José Rodríguez González

----

José Rodríguez González

1770 Santa María de Bermés - Lalín (Pontevedra) | 1824 Santiago de Compostela
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de José Rodríguez González

1770- Santa María de Bermés - Lalín (Pontevedra) | 1824 Santiago de Compostela
O matemático do Bermés Nacido no seo dunha familia labrega do Deza, José Rodríguez mostrou desde moi cedo boa disposición para os estudos. En 1780 trasladouse ao Colexio de Humanidades de Monforte de Lemos, lugar onde contaba co apoio dun tío que pertencía á comunidade relixiosa que dirixía o Colexio do Cardenal, a Congregación dos Mercedarios. Aquí completou a formación inicial con estudos de Gramática, Aritmética e Latín. En 1786, cando contaba con dezaseis anos de idade, perdeu a protección familiar polo falecemento do seu tío e trasladouse a Santiago para continuar os estudos eclesiásticos, unha formación que lle viña máis por imposición da familia que por vocación. A precariedade económica na que se desenvolvía desde o pasamento do tío frade, que lle facía moi difícil continuar coa súa formación, resolveuse en 1787, cando gañou unha bolsa do Colexio Menor de San Xerome que lle deu a posibilidade de continuar cos estudos.

En 1790 acadou o grado de Bacharel en Filosofía e cinco anos despois, en 1795, o de Teoloxía, aínda que renunciou aos votos sacerdotais porque decidiu adicarse ao mundo das ciencias naturais e exactas, o que sempre lle interesara. De xeito constante e moitas das veces autodidacta e a través das lecturas de científicos recoñecidos, como o inglés Isaac Newton (1643-1727), o suízo Leonard Euler (1707-1783) e o francés Jean D’Alembert (1717-1783), formouse no coñecemento da matemática e da física. Tamén recibiu leccións do catedrático da Universidade compostelá Luis Marcelino Pereira. Pouco a pouco foi gañando o respecto do claustro e das aulas en Fonseca.

Cando en 1798 o titular da cátedra de Matemática, Pereira, aceptou un ascenso, a súa vacante foi ocupada como substituto por Cristóbal Pecul, quen tivo moito interese en que esta lle fose concedida directamente e para tal fin gañouse a amizade de influentes claustrais. Outro aspirante ao posto foi José Lucas Labrada (1762-1842), o autor da Descripción económica del Reino de Galicia (Ferrol, 1804). Pero Xosé Rodríguez solicitou a oposición da vacante no preparatorio da Facultade de Medicina. Anunciada en 1800, Rodríguez foi o gañador da mesma en 1802, cun éxito incuestionable, que mesmo levou a que se sorprenderan os membros do Tribunal (Francisco Roldán, enxeñeiro hidráulico; Francisco de Zebra, profesor de Matemáticas do Real Consulado da Coruña; José Alonso López y Nobal, profesor de Matemáticas na Academia de Guardias Marinas de Ferrol), que o xulgaron polo seu elevado nivel en Aritmética, Álxebra, Trigonometria, Cálculo, principios de Mecánica hidrostática e Astronomía. Esta situación propiciou a remisión dun informe ao Rei onde cualificaban a Rodríguez de “xenio”. José Rodríguez González tomou posesión da cátedra de Matemáticas da Universidade de Santiago o 11 de Abril de 1801, e fíxose cargo dela ata 1803.

Desde este momento, o chamado “matemático do Bermés” fomentou o estudo das ciencias exactas na Universidade compostelá e comezou a interesarse pola Botánica. Tamén iniciou relacións sociais e de amizade con representantes do liberalismo progresista do momento e que por idade xa dispuñan de recoñecemento académico ademais de político: o catedrático do Colegio de Farmacia Julián Suárez Freire, co que mantivo unha estreita amizade ao longo da súa vida, o coengo Pedro Antonio Sánchez e o impresor Manuel Antonio Rey (“Rey Chiquito”). Este ambiente permitiulle, en parte, poder ter acceso a outras universidades e entidades de investigación europeas ás que se desprazou entre 1803 e 1820.

A formación e actividade no estranxeiro

A súa primeira saída ao estranxeiro, entre 1803 e 1806, tivo como destino París, a onde se foi como docente de Astronomía. Para que puidera ampliar a súa formación, a Universidade de Santiago concedeulle a excedencia da cátedra co pagamento da metade do soldo; o outro 50% que restaba do mesmo foi sufragado polo goberno de Carlos IV.

En 1806 foi nomeado polo goberno de España Comisario das operacións para a medición do Meridiano de Dunkerque a Basilea, un proxecto que formaba parte dunha iniciativa internacional dirixida por dous científicos franceses, o xeógrafo e astrónomo Pierre Françoise André Mechain (1744-1804) e o matemático e tamén astrónomo Jean-Baptiste-Joseph Delambre (1749-1822). En 1808 continuou a formar parte da Comisión para o tramo español da prolongación do Meridiano de Barcelona ás Illas Baleares. Os científicos franceses membros da comisión, cos que estableceu amizade, foron o astrónomo e físico Domenique-François-Jean Arago (1786-1853) e o xeodesta e tamén astrónomo Jean-Baptiste Biot (1774-1862). O primeiro deles solicitou ser apresado nas Illas Baleares polas tropas españolas trala proclamación de Guerra de Independencia fronte a invasión francesa, ante o temor de perder a súa vida na contenda. Trasladárase ao arquipélago xunto con Rodríguez desde o litoral levantino para continuar coa triangulación da costa na Illas. Pero por algunha razón o investigador galo rematou nunha fortaleza en Mallorca, condenado á pena capital. Cando o Rodríguez coñeceu a nova ideou un plan para salvar ao seu compañeiro. Entrevistouse co capitán xeral das Illas Baleares para que dera a orde de por en liberdade ao prisioneiro. Dos preparativos para abandonar a Illa encargouse o mesmo Rodríguez, sendo este un episodio moi descoñecido. Arago e os seus compañeiros franceses presos con el emprenderon a fuxida o 28 de Xullo. Con data de 3 de Agosto o científico galo xa se atopaba en Arxel.

A actividade política

A vinculación de Rodríguez coa política sempre foi activa, sumándose aos liberais máis progresistas do momento. O racionalismo científico que o caracterizou fixo que aceptase o liberalismo como a fórmula política máis axeitada para avanzar cara a modernización da sociedade, aínda que recoñecía, igual que a maioría dos científicos da época, a existencia dunha forza contraria, a Igrexa. Consideraba que o clero en xeral e os bispos en particular eran “infames españoles y malísimos ministros del Señor” (Carta de Rodríguez a Suárez Freire, 11.04.1821, AHUS). Baixo esta condición ideolóxica liberal foi elixido deputado por Galicia nas primeiras eleccións acontecidas no período constitucional do reinado de Fernando VII, o Trienio liberal (1820-1823). Estas foran convocadas o día 22 de Marzo de 1820 e tiveron lugar o 21 de Maio dese mesmo ano. Durante as lexislaturas de 1820, 1821 e a extraordinaria de 1821-1822 foi membro das comisións de Mariña (Diario de Sesión de las Cortes, 10.07.1820, p. 20), de Pesos e Medias (Diario de Sesión de las Cortes, 19.07.20, p. 198), para o fomento da Minería de Nueva-España (Diario de Sesión de las Cortes, 09.05.1821, p. 1515) e de Etiqueta (Diario de Sesión de las Cortes, 09.02.1822, p. 2215). Declarouse a favor da división provincial de Galicia coa creación dunha quinta provincia con capital en Santiago de Compostela (Carta de Rodríguez, 14.04.1821, AHUS) e mostrou interese por promover o coñecemento científico e o fomento da industria, a imaxe do que estaba a acontecer noutros estados europeos. Isto levouno a defender a creación dunha Universidade Central, en Madrid, coa pretensión de reunir “una gran masa de luces para que pueda difundirse después por las provincias [...] En ella se reuní(irían) no sólo los sabios de la Nación sino también los de las naciones extranjeras” (Diario de Sesión de las Cortes, 09.06.1821, p. 2150).

Pero a situación de crise política e a quebra de Facenda imposibilitaron a efectiva realización dunha revolución liberal profunda en España por este tempo. Esta situación levou a Rodríguez a ficar moi decepcionado, tanto pola incapacidade dos políticos e do goberno como pola restauración absolutista de Fernando VII trala fin do Trienio liberal o 29 de Setembro de 1823, o que supuxo a liquidación do réxime liberal que miraba ás Cortes de Cádiz e a Constitución de 1812, a que el admiraba e defendía.

Reinstaurado o absolutismo, Rodríguez foi afastado da cátedra de Astronomía da Universidade Central e fuxiu a Portugal. De novo aproveitou a súa estancia fóra para completar o seu coñecemento nas Universidades de Coimbra e Lisboa, aínda que por motivos de saúde tivo que regresar a Galicia pouco despois, entre agosto e setembro de 1824. De volta en Compostela foi acollido na casa do seu amigo Suárez Freire, o seu herdeiro universal, deixándolle a lexítima dos pais aos dous irmáns. Finou o 30 de Setembro de 1824, o mesmo día que testou, na parroquia de San Frutuoso. Foi soterrado no Igrexa de Santo Agostiño de Santiago, tal e como deixara escrito no testamento; porén, no templo non se atopa inscrición algunha que nos confirme este dato.

Contribución científica: a medición do meridiano, a Xeoloxía e a Astronomía

A Junta Central Suprema encargoulle a Rodríguez, en 1808, que desde Cádiz fixera as medicións e os cálculos precisos para elaborar un Mapa exacto de España. Entre 1809 e 1811 o matemático galego trasladouse a Londres por orde da mesma Xunta Central para continuar coas súas investigacións científicas noutros centros punteiros, o que o levou a establecer contacto co capitán da armada José Mendoza Ríos (1763-1816), un dos astrónomos españois máis destacados do século XVIII. Nestes anos é cando escribe para a Royal Society de Londres a memoria Observations on the measurement of threes degrees of the meridian, conductery in England by Lieutemant Colonel William Mudg. O texto foi posteriormente publicado nas Philosophical Transactions (1812) e traducido ao francés por Delambre para Connaissance des Temps, e ao castelán polo astrónomo galego Ramón María Aller Ulloa (1878-1966) para o Seminario de Estudios Galegos.

Neste texto nárrase a historia das expedicións para confirmar as previsións teóricas de Christiaan Huygens (1629-1695) e Isaac Newton (1643-1727), segundo as cales o movemento de rotación ocasionaría diferenzas na forza da gravidade e polo mesmo a forma da Terra non sería unha esfera perfecta senón que estaría lixeiramente afundida nos polos. Case todas as medicións coincidían, con pequenas variacións, cos seus resultados e no valor da excentricidade, todas excepto unha, aquela feita polo físico británico John Mudge (1721-1793), desenvolvida tamén con moita precisión pero que chegaba a unha conclusión totalmente oposta á de Rodríguez, xa que segundo esta teoría a terra estaría achatada polo ecuador. O matemático do Bermés amosou que existía un erro nos cálculos de Mudge, en concreto na determinación da latitude da estación de Arbury Hill. Refixo tódalas operacións para que os resultados cadraran cos das outras medicións e acadou como valor da excentricidade 1/320, moito máis preciso que o de 1/206 que dera Delambre, de quen ademais Rodríguez adoitara o interese pola Lonxiometría que posteriormente o levaría a colaborar nas bases unificadoras das pesas e das medidas en España e Alemaña. Os Colleges, a Royal Society, institución coa que o profesor Rodríguez colaboraba desde 1797, e outros centros de investigación recoñeceron de seguido o valor da contribución de Xosé Rodríguez. Mesmo o profesor de matemáticas da Universidade de Edimburgo, John Leslie (1766-1832), deixou constancia do avance debido á precisión de cálculo de Rodríguez no tomo I da Enciclopaedia Britannia (1768-1781). Pero como sería sinxelo supor, tamén houbo quen considerou que as pescudas de Rodríguez viñan ser un ataque aos científicos ingleses, como foi o caso de Olinthus Gregory, quen na revista A Journal of Natural Philisophy, Chemistry anda the Arts (vol. XXXIV) publica o artigo A reply to Don Joseph Rodriguez’s Animadversions on part of trigonometrical survery of England

Entre 1812 e 1814 Rodríguez volveuse a facerse cargo da cátedra de Matemáticas sublimes na Universidade de Santiago e manifestouse como grande impulsor da ciencia e da difusión da mesma a través da defensa dos Colexios prácticos, aqueles que recollían o interese ilustrado polas ciencias “útiles”, aínda que tiveran unha constitución tardía en Galicia con respecto a outros puntos do Estado: o Colexio práctico de Cirurxía aparecera en 1799 e o de Farmacia en 1815. Xosé Rodríguez declárase a favor deste ensino moderno e coméntalle a Suárez Feire sobre o Colexio de Farmacia (sen data): “que los discípulos de estos colegios deberán aventajarse y sobresalir, más que los estudiantes de pío pío de nuestras mezquinas Universidades. Aquellos esparcirán insensiblemente en la Nación, una masa de luces y conocimiento sobre las ciencias naturales y sus utilísimas aplicaciones, de que no son capaces estos últimos”. Pero fronte ás previsións de resistencia tamén recomendaba que: “estos sermones deben hacerse con precaución [...] hablando y ponderando solamente las ventajas inmediatas de estos colegios [...] que los profesores no se permitan la menor expresión que pueda ofender las ideas religiosas y políticas”.

O feito de acadar outra axuda económica para unha estancia científica no estranxeiro determinou que viaxara de novo a Francia e tamén a Alemaña, entre 1814 e 1817. O seu substituto na cátedra de matemáticas foi un discípulo seu, o xeógrafo Domingo Fontán, que ocupou a interinidade ata 1818, momento no que se fixo titular da mesma. Esta nova viaxe fíxoa por encargo do goberno e para ampliar estudos en Ciencias naturais na Escola de Minas de Freiberg e na Universidade de Gotinga, centro mundial do coñecemento xeolóxico. Alí sorprendeuno a biblioteca de 300.000 volumes e os laboratorios científicos, o xardín botánico, o observatorio astronómico, etc.

Durante esta segunda estancia por Europa Rodríguez completou os seus coñecementos en Mineraloxía e coñeceu ao abade René J. Haüy (1743-1822), o pai da Cristalografía moderna. A este científico uniuno unha forte amizade persoal e mostra disto é a colección de 1.024 modelos cristalográficos catalogados e ordenados coa que o científico francés agasallou ao matemático galego. Esta colección, da que só existen dúas coma ela no mundo, pasou logo da morte de José Rodríguez, a Suárez Freire, que a deixou en legado a Pedro Romero e, posteriormente, en 1846, chegou a mans dun sobriño de Freire, Luis Suárez, quen lla vendeu en 1847, por 4.000 reais, á Universidade compostelá -alí se atopa hoxe-, algo que foi moi positivo para os inicios dos estudos da cristalografía en España, anteriores aos de Inglaterra ou Francia. Nesta segunda viaxe tamén coñeceu a Delambre e ao científico alemán Abraham Gottlob Werner (1749/50-1817), o fundador da Xeognosia.

José Rodríguez publicou dous artigos máis. Un referido a temas de xeodesia, Veber die Gröfsenverhältnisse des Erd-Sphäroids (Sobre as proporcións do esferoide terrestre) , publicado en 1817 na revista Zeitschrift für Astronomie und verwandte Wissenschadften e cando xa o matemático galego regresara a España da súa estancia en Alemaña. O outro está referido ao tema xeolóxico e foi publicado na revista Annales de chimie et de physique (vol. XX, París, 1822), baixo o título Notice géognostique sur la Sierra Nevada.

En 1817, logo de rexeitar a oferta dun comisario arxentino que viaxara a París en busca de científicos, Rodríguez regresou a España. Ao ano seguinte, o emperador ruso Alexandre II ofreceulle a dirección do Observatorio astronómico de San Petersburgo. Rodríguez decidiu consultalo co goberno de España que, ante a posibilidade de perder a capacidade científica do galego, ofreceulle o mesmo posto en Madrid desde 1819. O matemático aceptou o cometido unha vez que renunciou á titularidade da cátedra na Universidade de Santiago. Foi nomeado director do Observatorio Astronómico e profesor de Astronomía do Museo de Ciencias Naturales. En 1821 accedeu á cátedra de Astronomía da Universidade Central.

Por este tempo tamén aceptou o encargo de dirixir os Calendarios Agrícolas para Galicia e Asturias, un episodio complexo na carreira académica e científica de Rodríguez porque lle supuxo duras críticas dos grupos máis confesionais, que non aceptaban as súas referencias políticas, sempre por riba das relixiosas. Ademais, o matemático galego non tivo éxito nesta empresa porque para abaratar custos decidiu facelo en Galicia, no obradoiro do seu amigo Manuel Antonio Rey, dono da imprenta sita no Preguntoiro (Santiago). O proxecto non rematou ben e Rodríguez tivo que por cartos do seu peto para poder entregar o traballo ao monarca. A venta dos mesmos tamén foi escasa, ao contar co agravante de que os curas fomentaban entre a poboación campesiña, á que ía destinada a obra, a crenza de que foran feitos por un republicano, coa pretensión de difamalo entre os sectores máis inmobilistas da sociedade.

Ademais do legado cristalográfico de Rodríguez á Universidade de Santiago, o “matemático do Bermés” sempre enviou libros e material de laboratorio e científico para a Academia galega, mesmo produtos químicos para Farmacia e Medicina. De feito, algún do rudimentario instrumental empregado polo xeógrafo Domingo Fontán na elaboración da Carta Xeométrica de Galicia acadouno Rodríguez nas súas comisións científicas e de estudos por Europa. Este instrumental atópase hoxe en exposición nunha das salas do Museo de Ciencias Naturais da Universidade de Santiago.



Bibliografía:



Fontes manuscritas:

Arquivo da Universidade de Santiago de Compostela (AHUS): Expediente persoal. Cartafol 1.239 (2)

Manuscritos (93 documentos: cartas e varios). Serie Histórica. Expediente persoal. Cartafol 22 (documentación microfilmada)

Arquivo do Museo Nacional de Ciencias Naturais. CSIC. Rolo 83, Referencia: 507 (antiga Caixa 1, Carpeta 16).

Fontes impresas:

BIOT, J.B. (1810): Notice sur les Operations d’Espagne et de France, lido en sesión pública o 2 de Xaneiro de 1810. No Instituto de Francia, Academia de Ciencias, 30 páxinas.

Diario de Sesiones de las Cortes, 1820-1822.

RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, J. (1812): Observations on the measurement of threes degrees of the meridian, conductery in England by Lieutemant Colonel William Mudg, Philosophical Transactions of The Royal Society of London, 102: 321-351.

RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, J. (1817): Ueber die Gröfsenverhältnisse des Erd-Sphäroids (Sobre as proporcións do esferoide terrestre), Zeitschrift für Astronomie und werwandte Wissenschaften, vol III, Tübingen; pp. 71-81.

RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, J. (1822): Notice géognostique sur la Sierra Nevada, Annales de chimie et d physique, vol. XX, París.


Bibliografía secundaria:

ALLER ULLOA, R. (1929): “Don José Rodríguez González, o Matemáticos do Bermés, Arquivos do Seminario de Estudos Galegos, III: 27-95.

ARAGO, F. (1854): Histoire de ma jeunesse, Paris: Ed. Gide et Baudry.

BARRAL MARTÍNEZ, M. (2005): Rodríguez González, Xosé, Fraga Vázquez, X.A. e Sisto Edreira, R., Diccionario histórico das ciencias e das técnicas de Galicia. Autores II (anteriores a 1868) , Sada-A Coruña: Ediciós do Castro.

BARREIRO FERNÁNDEZ, X.R. (2012): Rodríguez González, José, Diccionario Biográfico de Parlamentarios Españoles, Madrid: Edición de las Cortes Generales (en prensa); Vol. II: 1815-1854.

BARREIRO FERNÁNDEZ, X.R. (coord.) (2001): Parlamentarios de Galicia. Biografías de Deputados e Senadores (1810-2001), Santiago de Compostela: Parlamento de Galicia, Real Academia Galega; Vol. I: 596-597.

BRANDIDO GUTIÉRREZ, C. (1994): Contribución dun sabio galego á determinación da forma e dimenasións da terra, LVCENSIA, 9: 9-30.

BUGALLO RODRÍGUEZ, Ánxela (2003): O Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela : Parlamento de Galicia : Universidade de Santiago de Compostela.

CID, R. (1985): Curso de Geodesia, Zaragoza, Cátedra de Astronomia y Geodesia de la Universidad de Zaragoza.

FERNÁNDEZ PÉREZ, I. (2011): Dúas obras inéditas de José Rodríguez González, Anuario Descubrindo, 11: 379-384.

FERNÁNDEZ PÉREZ, I. (2011): A estadía de José Rodríguez González en Alemaña (1815-1817). Tradución dunha publicación súa, Revista Real Academia Galega de Ciencias, vol. XXX: 113-126.

FRAGA VÁZQUEZ, X.A. (1995) : A incorporación da ciencia experimental na Universidade de Santiago a principios do séclo XX e os Colexios prácticos, Gallaecia Fulget (1495-1995): cinco séculos de historia universitaria, Santiago: Universidade; p. 300-304.

FRAGA VÁZQUEZ, X.A. (1997) : Efectos en Galicia da renovación científica promovida por Sarmiento e outros ilustrados. A constitución da Academia de Gardas Mariñas e dos Colexios prácticos, O Padre Sarmiento e o seu tempo. Actas do Congreso, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, Universidade de Santiago de Compostela; T. II, p. 405-425.

FILGUEIRA VALVERDE, X. (1988): El Dr. José Rodríguez González. O Matemático do Bermés, Pontevedra: Deputación.

MÉNDEZ MARTÍNEZ, G. (1990): Domingo Fontán (1788-1899) e a Cartografia galega do século XIX, Ingenium, 2: 9-21.

MORENO CASTILLO, R. (2004): Xosé Rodríguez González, 13 Matemáticos galegos, R. Moreno Castillo, Madrid: Agapena-Anaya; p. 11-16.

MORENO CASTILLO, R. (1992): Pensamento matemático en Galicia, Sada-A Coruña: Edicións do Castro.

PAZ ANDRADE, V. (1985): O Home dentro do Sávio: Pedro Joseph de Bermés (1770-1824) , Discurso lido no acto da presentación do autor na Academia Galega das Ciencias, Santiago: Academia Galega das Ciencias.

RODRÍGUEZ MOURELO, José (1886): Clemente (D. Simón Rojas) : historia, progresos y estado actual de las ciencias naturales en España, Rodríguez González... , Madrid : Ateneo Científico, Literario y Artístico.

SAMPAYO YÁÑEZ, M. (2007): Legado científico do matemático galego José Rodríguez González, LVCENSIA, 35: 347-360.

SAMPAYO YÁÑEZ, M. (2007): José Rodríguez González: un erasmus galego nos albores do século do progreso, Gamma, 7: 83-88.

SAMPAYO YÁÑEZ, M. (2006): A familia política de José Rodríguez González, 3º Congreso da Asociación galega de Profesores de Educación matemática, Lugo: AGAPENA; p. 137-142.

SISTO EDREIRA, R. e FRAGA VÁZQUEZ, X.A. (1996): A recepción da Ciencia moderna na Universidade de Santiago, 1772-1845. A incorporación da Física e da Química e o labor dos Colexios prácticos, Ingenium, 5: 23-59.

VARELA, R.; LÓPEZ SÁNCHEZ, J.F.; LÓPEZ FERNÁNDEZ, C. (1998): Científicos Españoles en el Reino Unido (1750-1830), Asclepio, 50, 1: 49-68.

VARELA TOBÍO, C. (2005): Rúa Matemático Rodríguez, A Trabe de Ouro, 62: 131-135.

VÁZQUEZ CRESPO, A. (1999): O matemático de Bermés: memoria apasionada de un hombre sábio, Descubrindo Deza, 1, Lalín: 265-284.

Publicacións nas que participou José Rodríguez González

Portada de  Álbum da ciencia
LIBRO

Álbum da ciencia

: 30 nomes e as súas achegas

José Rodríguez González nas actividades do CCG

Artigos

FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (12/1956) De la astronomía de Galicia y de los astrónomos gallegos. Opiniones de D. Ramón María Aller. Galicia Emigrante. (25), 17 .
Mencións: Ramón M. Aller ; Rafael Cid ; Armando Cotarelo Valledor ; Antonia Ferrín Moreiras ; Domingo Fontán ; José Rodríguez González ; Enrique Vidal Abascal ;
MANUEL MARíA. (1/1978) Andando a terra: Encol da «festa do cocido» de Lalín. Nosa Terra, A. (2), 17.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Fundación A Nosa Terra;
Mencións: Ramón M. Aller ; Francisco Asorey ; Laxeiro ; José Rodríguez González ; Alfonso Sucasas ; Joaquín Loriga ;