Ramón Fábregas Valcarce

----

Ramón Fábregas Valcarce


NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Ramón Fábregas Valcarce


Estudou na Universidade de Santiago de Compostela e na Universitat Autònoma de Barcelona. Obtivo unha bolsa Fleming para realizar investigacións no Institute of Archaeology (London University) durante os anos 1984 e 1985. Obtivo o grao de Máster e de doutor en Historia na UNED. Foi profesor auxiliar na UNED (1984-2000), profesor titular na Universidade de Vigo (1993-1997) e na Universidade de Santiago de Compostela (1997-2000), antes de obter o posto de catedrático de Prehistoria nesta última, que desempeña desde xuño do ano 2000.
Autor de Aproximaciones a la cultura material del megalitismo gallego (1988), Megalitismo del Noroeste de la Península Ibérica (1992) e Los petroglifos y su contexto (2001; 2ª ed. 2010); coautor de Arte Parietal Megalítico en el Noroeste Peninsular (2005), Monte dos Remedios. Un asentamiento de la Prehistoria Reciente (2007), Círculo de engaños. Excavación del cromlech de A Mourela (2009), Cova Eirós. Primeras evidencias de arte rupestre Paleolítico en el Noroeste Peninsular (2013), así como coeditor de Arqueoloxía da Mortena Península Ibérica desde as Orixes ata o Medievo (1995), Os primeiros poboadores de Galicia: o Paleolítico (1996), A Idade do Bronce en Galicia: novas perspectivas (1998) e To the West of Spanish Cantabria: the Palaeolithic Settlement of Galicia (2011).
Ademais, publicou máis dun centenar de artigos relacionados coa arqueoloxía en monografías e revistas galegas, españolas, portuguesas, inglesas, francesas e italianas. O seu traballo de investigación céntrase na Prehistoria galega entre o Neolítico e a Idade do Ferro, principalmente arredor da cultura material megalítica e a arte rupestre ao aire libre. É investigador principal en moitos proxectos de carácter internacional, nacional e autonómico: As pinturas megalíticas, Os petroglifos e o seu contexto, A interacción entre os grupos galaico e esquemático na arte rupestre do NW, Manifestacións megalíticas na comarca do Deza, Ocupación do espacio e modificacións do contorno na Península do Barbanza durante a prehistoria recente, Ocupación paleolítica de la cuenca media del Miño y Ocupación de las zonas altas del Noroeste Peninsular a lo largo de la historia: la Sierra del Barbanza.
Foi responsable dos traballos de prospección en diversos lugares de Galicia así como de escavacións na necrópole dos Campiños (Rianxo) e o asentamento de El Pedroso (Zamora). Realizou estadías no Institut of Archaeology (London), Universidade de Porto (Portugal), Museu Mendes Correa (Porto - Portugal) e SHESC (Arizona State University). Impartiu seminarios en multitude de centros españois e participou en conferencias nacionais e internacionais como membro organizador e dos comités científicos.
Durante 4 anos exerceu como director da revista Gallaecia e colabora como avaliador da Agència de Gestió d'Ajuts Universitaris i de Recerca (Generalitat de Cataluña) e revisor do Journal of Archaeological Science, Trabajos de Prehistoria, Zephyrus e outras revistas nacionais e internacionais.

Publicacións nas que participou Ramón Fábregas Valcarce

Portada de O neolítico Atlántico e as orixes do Megalitismo
LIBRO. ACTAS

O neolítico Atlántico e as orixes do Megalitismo

Actas do Coloquio Internacional (Santiago de Compostela, 1-6 de abril de 1996)