Lois Tobío Fernández

----

Lois Tobío Fernández

1906 Viveiro, Lugo, Galicia | 2003 Madrid
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Lois Tobío Fernández

1906- Viveiro, Lugo, Galicia | 2003 Madrid
Escritor, xornalista, diplomático, tradutor, defensor de Galicia e da cultura galega no mundoLois Tobío Fernández nace en Viveiro o 13 de xuño de 1906, fillo maior de Lois Tobío Campos, mestre natural de Brión, e de Mélida Fernández, de Viveiro. Alí vive ata os dez anos, cando a familia se traslada a Santiago de Compostela, aínda que nunca esquecerá a súa terra natal e o seu amor por este concello lucense. En Santiago, seu pai foi profesor na Escola Normal desta cidade e o feito de vivir nunha cidade universitaria facilitou o desexo do matrimonio Tobío Fernández de darlles estudos a todos os seus fillos e fillas, pois tal e como comenta a súa filla Constanza, nunha entrevista que se publicou na revista Madrygal (2006), os seus avós compartían a idea krausista da educación como instrumento de transformación, de buscar a mellor maneira de ter un porvir. E Lois Tobío foi un claro exemplo de home estudoso e polifacético.

Alí estuda o bacharelato e céntrase nos idiomas, francés e alemán. Estes coñecementos lingüísticos axudaranlle moito no seu futuro profesional. Decide estudar Dereito na Universidade de Santiago e alí coñece a un grupo de compañeiros e mestres que nos anos 20 fundan o Seminario de Estudos Galegos, creación na que el participou activamente e da que chegou a ser secretario, conselleiro permanente e director da Sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas.

En 1927 licénciase en Dereito e viaxa a Berlín cunha bolsa da Junta para Ampliación de Estudios para estudar Teoría do Estado co profesor Hermann Heller, un dos maiores especialistas na materia e do que anos máis tarde traduciría a súa obra Teoría del Estado. Alí reside durante un ano e fai numerosas amizades. Cando volta decide continuar na universidade como profesor e gaña unha praza de profesor auxiliar na Facultade de Dereito da USC.

Cada vez máis integrado no Partido Galeguista –foi membro do seu Consello Executivo dende que se creou en 1931– e contando coa amizade e confianza de Castelao, foi un dos redactores do Anteproxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia, sendo determinante na formulación xurídica do texto. Este anteproxecto foi o punto de partida para a elaboración do Estatuto de autonomía do 36.

En 1931, coa chegada da República, convócanse prazas á carreira diplomática e Tobío aproba as oposicións. En 1933 ocupa o cargo de secretario da Embaixada de España en Sofía (Bulgaria). Tras o golpe de Estado do 36, Tobío mantén a súa fidelidade á República e en 1937 volve a España, chamado a filas, e serve no exército como tenente de artillaría na fronte do Ebro. Pola súa formación como diplomático, é convocado polo Ministerio de Estado e alí realiza diversos traballos consulares e de administración. En 1938, baixo o mandato do ministro Álvarez del Vayo, é nomeado secretario xeral do Ministerio e trasládase a Barcelona, onde estaba o goberno republicano.

Ese ano coñece a Mª del Carmen Soler Ponce de León, catalá de orixe uruguaia, que estudaba Filosofía e Letras, e casan o 23 de xaneiro de 1939, uns días antes da caída de Barcelona. Teñen que fuxir a Francia, onde só estarán unhas semanas residindo en París, ata que conseguen viaxar á illa de Cuba. Viven alí uns meses pero, debido ás poucas expectativas profesionais e animados por varios exiliados galegos que estaban en México, deciden trasladarse a este país. En xaneiro de 1940 chegan a México DF e, xunto co seu cuñado Luis Martul, Anselmo Carretero e outros exiliados, fundan o colexio Ruiz de Alarcón.

Aínda que contaban con moi bos amigos e incluso se lles concedera a residencia, en setembro de 1940 marchan para Uruguai. Este país non era tan favorable á acollida de exiliados españois, pero o feito de a súa muller nacer alí e contar con familia axudou a instalarse e a ter mellores expectativas profesionais. Durante a súa estancia na capital uruguaia participou nas actividades políticas e culturais que desenvolveron os exiliados galegos. Os primeiros anos en Montevideo traballou como xornalista no diario El Día e en Radio Ariel, destacando polos seus artigos sobre política internacional; colaborou tamén en revistas como Marcha ou Imago Mundi e traduciu ao español obras de autores como Ralph Roeder, Heinrich Mann, Hermann Hesse ou James Purdy.

Paralelamente mantén as súas fortes vinculacións co galeguismo e asesora xuridicamente a Castelao na creación do Consello de Galiza, do que sería delegado en Uruguai. Moi integrado na colectividade galega residente en Mar del Plata, foi fundador e colaborador da emisión radial “Sempre en Galiza” de Montevideo, escribe numerosos artigos en Galicia Emigrante e outros voceiros da colectividade e imparte conferencias en diversas entidades galegas de Arxentina e Uruguai. Foi tamén redactor do manifesto, temario e regulamento do Primer Congreso de la Emigración Gallega (1956). Baixo o paraugas económico de Manuel Puente, estivo encargado da edición da Historia de Galiza dirixida por Ramón Otero Pedrayo (1961-1962).

En 1947 abandonou o xornalismo e pasou a traballar na sección de publicidade da Casa Roche (delegación de Montevideo), unha importante empresa farmacéutica internacional que lle dá unha certa estabilidade económica. Con dous fillos, Miguel e Constanza, nados en Uruguai en 1945 e en 1954, respectivamente, nos primeiros anos da década dos 60 o matrimonio Tobío Soler pensa na volta ao seu país. Os seus desexos de cambio político parecen non concretarse, pero un certo aperturismo do réxime que comeza a finais dos anos 50 e a constatación de que non ían ter problemas legais para o retorno fan que a idea se vaia impoñendo. En 1963, coa creación dunha delegación en Madrid da Casa Roche, Lois Tobío retorna coa súa familia, tras case 25 anos sen pisar a súa terra natal.

Cando chega, segundo se desprende dalgunhas cartas do Fondo documental Lois Tobío que se conserva no Consello da Cultura Galega, atópase unha España descoñecida e atrasada pero na que pouco a pouco se vai integrando. Retoma vellas amizades e as novas xeracións van recoñecendo a súa figura na loita polo galeguismo e na defensa da cultura galega. En 1974 consegue reingresar na carreira diplomática e nela permanece ata a súa xubilación en 1976.

Durante a vellez dedicouse ás súas investigacións históricas sobre a figura do conde de Gondomar. Ademais, colabora nunha colectánea de poesía inglesa e francesa vertida ao galego publicada en 2004, xunto con Plácido Castro e Florencio Delgado Gurriarán.

Participa activamente na restauración e renovación do Seminario de Estudos Galegos (1979), que presidiu ata a súa morte. Nos seus últimos anos recibe varias homenaxes e premios, como o Pergamiño de Honra e Loubanza do Patronato Pedrón de Ouro (1984), o Premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo (1991), a Medalla de Honra de Viveiro (1997), o Premio das Artes e das Letras de Galicia (1999) e en 2005 foi declarado a título póstumo fillo adoptivo de Gondomar.

Morre en Madrid o 12 de marzo de 2003.


  • Referencias

    • OBRA

      • Obra propia

        • (1974): Gondomar y su triunfo sobre Raleigh, Santiago de Compostela, Bibliófilos Gallegos.

        • (1984): A intervención de Gondomar nos problemas internacionais da pesca, Sada, Ediciós do Castro.

        • (1987): Gondomar y los católicos ingleses, Sada, Ediciós do Castro.

        • (1991): Catro ensaios sobre o Conde de Gondomar, Trasalba (Ourense), Patronato Ramón Otero Pedrayo.

        • (1994): As décadas de T.L., Sada, Ediciós do Castro.

        • (2003): Recuerdos de un diplomático intermitente, selecc., trad. y present. por J. Durán-Loriga, Burgos, Dossoles.

        • (2006): A nova vida, Sada, Ediciós do Castro (póstuma).



      • Traducións ao galego das seguintes obras de

        • Bertolt Brecht: Nai Coraxe e mais os seus fillos (1987), Sada, Ediciós do Castro.

        • Rainer María Rilke: Os sonetos de Orfeu (1980), Sada, Ediciós do Castro

        • Goethe: Fausto de Goethe (1996), Santiago de Compostela, Editorial Laiovento.





    • BIBLIOGRAFÍA

      • Tobío Fernández, Lois (1994): As décadas de T.L., Sada-La Coruña, Ediciós do Castro.

      • VV. AA. (2001): Homenaxes a Lois Tobío, Sada-La Coruña, Ediciós do Castro.

      • Ríos, Xulio (2004): Lois Tobío, Vigo, Ir Indo.

      • Mejía, Carmen, Palomares, Verónica: «Entrevista. Constanza Tobío Soler: La pluralidad intelectual de Lois Tobío», Madrygal, n. 9 (2006), p. 175-184.

      • Ríos, Xulio (coord.) (2020): Lois Tobío. Galeguista, tradutor e xornalista, Santiago de Compostela, Consello da Cultura Galega, Actas.





Publicacións nas que participou Lois Tobío Fernández

Portada de  Lois Tobío
LIBRO. ACTAS

Lois Tobío

Galeguista, tradutor e xornalista

Materiais de Lois Tobío Fernández

Texto. Presentación

Lois Tobío

Diplomático e galeguista clave da segunda metade do século XX.
Documento

O Consello de Galiza informa a Lois Tobío de accións políticas

Os representantes do Consello de Galiza informan a Lois Tobío das accións que están levando a cabo para contar cun representante galego nas xuntanzas do goberno republicano no exilio e as forzas de oposición a Franco en París.
Documento. Epístola

[Carta de Castelao a Lois Tobío]

Castelao informa da situación de diversos exiliados, e os que van chegando aos Estados Unidos. Tamén do seu traballo para tentar axudar. "Agora ando por casa recadando casrtos. Xa temos uns cinco mil dólares".
Documento. Artigo

Artigo «Propaganda del Partido Galleguista: Se inauguró el domingo en la Coruña»

Baixo o subtítulo Hubo numerosos incidentes faise unha reportaxe e crítica do mitín que o PG pronunciou no Teatro Rosalía de Castro. Ademais de Lois Tobío, tomaron a palabra Alexandre Bóveda, Castelao, Víctor Casas e Suárez Picallo.
Documento. Artigo

Artigo «Merecido homenaje a Tobío Fernández. La cena de anoche»

Homenaxe a Lois Tobio no restaurante Asesino de Compostela dos seus compañeiros de estudos. Reprodúcese no artigo unha poesía de Augusto María de las Casas [sic], el poeta nuevo, el sonetista de Alma Triste.
Documento. Artigo

A primeira recepción xeral do SEG, para homenaxear á romanista Carolina Michaëlis de Vasconcellos, recollida por El compostelano. 15 de marzo de 1926

«Primera reunión general del Seminario de Estudos Galegos: Recepción de los poetas Cabanillas, Noriega, Abente y Taibo», El compostelano: diario independiente, 1795 (25 de marzo de 1926), 1.
Documento

Lois Tobío explícalle a Isaac Díaz Pardo a súa participación nos primeiros momentos do Estatuto de Galicia

Aínda que Tobío advirte a Isaac Díaz Pardo que non participou directamente na redacción do Estatuto pero dá conta como, desde o Seminario de Estudos Galegos, prepararon un anteproxecto do documento que "puidese ser logo utilizado como modelo".
Documento. Informe

Informe sobre os refuxiados españois nos campos de concentración franceses

Lois Tobío recibiu de parte de Antonio Fernández Serrano, funcionario consultar, un documento sobre a súa visita sobre o "campos de concentración" para republicanos localizados de Le Boulou e Argelès-sur-Mer. O texto é sobrecolledor. "Eu vin na crueza destas noites invernais a nais cos seus nenos de peito, deitadas ao relente, nun leito de lama".
Documento

Probas para o deseño da Historia de Galicia dirixida por Ramón Otero Pedrayo

Lois Tobío encargouse da coordinación editorial para producir a Historia de Galicia que, dirixida por Ramón Otero Pedrayo, suporía un importante fito cultural e que comezaría a ver a luz en 1962.

Lois Tobío Fernández nas actividades do CCG

Artigos

TOBíO FERNáNDEZ, L. (7/1944) Bases pra Unha Orgaización Política da Galizia. Acción Gallega. 2ª (17), 8-9.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
Mencións:
TOBíO FERNáNDEZ, L. (12/1944) Na porta dunha nova etapa. Nosa Terra, A. (433), 11.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
Mencións:
TOBíO FERNáNDEZ, L. (6/1946) Carta de Luís Tobío Fernández. Nosa Terra, A. (448), 3.
Ver carta Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
Mencións:
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (4/1949) Arqueólogo e poeta. Galicia [Bs As 1930]. (1075), 5.
Mencións: Fermín Bouza Brey ; Salvador Cabeza de León ; Armando Cotarelo Valledor ; Xosé Filgueira Valverde ; Luís Iglesias Iglesias ; Ramón Martínez López ; Magariños Negreira ; José Pena ; Wenceslao Requejo Buet ; Francisco Romero Lema ; Lois Tobío Fernández ; Luciano Vidán Freiría ;
TOBíO FERNáNDEZ, L. (4/1954) A zanfona. Opinión Gallega. 1ª (148), 5.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
Mencións:
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (4/1960) Guía de escritores lucenses. Galicia [Bs As 1926]. (512), 17 .
Mencións: Daniel Cortezón ; Álvaro Cunqueiro ; Celestino Fernández de la Vega ; Manuel María ; Ánxel Fole ; Aquilino Iglesia Alvariño ; Uxío Novoneyra ; Nicomedes Pastor Díaz Corbelle ; Luís Peña ; Ramón Piñeiro ; Luz Pozo Garza ; Juan Rof Carballo ; Lois Tobío Fernández ; Luís Pimentel ; Antón Villar Ponte ;