátase de crónicas encol de temas moi pouco tratados. Traballo, esto é todo, e remítolle as “Figuraciós” que podo a La Voz de Galicia.
Saúdos moi garimosos a Maruxa e meus pra Isabel, pra tua irmán e pra tí. Mais unha aperta grande pra tí de:

Seoane

03/02/1975
Remitente/s:
RAMÓN PIÑEIRO
Destinatarios/as:
LUÍS SEOANE
Destino
Bos Aires, Arxentina
Orixe
Santiago de Compostela, Galicia
Ficha descritiva
[Carta manuscrita]

Localización física
Fundación Luis Seoane



Compostela, 3-II-75
Querido Luis:

O meu amigo Xesús Piñeiro quere facer a tesis de Licenciatura en Arte sobre a tua pintura. Como sabes, agora hai a Sección de Arte na nosa Facultade de Filosofía e Letras, na que o meu amigo é alumno avanzado, polo que ten que ir preparando a tesis de Licenciatura. Quería facela sobre un tema do arte galego e escolleu a tua pintura. Por se dar a feliz circunstancia de estares tí en Galicia, aconselleille que se poña en contacto persoal contigo, oportunidade que lle interesou moito. Por eso lle dei o teu enderezo e mais esta carta de presentación.
Unha forte aperta do teu amigo

Ramón Piñeiro
T. 430456


                                      

IDENTIDADE | PERFIL DO CONTRATANTE | LEI DE TRANSPARENCIA | AVISO LEGAL

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

. Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña
Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205
Correo electrónico: epistolarios @consellodacultura.org