Amparo Alonso Betanzos

----

Amparo Alonso Betanzos


NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Amparo Alonso Betanzos


Nada en Vigo en 1961, é catedrática na Área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña.

Licenciouse en Química na especialidade de Química Industrial (1984) e doutorouse en Física (1988) na Universidade de Santiago de Compostela, onde por primeira vez dirixiu o foco do seu traballo á área da informática biomédica.

Completou a súa formación posdoutoral no Medical College de Georgia (EE. UU.), onde traballou no desenvolvemento de sistemas expertos para aplicacións médicas, ámbito en que profundou especialmente na monitorización antenatal. Posteriormente, centrou o seu labor científico nas aplicacións de intelixencia artificial en ámbitos tan distintos como o medio ambiente, a saúde e a industria 4.0, así como nos avances en algoritmos de machine learning.

Nestas áreas segue traballando xa como catedrática da Universidade da Coruña, onde dende o ano 1990 é a coordinadora do Grupo LIDIA (Laboratorio de I+D en Intelixencia Artificial), pertencente ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC), e compaxina o labor docente e investigador. Actualmente é a comisionada desta universidade para o desenvolvemento do nodo de intelixencia artificial da Cidade das TIC na Coruña.

A súa experiencia como pioneira nesta área e o compromiso co avance no campo das TIC en España levárona á presidencia da Asociación Española para la Inteligencia Artificial e a ser experta de referencia tanto da Comisión Europea, en calidade de membro da «Reserve List» do High-Level Expert Group on Artificial Intelligence (AI HLG), como do Executivo español. Como membro do Grupo de Traballo en Intelixencia Artificial, en 2018 asesorou na redacción da Estrategia Española de I+D+i en Inteligencia Artificial e actualmente forma parte do Consello Asesor de Intelixencia Artificial do Goberno de España.

Amparo Alonso Betanzos nas actividades do CCG