Diego Rodríguez González

----

Diego Rodríguez González


NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Diego Rodríguez González


Responsable de Patrimonio e Cultura da Fundación Barrié. Licenciouse en Xeografía e Historia nas especialidades de Historia Contemporánea e Biblioteconomía e Arquivística. Tivo diversas ocupacións como bolseiro, entre as que destaca a da Biblioteca Nodal de Ourense, docente no Centro Superior Bibliográfico de Galicia ou técnico superior na Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago.


Desde a súa ocupación de bibliotecario e arquiveiro da Fundación Barrié, promoveu unha liña de actuacións tendentes a orientar o patrimonio bibliográfico cara á sociedade, especialmente dentro do marco da cultura galega: 


- Ao redor da figura de Manuel Antonio promove a edición das súas obras, a colaboración coa casa do poeta en Rianxo e a exposición A Galicia do Galicia, iniciativas todas elas realizadas e dirixidas por Xosé Luís Axeitos.


- No ano do centenario de Víctor Said Armesto participa nas diversas actividades lideradas por Carlos Villanueva: proporcionando documentación para os congresos e comisariando a exposición A lección dun cidadán libre, na Fundación Barrié, sobre a súa figura.


- Desde 2011 colabora coa Real Academia Galega na renovación tecnolóxica do seu dicionario e a creación do Portal das Palabras, plataforma dixital iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a promoción do léxico e do aprecio social pola riqueza lingüística de Galicia.


Dentro dos seus intereses persoais destaca especialmente a investigación ao redor da letra manuscrita tanto desde o punto de vista da transcrición como da identificación caligráfica, ámbito no que levou a termo o estudo dos manuscritos rosalianos que permitiu identificar novas mostras ao tempo que se rexeitaban textos repetidamente atribuídos á man da poeta. A análise foi publicada na revista Follas Novas da Fundación Rosalía de Castro.