Luis Toledo Sande

----

Luis Toledo Sande

1950 Cuba
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Luis Toledo Sande

1950- Cuba

Naceu en 1950 en Cuba, onde reside. Egresado da licenciatura en Estudos Cubanos da Escuela de Letras y Arte da Universidad de La Habana co diploma ao graduado máis destacado da súa promoción. Doutor en Ciencias Filolóxicas pola mesma universidade. O Ministerio de Educación Superior cubano outórgalle a Mestría en Edición de Textos, a única vez en que se lle conferiu por vía directa a profesionais da especialidade.


Desempeñou, entre outras tarefas, as de redactor-editor na Editorial Arte y Literatura da Habana; investigador e sucesivamente subdirector e director do Centro de Estudios Martianos, institución de cuxo equipo fundador formou parte; profesor titular na Universidad Pedagógica Enrique José Varona, tamén na Habana; asesor no Ministerio de Educación cubano para a presenza de José Martí nos plans de estudos da nación; xefe de redacción e subdirector da revista Casa de las Américas e periodista na revista Bohemia. No exercicio da diplomacia foi conselleiro cultural na embaixada de Cuba en España. Para participar en foros culturais ou impartir conferencias visitou, algúns deles en varias ocasións, preto de vinte países de América, Europa e Asia.


Autor de numerosos volumes de diversos xéneros, editados en Cuba e noutras nacións. Entre eles: Precisa recordar (conto); Flora cubana (poesía); Tres narradores agonizantes (crítica literaria); Libro de Laura y Claudia (relatos e poemas); Textículos (epigramas); De Cuba en el mundo; Más que lenguaje e Detalles en el órgano (de ensaio os tres últimos); e varios de estudos martianos, dos cales forman parte Ideología y práctica en José Martí; José Martí, con el remo de proa; Ensayos sencillos con José Martí; Aún algo más sobre ¿Martí masón?; e a biografía Cesto de llamas, que, gañadora do Premio da Crítica de Ciencias Sociais, se editou en Cuba e noutros países, e na actualidade estase a realizar a novena edición en español, ademais de publicarse en inglés e en chinés.


Centenares de textos seus —en formato impreso e en soporte dixital, e algúns traducidos a outras linguas— circularon en publicacións seriadas e volumes colectivos dentro e fóra de Cuba. Prologou, e nalgúns casos compilou ou antologou, obras de varios autores cubanos —José Martí, Miguel de Carrión, Jesús Castellanos, Carlos Loveira, Jorge Mañach— e doutras nacionalidades —do español Luis Vélez de Guevara, a novela El diablo cojuelo; do haitiano Anténor Firmin, Igualdad de las razas humanas. Antropología positiva, título da edición cubana do seu ensaio De l’Ègalitè des races humaines (Anthropologie positive)—, e tivo ao seu cargo —incluído o prólogo de ambos— o volume Playa Girón, victoria de pueblos, para a Editorial Pablo de la Torriente, e o primeiro tomo da serie Valoración Múltiple de José Martí editada pola Casa de las Américas. Con sinatura institucional do Centro de Estudios Martianos compilou e prologou o libro José Martí, el autor intelectual, que reúne textos de Fidel Castro Ruz. Colaborou na Historia de la literatura cubana, obra dirixida polo Instituto de Literatura y Lingüística de Cuba.


Durante anos mantivo programas en CMBF-Radio Musical Nacional e en Radio Habana Cuba. Participou en programas de televisión, nalgúns como asesor.


Os recoñecementos que recibiu abarcan a Distinción pola Cultura Nacional, o xa mencionado Premio de la Crítica de Ciencias Sociales, o Premio Guillermo Cabrera Álvarez, que se outorga en Cuba á prensa nacional escrita, e varios máis.


É membro da Unión de Escritores y Artistas e da Unión de Periodistas de Cuba.

Luis Toledo Sande nas actividades do CCG