Biografía de Paz Filgueira Paz
Maxistrada titular actual do Xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, dende xaneiro do 2012 até a actualidade.
Ingresou na carreira xudicial hai 18 anos. O seu primeiro destino foi Lalín, onde iniciou a súa actividade xurisdicional integramente en galego, tanto falado como escrito, non constando nesas datas actividade xurisdicional en galego integramente nos xulgados; logo trasládase a Ferrol e posteriormente a Santiago de Compostela, até o ano 2012, cando comeza a prestar os seus servizos en Vigo.
Forma parte da Asociación de Xuíces para a Democracia e, dentro desta, integra a Comisión de Violencia desta asociación, dedicada a realizar estudos e informes acerca de materias relacionadas coa violencia sobre a muller, a prostitución e a trata de persoas.
Participa na formación de membros dos corpos de seguridade dentro do marco da Xunta de Galicia así como en formación continua para funcionariado autonómico en violencia e igualdade.
Participa coa Universidade de Vigo en materias relacionadas con formación en igualdade.
Colabora en proxectos a nivel europeo relacionados con materias de violencia sobre a muller-intérpretes para as vítimas destes delitos.