Aurora Grandal d´Anglade

----

Aurora Grandal d´Anglade


NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Aurora Grandal d´Anglade


É profesora titular na Universidade da Coruña. Desde a súa integración como doutoranda en 1988 no Departamento de Xeoloxía, posteriormente Instituto Universitario de Xeoloxía (IUX), da Universidade da Coruña, o seu labor investigador centrouse no estudo dos mamíferos fósiles de xacementos de Galicia desde diversas aproximacións, incluíndo primeiramente o estudo tafonómico dos xacementos, a morfometría mediante análises multivariante e a contextualización bioxeográfica.
Nesta primeira fase realizou tamén prospeccións e escavacións paleontolóxicas en diversas cavidades cársticas de Galicia, un medio que até o momento apenas fora estudado, así como en antigas coleccións conservadas en museos ou noutras institucións, realizando a súa tese de doutoramento sobre un xacemento de referencia de oso das Cavernas (Ursusspelaeus) de Galicia, onde tamén se obtiveron as primeiras datas radiométricas para restos óseos (14C AMS) e coladas estalagmíticas (Series de Uranio). Este traballo supuxo un avance substancial no coñecemento da paleontoloxía cuaternaria de Galicia e a ampliación do rango de distribución desta e doutras especies antes non estudadas no cuadrante NW peninsular.
Despois dunha serie de estadías posdoutorais en institutos e museos de paleontoloxía de Inglaterra, Alemaña e Austria, co fin de estudar as coleccións para afianzar o seu coñecemento sobre esta especie, iniciou unha liña de investigación en bioxeoquímica isotópica enfocada a dilucidar determinados aspectos paleobiolóxicos nesta especie (e outros macromamíferos plistocenos) para poñelos en relación cos cambios climáticos finiplistocenos. Así, de maneira pioneira en España, realizou análises de isótopos estables do C e N en coláxeno óseo de restos plistocenos de oso cavernario, encamiñados principalmente a estudar os efectos da hibernación sobre os sinais isotópicos, integrando esta liña investigadora con outras que se viñan desenvolvendo no seu centro de traballo para a reconstrución paleoambiental cuaternaria do NW da Península Ibérica. E nesta fase incluíronse tamén individuos doutras especies en xacementos de idade holocena. Sen abandonar por iso as prospeccións e os estudos morfométricos, que resultan imprescindibles para contextualizar correctamente as mostras susceptibles de ser estudadas.
Coa chegada das novas técnicas de extracción e secuenciación de ADN mitocondrial en restos óseos fósiles, estableceu contacto con equipos que desenvolvían esta técnica en centros non españois. Xurdiron así as primeiras colaboracións nesta liña que pretende reconstruír, por un lado, a historia evolutiva e, por outro, a filoxeografía de diversas especies cuaternarias, o que no seu caso particular reviste o maior interese cando o que se pretende é estudar o patrón de distribución, migración ou extinción dos organismos debido ás variacións climáticas experimentadas ao longo do Plistoceno Superior e Holoceno, dentro do modelo climático do NW peninsular que se obtén a partir do estudo multidisciplinar de rexistros mariños ou continentais que se realiza no IUX.
Na actualidade traballa de maneira coordinada con varios grupos investigadores doutros países europeos coa mesma temática, de modo que os resultados adquiren unha dimensión espacial máis ampla, o que posibilita unha mellor comprensión dos procesos climáticos cíclicos e as consecuencias sobre as faunas de macromamíferos en Europa central e occidental.