O terceiro número desta revista ofrece, entre outros temas, un achegamento en profundidade á formación audiovisual en Galicia e ao xornalismo en América de destacados persoeiros da cultura galega.

A capacitación para traballar no mundo da comunicación, con cada vez máis presenza na sociedade moderna, precisa de chaves que inclúan o punto de vista técnico pero tamén o empresarial e o creativo. Estes tres ámbitos constitúen os alicerces básicos dunha industria, a audiovisual, que demanda profesionais preparados nas novas tecnoloxías sen esquecer o labor financeiro e o artístico. Na capacidade de formar e sensibilizar aos profesionais audiovisuais encóntrase o noso máximo valor de futuro para afrontarmos os novos retos marcados pola Sociedade da Información. Por iso este número da revista Estudos de Comunicación recolle, en primeiro lugar, un monográfico onde oito formadores de comunicación audiovisual de Galicia achegan a súa visión e os seus proxectos académicos. Unha segunda parte da revista aborda, da man de investigadores de comunicación estatais e internacionais, diversos temas relacionados co mercado da prensa diaria en Galicia, co fenómeno da “Manta Radio” en España, co nacemento da fotografía publicitaria en Galicia, entre outros. Finalmente, o apartado de recensións dános conta dalgunhas das novidades bibliográficas editadas desde o 2003 até 2004.