María Josefa Wonenburger

----

María Josefa Wonenburger

1927 Oleiros (A Coruña) | 2014 A Coruña
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de María Josefa Wonenburger

1927- Oleiros (A Coruña) | 2014 A Coruña
Os ollos de María Wonenburger deixan ver a luz e a forza que sempre acompañaron esta muller. Unha persoa ben particular, que viviu coa paixón que provoca o mundo das matemáticas en sensibilidades como a dela.

O seu percorrido vital demostra unha gran valía persoal e científica. Singular estudante, lonxe da súa familia e da súa terra. Primeira bolseira Fullbright de Matemáticas en España. Doutora en Yale. O seu esforzo por chegar a ser unha investigadora e docente universitaria, sempre consciente dos obstáculos para o poder conseguir no seu país, foi axiña recompensado: no Canadá foi a única muller docente e nos EE UU gañou nos anos 70 do século XX o posto de Full Professor (equivalente a catedrática).

Ao ser unha muller nacida no ano 1927, pasou extraordinarias dificultades para atinxir as súas metas, que non eran máis que traballar e vivir do que máis lle gustaba: ensinar e investigar as matemáticas. A súa partida cara a Madrid na posguerra, a viaxe en barco aos Estados Unidos, os atrancos que atopou para se establecer alá, o seu periplo por varias universidades americanas ata a súa renuncia final por motivos persoais: todo en conxunto móstranos a coraxe dunha persoa á que lle tocou vivir tempos escuros para a ciencia en España, tempos difíciles para as mulleres que querían escapar do destino imposto. Triunfou pola súa intelixencia e pola súa constancia, mais quedoulle o resaibo amargo de non poder traballar no seu país.

Wonenburger é unha destacada alxebrista, coñecida por marcar os primeiros pasos da chamada teoría de Kac-Moody, que co andar dos anos chegaría a desempeñar un papel importante nas matemáticas e na física. Ten un brillante currículo investigador e docente, reflectido nunha chea de publicacións. Unha vida profesional moderna como a que agora desexa levar a cabo a mocidade investigadora, mais inusual na súa época.

Na ciencia e na cultura son tan importantes as conquistas alcanzadas como as persoas que as conseguen. Por iso o saber e a traxectoria de María Wonenburger espertan a simpatía polas matemáticas, mesmo en quen as considera disciplina complicada. A vida académica e científica de María rompeu con todos os modelos; o seu proceder, nada habitual, aínda hoxe sería vangardista e arriscado; a inquedanza, a constancia e a decisión son un reflexo da súa calidade persoal. Quen coñece esta muller culta, incansable lectora, de ollar amigable, melómana, deportista e amante do mar, admira a súa vontade de ser feliz e o enriquecedora que resulta a súa compañía. Unha gran muller nun corpo miúdo.

Resulta inexplicable que se puidese estar tan preto dela sen o saber. O pobo galego e a comunidade científica española coñeceron a María Wonenburger hai aínda pouco tempo, logo da publicación da súa biografía no ano 2006. Porén a magnitude do tesouro achado é tal que levou ás sociedades científicas e ás institucións, primeiro, a abraiarse de ter cerca unha figura mundial das matemáticas; despois, a outorgarlle un recoñecemento máis que merecido.

Publicacións nas que participou María Josefa Wonenburger

Portada de  Álbum da ciencia
LIBRO

Álbum da ciencia

: 30 nomes e as súas achegas

Entrevista a María Josefa Wonenburger

Presentación de María Josefa Wonenburger Planells na creación de coñecemento