Biografía de Manuel González
Licenciado en Psicoloxía (Universidad Complutense de Madrid, 1977). Traballou en áreas de realización e produción en curtametraxes e varios programas da TVG nos anos oitenta. En 1984 foi responsable da Área de Cine e Vídeo da Dirección Xeral de Cultura, organizando as primeiras axudas públicas ao cinema e vídeo galegos. Coordinou o programa A imaxe na escola (curso 1984-85) e foi responsable da Videoteca de Galicia (1984-85), xermolo do que será posteriormente o CGAI. Creador e director da Escola de Imaxe e Son da Coruña (1990-1998), onde ademais foi profesor de Produción Audiovisual.
Organizador da sección de vídeo e as actividades paralelas de XOCIVIGA (1984-1989). Catalogou e fotografou o patrimonio cinematográfico galego na exposición itinerante Cinematógrafos galegos (1986-1987). En 1988 entrou a traballar na produtora Vídeovoz TV, desenvolvendo funcións de arquivo, produción, guión e realización en diversos programas e series para TVG como Encontros, Galicia no cine, A mellor TV do mundo ou Extramuros, entre outros.
Participou activamente na investigación e catalogación da memoria audiovisual da emigración galega con diversas publicacións e traballos de campo en Arxentina, Uruguai, México, Cuba e Venezuela. A súa tese de doutoramento en historia versaba sobre “A emigración no cinema español”. Entre outros, publicou o libro Documentos para a Historia do cine en Galicia (1970-1990), así como diversas colaboracións en varios libros colectivos (Historia do cine en Galicia, Dicionario do cine en Galicia etc.) e numerosos folletos e artigos sobre audiovisual galego, nomeadamente sobre patrimonio audiovisual, cinema-emigración e formación audiovisual. Profesor asociado na Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo (2004-2007). Nos anos 2004-2005 foi o director de desenvolvemento da produtora de animación Dygra Filmes.
Creador e director da Axencia Audiovisual Galega da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia (2005-2009), coordina as convocatorias de axudas á produción da Xunta de Galicia, deseño e contidos da web da Axencia Audiovisual Galega (Premio á mellor páxina institucional en galego no ano 2008) e impulsa varios proxectos para o audiovisual galego como Cinemas Dixitais, Flocos.TV (Premio Mestre Mateo 2009) ou Memoria do século XX.
Profesor no Máster de Produción e Xestión Audiovisual da Universidade de Coruña e La Voz de Galicia (1998-2019). Foi premio AISGE no 2006 "pola súa traxectoria"; premio Leixaprén 2011 da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística e Premio de honra da XOCIVIGA (Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia) no Carballiño no 2013. Tamén foi galardoado nos premios Mestre Mateo 2014 co premio Fernando Rey “pola súa contribución ao desenvolvemento da industria audiovisual galega” e no marco do Festival Primavera de Cine en Vigo no 2019. Participou en numerosos eventos, festivais e mostras audiovisuais, así como en charlas e coloquios en foros nacionais e internacionais. Actualmente traballa como profesor de Historia e Cultura Audiovisual no IES Concepción Arenal de Ferrol. Tamén colabora como asesor e creador de contidos en “Fálame de San Sadurniño” e é coordinador do encontro de cineastas “Chanfainalab”. Dende o 2019 é membro da comisión de axudas no ICAA do Ministerio de Cultura.
Manuel González nas actividades do CCG
Artigos
(6/1977) "O día" nas emisoras. Teima. (25), 31.
Ver nota breve
GONZáLEZ, M. (6/1977) [Dúas fotografías da Ferrería de Incio]. Teima. (26), 37.
Ver gráfico