Ramón Rozas Domínguez

----

Ramón Rozas Domínguez

1971 Santiago de Compostela
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Ramón Rozas Domínguez

1971- Santiago de Compostela
Licenciado en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, está en posesión do Diploma de Estudos Avanzados (DEA), acadado na mesma universidade. Na actualidade compaxina o seu traballo no Diario de Pontevedra, onde comezou a traballar no ano 2000 como responsable do departamento de Arquivo e Documentación, ademais de facerse cargo das áreas de crítica artística, cinematográfica ou literaria, coa realización de diferentes proxectos expositivos e culturais en institucións de Galicia.
Nese campo do comisariado artístico, o seu proxecto máis relevante é a creación e realización da exposición Na beira do río. Diálogos na Pintura no Pazo da Cultura de Pontevedra, ao longo das súas dez edicións. Tamén son de salientar as dúas exposicións que comisariou no Museo de Pontevedra, Soños do fotógrafo Miguel Vidal en 2017 e Coplas de cego de José Solla en 2018.
Os seus textos, comentando a obra de numerosos artistas, forman parte de diferentes publicacións e catálogos que se veñen editando nos últimos anos, e de iniciativas editoriais como o suplemento cultural Táboa Redonda (Diario de Pontevedra/El Progreso de Lugo). Tamén é autor de monografías como a dedicada ao pintor Manuel Torres. No seu blog ramonrozas.blogspot.com recóllense todos os seus textos.
Dende o ano 2018 forma parte da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega.

Ramón Rozas Domínguez nas actividades do CCG