Florentino López Cuevillas

----

Florentino López Cuevillas

1886 Ourense | 1958 Ourense
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Florentino López Cuevillas

1886- Ourense | 1958 Ourense
Arqueólogo e historiador, pasou á historia da cultura galega como un dos piares da Xeración Nós, elaborando parte importante do seu discurso históricoNaceu en Ourense, na rúa do Progreso, o 14 de novembro de 1886. Era o fillo único e póstumo de Florentino López Barbán, delegado de Facenda, e de Vicenta Alonso-Cuevillas Álvarez-Seara. O neno foi criado pola familia materna, moi coñecida na cidade, nun ambiente selecto e protexido e un tanto particular; de lle facermos caso a Otero Pedrayo, amigo desde a infancia, os Álvarez Seara eran liberais e os Alonso-Cuevillas, tradicionalistas, e en Floro, como era familiarmente coñecido, triunfaron a prudencia e a disciplina destes últimos.

Comezou os seus estudos primarios no colexio León XIII e pasou logo ao instituto da cidade, onde cadraría con Vicente Risco, dous anos maior, co que o unía un afastado lazo familiar, e onde asistiría ás aulas de Salvador Padilla, Marcelo Macías e Moreno López. Excelente estudante, chegou a ser un aceptable violinista e mesmo formou parte da capela de música da catedral. Con apenas quince anos, en 1901, foi escollido para representar os mozos ourensáns nunha merenda que se organizaba no Concello para homenaxear a escritora Emilia Pardo Bazán, que visitaba a cidade como mantedora dos Xogos Florais. Acompañábao outro alumno exemplar, o seu veciño e compañeiro de xogos Ramón Otero Pedrayo, dous anos menor.

En setembro de 1901 inicia os estudos de Farmacia na facultade de Santiago de Compostela, carreira que rematará en xuño de 1906 e que non chegará a exercer. De volta a Ourense, comeza a traballar como auxiliar meritorio no Laboratorio Municipal e máis tarde na administración pública, primeiro en Gobernación e despois na Delegación de Facenda, onde durante moitos anos será o encargado do Negociado de Contrabando e Defraudación.

Neste período entrégase ás lecturas, especialmente de novela e de historia, á conversa cos amigos e aos debates e faladoiros que se organizan nos cafés da cidade, entre eles o da Comisión Provincial de Monumentos, presidido por Marcelo Macías, no que tamén participaba o seu tío, o culto avogado Julio Alonso-Cuevillas, modelo do seu sobriño. No curso 1911-1912 asiste por libre á facultade de Filosofía e Letras do caserón de San Fernando, en Madrid, cidade na pasa algunha tempada e comparte pensión con Urbano Feijoo de Sotomayor, Primitivo Rodríguez Sanjurjo e o propio Otero Pedrayo. Este feixe de mozos acomodados, cultos e despreocupados, acoden ao Ateneo, aos cafés e aos diversos espectáculos que lles ofrece a cidade. Nestes anos, López Cuevillas comeza a colaborar co xornal liberal El Miño, onde tamén escribe Vicente Risco, en La Zarpa, El Pueblo Gallego e o Diario de Pontevedra.

En 1917 atopámolo na fundación da revista neosófica La Centuria, en cuxo primeiro exemplar publicaría o texto histórico «Rusia y su revolución. Primer momento», que continuaría no segundo e sexto número. No cuarto número atopamos outro artigo seu, «Divagaciones al margen de un cuento de Las Mil y Una noches». Son os anos de inconformismo, de actitude culturalista, estranxeirizante e algo esotérica que, anos despois, describirá no artigo «Dos nosos tempos», considerado un autorretrato do seu grupo xeracional, publicado no primeiro número da revista Nós.

En 1918 Cuevillas ingresa nas Irmandades da Fala xunto a Losada Diéguez, Otero Pedrayo e Vicente Risco, entregándose de cheo á causa galeguista. En 1920 traballa con entusiasmo nos primeiros pasos da revista Nós, de cuxa primeira directiva forma parte. Simultaneamente comeza a interesarse pola prehistoria galega, na que se formará autodidacta e intensamente até converterse no grande arqueólogo da súa xeración. Fíxoo, segundo diría tempo despois, pola necesidade de cubrir un burato na nosa cultura. Na actualidade está considerado o pai da nosa prehistoria. Ben pouco tardarían en aparecer nas páxinas de Nós os seus primeiros traballos sobre arqueoloxía. O primeiro «A mansión de Aquis Querquenis» (1922) recollendo a súa experiencia nas escavacións de tan singular espazo. A este, seguirán «O castro “A Cibdade“, en San Ciprián de Lás», nos números 10 e 12 da revista, «Os dólmenes do monte das Motas en Lobeira», no 18, ou «Unha lápida romana inédita» publicado en 1925.

O 18 de abril de 1924, ao pouco de fundarse o Seminario de Estudos Galegos, presentou o seu traballo de ingreso «A edade de ferro na Galiza», que se publicaría por entregas en Nós entre o 25 de xullo de 1925 e o 15 de novembro de 1926. En 1926 o seu tesón e coñecemento convertérono no director da sección de Prehistoria do Seminario, e desde esta posición, dirixiría escavacións, proxectos de investigación interdisciplinar e traballos colectivos nos que soubo implicar con habilidade mozos entusiastas como Antonio Fraguas, Xaquín Lorenzo ou Fermín Bouza Brey. Entre 1922 e 1925 traballou no castro de San Cibrao de Las. En 1925, dentro xa do Seminario de Estudos Galegos e en colaboración con Fermín Bouza Brey, comezou a escavar no castro do Neixón. Dous anos despois, en 1927, estudou os castros de Sobroso e Briteiros, e en 1931 o de Troña.

Froito da súa preocupación pola nosa prehistoria serán traballos como ViIa de Calvos de Randín (1930), en colaboración con Xaquín Lorenzo; «Prehistoria de Melide» en Terra de Melide (Santiago de Compostela 1933); Parroquia de Velle (1936), en colaboración con Xaquín Lorenzo e Vicente Fernández Hermida, e numerosísimos artigos e densas monografías. Parte importante do seu saber está condensado no volume La civilización céltica en Galicia (Porto, 1953). Ademais, asinou o capítulo dedicado á prehistoria de Galicia no tomo correspondente da monumental Historia de Galiza que dirixiría Otero Pedrayo e patrocinaría Manuel Puente. En 1962 a editorial Galaxia publicou postumamente Prosas Galegas.

Aínda que dedicado fundamentalmente ao traballo de investigación, coa firme convicción de que para apoiar o ideario dos seus compañeiros era preciso elaborar un discurso científico que permitise demostrar a existencia dunha cultura específica e unha historia diferenciada, participou, desde un segundo plano, na política de preguerra. Designado conselleiro de Finanzas da Irmandade Nazonalista Galega, fundou con Otero Pedrayo e os seus compañeiros ourensáns o Partido Nazonalista Repubricán de Ourense e militou no Partido Galeguista desde a súa fundación no Nadal de 1931.

Co inicio da Guerra Civil foi expedientado e multado. Son anos difíciles aos que cómpre sumar o feito de que en 1939 unha enfermidade reumática, que lle ocasionaba fortes dores e problemas de mobilidade, o apartaría dos traballos de campo que tanta satisfacción lle producían. En 1941 ingresou na Real Academia Galega a proposta de Otero Pedrayo, Alejandro Barreiro e Ángel del Castillo. Tres anos despois fíxoo no Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento. Pouco antes de retirarse da vida pública tivo a oportunidade de participar no III Congreso Nacional de Arqueloxía celebrado en 1953 en Galicia e no norte de Portugal.

Xubilado desde 1956, faleceu en Ourense o 30 de xuño de 1958, tras ser recoñecido por investigadores portugueses, franceses e españois.


  • Referencias

    • OBRA

      • En galego

        • «Dos nosos tempos» (1920)
        • Novas cerámicas das antas galegas (1930)
        • A edade de Ferro na Galiza (1968)
        • Prosas galegas (1962)


      • En castelán

        • Puertas de castros gallegos (1935)
        • Las joyas castreñas (1951)
        • La civilización céltica en Galicia (1953)
        • Cosas de Orense (1969)






    • BIBLIOGRAFÍA

      • Casares, Juan Manuel (2011): O pensamento político de Florentino López Cuevillas. Ourense: Duen de Bux.
      • Otero Pedrayo, Ramón (1980): Florentino L. Cuevillas. Vigo: Galaxia.
      • Bouza Brey, Fermín et al. (1957): Frol e froito de un fidalgo vivir: homaxe dos amigos e discípulos do Petrucio da Prehistoria galega, Florentino L.A. Cuevillas, no LXX aniversario do seu nacemento. Vigo: Galaxia





Publicacións nas que participou Florentino López Cuevillas

Materiais de Florentino López Cuevillas

Documento. Páxina de prensa

Páxina de prensa «Hoxe día das Letras Galegas» «Antología urgente» etc.

Recensión da vida e da obra de Florentino López Cuevillas, cadrando coa celebración do día das Letras Galegas a el dedicadas. A mesma páxina inclúe unha breve antoloxía, mención do programa de actos e unha «Miniencuesta sobre la lectura en gallego: ¿Tiene la juventud interés por el idioma vernáculo?»
Documento. Artigo

Artigo de Borobó «Homaxe a Cuevillas»

Borobó dá conta na sección «Anacos» da homenaxe que se lle rende a Cuevillas un ano despois da súa xubilación
Documento. Páxina de prensa

Artigos de Otero Pedrayo e outros sobre Cuevillas

Ramón Otero Pedrayo, amigo desde a infancia de Cuevillas, lembra algún dos trazos do intelectual na sección «Artes y Letras» baixo o título «Hoy se jubila Florentino López Cuevillas». Completa a páxina o artigo «El ejemplo de Cuevillas» de José Ramón y Fernández e unha «Bibliografía de Cuevillas» co subtítulo Lleva publicados cerca de un centenar de trabajos.
Documento. Artigo

Xaquín Lorenzo colabora co seu irmán Xurxo e con López Cuevillas na catalogación dos castros de Galicia

López Cuevillas, Florentino; Lorenzo Fernández, Xurxo; Lorenzo Fernández, Xaquín: «Catálogo dos castros galegos. Núm. II: O coto da Xulleira: (proseguimento)», Nós: boletín mensual da cultura galega: órgao da Sociedade Galega de Pubricacións Nós, 117 (15 de setembro de 1933), 189-200
Documento. Artigo

A primeira recepción xeral do SEG, para homenaxear á romanista Carolina Michaëlis de Vasconcellos, recollida por El compostelano. 15 de marzo de 1926

«Primera reunión general del Seminario de Estudos Galegos: Recepción de los poetas Cabanillas, Noriega, Abente y Taibo», El compostelano: diario independiente, 1795 (25 de marzo de 1926), 1.
Documento. Artigo

Artigo de Taboada Chivite «En el aniversario de Cuevillas»

Lembranza por parte do historiador Xesús Taboada Chivite, discípulo de Cuevillas

Carta de Vilar Ponte a Filgueira. 1930

Publicacións periódicas

Aviso Listado automático de documentación relacionada con nos fondos documentais en liña ofrecidos polo Consello da Cultura Galega.
Saudade (1942-) .
Verba Galega nas Américas
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;
Opinión Gallega (1945-) .
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;
Alborada (1952-1956) .
2ª época ata a actualidade: Órgano del Centro Gallego de Barcelona
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;
Vieiros (1959-1968) .
Revista do Padroado da Cultura Galega de México
Publicación impresa | Labor na publicación: COLABORACIóN;

Artigos

(12/1930) Seminario de Estudios Gallegos. Junta extraordinaria. Galicia [Bs As 1930]. [1ª] (187), 2.
Ver noticia Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
Mencións: Joaquín Arias Sanjurjo ; Fermín Bouza Brey ; Salvador Cabeza de León ; Ricardo Carballo Calero ; Xesús Carro García ; Álvaro de las Casas ; Xosé Filgueira Valverde ; Antonio Fraguas ; Daría González García ; Luís Iglesias Iglesias ; Florentino López Cuevillas ; Ramón Martínez López ; Vicente Risco ; Ramón Otero Pedrayo ; Valentín Paz-Andrade ; Paulino Pedret Casado ; Castelao ; Luís Tobío Campos ; Alfonso Vázquez Martínez ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (2/1950) Galicia, ante la figura símbolo de Castelao. Galicia [Bs As 1926]. (444), 19 .
Mencións: Ramón Baltar ; Ricardo Carballo Calero ; Xesús Carro García ; Ben-Cho-Shey ; Manuel Gómez Román ; Antonio Iglesias Vilarelle ; Florentino López Cuevillas ; Carlos Maside ; Ramón Otero Pedrayo ; Castelao ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (4/1956) Con Cuevillas, en breve conversa. Galicia Emigrante. (19), 4.
Mencións: Florentino López Cuevillas ;
FERNáNDEZ DEL RIEGO, F. (12/1957) Homenaje a Florentino L. Cuevillas. Galicia [Bs As 1926]. (498), 14.
Mencións: Florentino López Cuevillas ;
MOSKOWICH, R. (9/1983) Galicia. Airiños. 1ª (50º aniversario), 47-49.
Ver artigo Fonte da dixitalización: Arquivo da Emigración Galega. Consello da Cultura Galega;
Mencións: Luís Amado Carballo ; Francisco Añón ; Ramón Cabanillas ; Rosalía de Castro ; Manuel Curros Enríquez ; Eduardo Pondal ; Valentín Lamas Carvajal ; Manuel Leiras Pulpeiro ; Gonzalo López Abente ; Florentino López Cuevillas ; Antonio López Ferreiro ; Vicente Risco ; Antonio Noriega Varela ; Xoán Manuel Pintos ; Castelao ; Marcial Valladares ; Antón Villar Ponte ; Xohán Vicente Viqueira ; Manuel Lago González ; Manoel-Antonio ;