Carmela Porteiro Lago

----

Carmela Porteiro Lago

1950 Santiago de Compostela
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Carmela Porteiro Lago

1950- Santiago de Compostela
Criada nunha familia na que había un verdadeiro compromiso de as mulleres accederen a estudos superiores e cun vínculo moi estreito na súa infancia e mocidade co importante científico Tomás Batuecas, Carmela Porteiro estudou Bioloxía na Universidade de Santiago de Compostela.

Logo de se licenciar, vencellaríase desde os seus inicios ao Instituto Español de Oceanografía (IEO), que se afincaría en Vigo, a súa cidade de acollida desde moi nova. Nesa institución especializouse na avaliación e xestión de recursos mariños vivos, ámbito que a levou a ser a primeira muller en ocupar a vicepresidencia do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES).

Como investigadora do IEO dirixiu desde os primeiros momentos equipos de investigación e expedicións a bordo de buques oceanográficos como o Cornide Saavedra ou o Thalassa, ademais de representar a España en numerosos comités de organismos nacionais e internacionais coma a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura), STCEF (Comité Científico, Técnico e Económico para a Pesca da Comisión Europea) ou a estadounidense NOAA (Administración Nacional Oceánica e Atmosférica).

A figura de Carmela Porteiro amosa o camiño difícil que, aínda despois da pioneira Ángeles Alvariño, percorreron as mulleres de ciencia en Galicia durante o último terzo do século XX, etapa en que abriron espazos laborais para as investigadoras que habían de acceder a mundos de homes e moi pouco adaptados a elas, como é o caso da Oceanografía e a Bioloxía pesqueira, coas súas longas viaxes e expedicións.

A día de hoxe, tras esa vía aberta por pioneiras coma Porteiro, a investigación sobre os recursos mariños conta xa con numerosas investigadoras que achegan coñecemento e cultura a este ámbito desde unha maior normalidade. Alén diso, Carmela Porteiro desenvolveu un papel esencial no asesoramento internacional para a xestión pública dos recursos mariños e pesqueiros, unha aplicación da ciencia oceanográfica a través da recollida de datos estatísticos a miúdo descoñecida pero imprescindible para que a explotación e consumo dos recursos dos mares se realice dun xeito sustentable.

Materiais de Carmela Porteiro Lago

Texto. Agradecementos

Colaboracións e agradecementos

Documento. Artigo

«España: Científicos del IEO-Santander participan en la Conferencia Anual del Consejo Internacional para la Exploración del Mar», aquahoy (2010).

Infórmase de que na citada conferencia Carmela Porteiro participa en calidade de delegada do ICES.
Documento. Artigo

LÁZARO, Clara: «¿Quo Vadis Sardina pilchardus?», Pesca Internacional. La revista de los armadores (2004).

Artigo centrado no proxecto SARDYN (SARdine DYNamics and Stock Structure in North-East Atlantic), no que Carmela Porteiro participa como coordinadora.
Documento. Artigo

«Nuevos datos sobre el stock de merluza del norte», publicado en Pesca2 (2003).

Artigo no que se recollen declaracións de Carmela Porteiro sobre a campaña Porcupine 2003. 
Documento. Artigo

LAVÍN, Marco: «ICES apuesta por la línea dura», Pesca Internacional. La revista de los armadores (2002), p. 40-42.

Artigo no que se recollen declaracións de Carmela Porteiro como delegada española no Comité Asesor de Xestión de Pesqueiras (ACFM) do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES). 
Documento. Artigo

CARBAJO, Primitivo: «Buscando lirios en el desierto atlántico», El País (20/03/1996).

Artigo no que Carmela Porteiro fala como coordinadora dunha campaña enmarcada dentro do proxecto europeo SEFOS.

Carmela Porteiro Lago nas actividades do CCG