Francisco Luis Lemes Castellano

----

Francisco Luis Lemes Castellano


NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Francisco Luis Lemes Castellano


Licenciado en Psicopedagoxía e mestre especialista en Educación Musical.
Mestre, entre setembro de 1977 e agosto de 1991, da especialidade en Educación Musical en diversos centros educativos do sur e norte de Gran Canaria. Ao longo deste período, organiza e dirixe coros escolares e agrupacións instrumentais, despregando un gran número de actuacións musicais e participando en multitude de encontros e festivais musicais. Ao mesmo tempo, dirixe e desenvolve diversos proxectos de innovación educativa, aprobados pola Consellería de Educación, Cultura e Deportes do Goberno de Canarias, centrados no desenvolvemento da educación musical na escola. Neste mesmo período, participa, como cofundador, na creación e posta en marcha da Asociación de Profesores de Educación Musical en la Escuela Canaria (APEMEC).
Entre 1991-1993 exerce como concelleiro de Cultura, Festexos e Participación Cidadá do concello de Arucas (Gran Canaria), desenvolve unha ampla e intensa actividade nos referidos ámbitos, que incluíu a organización de actividades e eventos diversos, a interacción con asociacións e grupos culturais, artísticos e de carácter social así como a elaboración de regulamentos de participación cidadá, entre outras actuacións, o que lle permitiu adquirir unha experiencia de xestión institucional pública de notable valor.
De 1993 a 1994 é nomeado coordinador de Proxectos de Innovación Educativa na Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, da Consellaría de Educación, Cultura e Deportes do Goberno de Canarias. Entre outras funcións, foi responsable da elaboración de propostas de liñas directrices, obxectivos e plans de actuación dos Programas de Innovación Educativa (PIE) e da súa coordinación; da elaboración de convocatorias de axudas á innovación e investigación educativa; da planificación e realización de Xornadas de Innovación Educativa, a nivel autonómico, así como da elaboración, aprobación e seguimento de convenios de colaboración con entidades e institucións para o fomento da innovación educativa.
Desde 1994 vén exercendo tarefas de planificación, xestión e coordinación das Ensinanzas Artísticas de Réxime Especial na Consellaría de Educación, Cultura e Deportes do Goberno de Canarias. É o responsable da Unidade de Ensinanzas Artísticas de dita Consellaría, desde a súa creación en 1995. Entre 1994 e 1998 coordinou o traspaso dos Conservatorios Superiores de Música de Santa Cruz de Tenerife e das Palmas de Gran Canaria, ambos dependentes de corporacións locais, á Comunidade Autónoma de Canarias. En 1999, participou, en representación da Comunidade Autónoma de Canarias, na Comisión Técnica para o Estudo das Ensinanzas Artísticas Superiores, creada a instancias da Conferencia Sectorial de Educación, coordinando un dos grupos de traballo e formando parte do equipo redactor do ditame final da dita Comisión, publicado en xullo de 1999, co título de Las Enseñanzas Artísticas a examen. Evolución histórica, panorama actual y perspectivas de las Enseñanzas Artísticas. Entre 2000 e 2001, coordinou o equipo redactor do Anteproxecto de Lei de Ensinanzas Artísticas en Canarias, cuxo borrador foi presentado ao titular do Departamento de Educación do Goberno de Canarias.
Desde a creación e constitución do Consello Superior de Ensinanzas Artísticas, en 2007, forma parte deste órgano, en representación da Administración educativa da Comunidade Autónoma de Canarias. Entre setembro de 2008 e febreiro de 2009, coordina, no seo do citado Consello, o relatorio sobre o proxecto de Real decreto polo que se establece a ordenación das Ensinanzas Artísticas Superiores reguladas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación, cuxo informe resultou aprobado por unanimidade na Comisión Permanente do Consello.
Publica artigos e comunicacións en revistas e institucións especializadas. En Canarias contribuíu ao coñecemento e difusión das ensinanzas artísticas, á ampliación da oferta educativa nestas ensinanzas e á creación de novos centros, como o Conservatorio Superior de Música de Canarias e as Escolas de Arte e Superiores de Deseño.
Desde o curso 2012-2013 ata a actualidade, é responsable do servizo que xestiona as ensinanzas de réxime especial no seu conxunto, incluíndo nelas, ademais das ensinanzas artísticas, as ensinanzas de idiomas e as ensinanzas deportivas.

Francisco Luis Lemes Castellano nas actividades do CCG