Pascuala Campos de Michelena

----

Pascuala Campos de Michelena

1938 Saviote
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Pascuala Campos de Michelena

1938- Saviote
Construír un refuxio con fío e papel.

Así titulou Pascuala Campos de Michelena un traballo de aula en segundo de carreira e trazou aí, sen sabelo, algunhas das marcas que logo conformarían a súa personalidade como arquitecta.

A súa é unha obra ganduxada cos materiais da vida, moi afastada nalgunhas das súas formulacións das medidas e dos volumes canónicos da súa profesión. Esa heterodoxia dótaa dunha perspectiva singular. A preocupación pola vida cotiá das persoas comúns e a necesidade crear outros espazos para acoller outros corpos e vidas máis felices nutren a súa maneira de pensar a arquitectura: “A organización xerárquica do espazo ten que ver con corpos invadidos. A recreación do espazo ten que ver con corpos habitados”.

A República e a Institución Libre de Ensinanza marcaron os primeiros anos de vida de Pascuala Campos de Michelena malia que naceu en 1938, na posguerra dunha contenda que marcaría a fondo a súa vida de nena en Xaén. O seu pai, Francisco Campos Carrasco, veterinario e capitán do exército republicano, vai ser encarcerado tres veces, sálvase da pena de morte pola mediación dun familiar. A nai, María del Carmen de Michelena Morales, foi unha mestra educada segundo os principios da Institución Libre de Ensinanza, que ela mesma aplicará na educación das súas fillas. Pascuala Campos de Michelena medra aí, nese mundo, unha illa luminosa na escuridade da España da ditadura.

En 1960 aproba o exame de ingreso na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid e comeza os seus estudos nunha profesión de forte pegada masculina, só catro mulleres se matriculan en primeiro naquel ano.

Co tempo Pascuala Campos de Michelena formará parte do conxunto de mulleres que, desde os anos 70, traballan e reflexionan sobre a arquitectura construída, introducen a perspectiva feminista, analizan en clave de xénero os lugares que habitamos. A súa preocupación pola análise do espazo construído e a reflexión sobre feminismo e arquitectura van parellas á súa propia experiencia vital.

A finais dos anos 70 forma parte do grupo inicial de Feministas Independentes Galegas (FIGA), participa na organización das Xornadas de Feministas de Vigo e asiste ás de Donostia e Granada. Asiste tamén aos Congresos Internacionais de Mulleres Arquitectas de París e Berlín e participa no Seminario Permanente Mujer y Ciudad, no que codirixe, entre outros, o curso sobre Urbanismo y Mujer. Nuevas Visiones del Espacio Público y Privado". Foi pioneira na incorporación da perspectiva de xénero á docencia no seu campo.

Cunha investigación titulada Espazo e Xénero, consegue a cátedra de Proxectos Arquitectónicos da Universidade da Coruña. É a primeira muller que obtén este título no conxunto das universidades do Estado.

Pascuala considera que as decisións sobre o espazo foron tomadas polo colectivo masculino con base en intereses propios. Interésanlle as arquitecturas que acompañan, os espazos que favorezan as relacións humanas, as arquitecturas para a vida e apunta: “Habitar unha casa significa ser libre para poder permanecer nela”.

Materiais de Pascuala Campos de Michelena

Texto. Agradecementos

Colaboracións e agradecementos

Pascuala Campos de Michelena nas actividades do CCG