Jimena Fernández de la Vega

----

Jimena Fernández de la Vega

1895 Vega de Ribadeo (Vegadeo, Asturias) | 1984 Santiago de Compostela
NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Jimena Fernández de la Vega

1895- Vega de Ribadeo (Vegadeo, Asturias) | 1984 Santiago de Compostela
Unha das escollidasAs primeiras licenciadas

Xunto coa súa irmá xemelga Elisa foi das primeiras mulleres licenciadas pola Universidade de Santiago de Compostela. O feito de ter desenvolvido unha traxectoria científica relevante fai de Jimena un referente excepcional do que foi a incorporación da muller, por fin, aos estudos universitarios.

Naceu na Veiga de Ribadeo (A Veiga, Asturias), localidade onde exercía como médico o seu pai, Wenceslao Fernández de la Vega Pasarín, natural de Castroverde (Lugo), quen foi o primeiro director do balneario de Guitiriz. Realizou o bacharelato no Instituto de Lugo entre 1909 e 1913, cursando todas as materias en ensinanza non oficial e non colexiada. No exame de grao obtivo a cualificación de sobresaínte tanto na Sección de Ciencias como na de Letras. Durante o último curso do bacharelato preparou no Instituto de Santiago a materia de alemán en ensinanza libre, un coñecemento que será fundamental no que foi a súa traxectoria posterior.

En 1913 matriculouse na Facultade de Medicina da Universidade de Santiago como alumna de ensino oficial non colexiado, validando os cursos de idiomas francés e alemán que recibira nos Institutos de Lugo e Santiago. Realizou o exame de grao da licenciatura en xuño de 1919, aprobando con sobresaínte e, en setembro, conseguiu un dos dous Premios Extraordinarios concedidos. O tribunal estaba formado por Francisco Piñeiro Pérez, Antonio Novo Campelo e Francisco Romero Molezúm. Roberto Nóvoa Santos, catedrático de Patoloxía Xeral, asinou a acta como secretario da Facultade de Medicina (Delgado, 2007).

Tres anos máis tarde obtivo o doutoramento na Facultade de Medicina da Universidade Central, cunha tese realizada baixo a dirección do Dr. Pittaluga e titulada Estudio de la vagotonía infantil por medio del examen hematológico, da que se conserva un exemplar na Biblioteca Nacional de Madrid.

A súa especialización no exterior

Entre 1911 e 1936, a Junta para Ampliación de Estudios (JAE) concedeulle pensións a unhas cincuenta mulleres para estudar en Alemaña. Especialistas actuais consideran que tres delas (Juana Moreno de Sosa, Teresa Andrés Zamora e Jimena Fernández de la Vega) son os referentes que mostran o enorme potencial da experiencia no exterior para desenvolver unhas fecundas traxectorias profesionais e lograr pasar ás mulleres da invisibilidade a un certo recoñecemento (Gimber et al., 2010). Sen embargo, como se verá nas seguintes liñas, tampouco faltaron obstáculos no caso da especialización de Jimena, amplamente analizada pola autora Isabel Delgado (2007).

Jimena Fernández de la Vega disfrutou dunha pensión da JAE en Alemaña e Austria entre 1923 e 1927, para realizar estudos sobre a herdanza mendeliana con aplicación á clínica. Viaxou primeiro a Berlín, onde estudou Biometría e realizou prácticas clínicas cos médicos alemáns Friedrich Kraus e Theodor Brugsh (de ideoloxía liberal foi obrigado a abandonar o seu posto de 1934-37 durante a persecución nazi aos xudeus). Estes dous grandes médicos, figuras salientábeis da Xenética nese país e activos militantes do movemento euxenista europeo, defenderon a importancia dos estudos constitucionais e pularon pola investigación sobre as relacións entre a constitución e a herdanza.

En Berlín tamén coñeceu a Erwin Baur, botánico e seguidor das ideas mendelianas, quen realizou investigacións sobre a herdanza en plantas e aplicou os descubrimentos á especie humana. Asesorada por Baur, Fernández de la Vega trasladouse en 1925 a Hamburgo para traballar co profesor Hermann Poll, un dos médicos mellor formados en Xenética na súa aplicación á medicina. Era o director do Seminario para Estudos da Herdanza do Instituto Anatómico e Xenético da Universidade, onde Jimena realizou un primeiro traballo sobre Bioloxía e Patoloxía xeral, que describe na memoria da pensión do ano 1925 (1926).

Co informe favorábel do Dr. Pittaluga sobre eses traballos presentados e coa carta do profesor Poll, a JAE concedeulle unha prórroga da pensión para o ano seguinte. Traballou con Poll sobre Xenética experimental e co método dos xemelgos en humanos, así como coas técnicas utilizadas con Drosophila melanogaster, realizando os estudos de herdanza mendeliana que aparecen recollidos na súa publicación Experimentos de Genética en Drosophila, efectuados en el Instituto Anatómico de Hamburgo (1928).

En novembro de 1926 viaxou a Viena, onde traballou con Julius Baur na Allgemeine Poliklinik ata xaneiro de 1927, para estudar un tema no que Baur era un grande especialista, os problemas constitucionais. Baur consideraba que a constitución tiña moita relación coa herdanza (xenotipo) e defendía que, para coñecer a herdanza humana, era necesario analizar as unidades hereditarias máis pequenas (xenes), as súas relacións e manifestacións no fenotipo. Dende esta Policlínica da Universidade vienesa publicou o artigo «Sobre los procesos de difusión e intercambio entre la sangre y los tejidos. Método de la fluoriscina», na revista Archivos de Cardiología y Hematología. Foi asidua colaboradora desta prestixiosa revista, editada entre 1920 e 1936 e que dirixían os doutores Luis Calandre e Gustavo Pittaluga, publicando ademais de artigos, numerosas reseñas de revistas e libros.

En febreiro de 1927, Jimena Fernández de la Vega presentou á JAE a memoria da súa estadía en Hamburgo con dous traballos: Estado actual de la Biología y Patología Gemelar en su relación con los problemas hereditarios, realizado en 1926; e Drosophila y Mendelismus, resultado do seu traballo en 1927. Os traballos foron remitidos para a súa valoración a Antonio de Zulueta, quen expresou unha opinión pouco favorábel á súa publicación. Sobre Drosophila y Mendelismus xulgaba que non resultaba «ni muy claro ni muy ordenado» e que xa existían en castelán varios libros e artigos sobre o tema. O outro traballo, sobre Biología y Patología Gemelar, cualificábao como unha exposición baseada en artigos publicados en alemán, do que non se deducía un labor de investigación orixinal. O estudo realizado por Isabel Delgado (2007) sobre estes informes valora que o ton do informe de Zulueta contrasta, notabelmente, co que este científico empregou para valorar o traballo dos pensionados outras veces, podendo pensarse que ao pertencer ao eido médico e non naturalista, Zulueta podía consideralo lonxe da investigación básica. Sexa como for, os traballos foron eloxiados polos seus profesores alemáns e españois, e espertaron o interese dos medios médicos. Así, Jimena Fernández publicou en 1928 o artigo «Experimentos de Genética en Drosophila, efectuados en el Instituto Anatómico de Hamburgo» no Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural.

Cando regresou, atopou que os fundamentos da Xenética aínda eran pouco coñecidos entre os médicos. Animada por profesores como Pittaluga, Nóvoa Santos e Marañón ocupouse da tradución de obras de Julius Bauer e outros fisiólogos alemáns, realizou algún traballos clínicos e publicou artigos coa fin de espallar os coñecementos adquiridos en Alemaña e Austria. Durante estes anos traballou fundamentalmente no Servicio (Instituto) de Patología Médica do Hospital General de Madrid e no Laboratorio Central de Investigaciones Clínicas da Facultade de Medicina de Madrid, dirixido polo Dr. Pittaluga.

En 1930, a Academia Médico-Quirúrgica concedeulle o premio Abaytúa pola presentación do traballo de investigación titulado Equilibrio ácido-básico, su estudio especial en relación con la narcosis. Para celebralo organizaron un xantar cos seus compañeiros das clínicas, asistindo os doutores Nóvoa Santos e Pittaluga.

Semella que na viaxe realizada polos fisiólogos alemáns Poll e Baur a Madrid, para impartir unhas conferencias, estes suxeríronlle a Pi i Suñer (membro do Consejo de Cultura del Ministerio de Instrucción Pública) a creación en España dun laboratorio para a investigación en Xenética humana. Así, en 1933, púxose en marcha na Facultade de Medicina de Madrid a Sección de Genética y Constitución, dependente da cátedra de Patoloxía de Nóvoa Santos, e nomearon a Fernández de la Vega como directora. Ese mesmo ano participou nas Primeras Jornadas Eugénicas Españolas, celebradas en Madrid, onde impartiu o curso La herencia biológica en el hombre.

Logo do seu nomeamento, recibiu unha bolsa da JAE para actualizarse en temas de herdanza e constitución en Italia e Alemaña. A bolsa duraría un curso académico, pasando un semestre en Italia e tres meses en Alemaña. Permaneceu en Xénova de outubro de 1933 ata abril de 1934. Durante ese semestre, realizou estudos sobre endocrinoloxía e constitución no Istituto di Clinica Medica, co seu director Nicola Pende. Logo trasladouse ao Keiser Wilhelm Institut, en Berlín, onde desenvolveu un traballo de investigación sobre a herdanza das formas dos glóbulos vermellos no sangue humano, empregando o método dos xemelgos. Solicitou unha prórroga da súa estadía, avalada polo director do Instituto, Eugen Fischer, e así puido permanecer en Berlín ata outubro de 1934.

Cando regresou encontrou un gran cambio na Sección de Genética, en troques de ser un lugar para traballos experimentais pasara a converterse nun Seminario de Estudios de Genética de tipo teórico. No ano académico 1934-35, Marañón convidouna a dar un curso sobre a herdanza fisiopatolóxica para os médicos no Instituto de Patología Médica, curso que posteriormente foi publicado en forma de libro.

A súa obra

A súa obra no campo da Xenética ten sido amplamente analizada, especialmente por Isabel Delgado (2007), sobre todo as publicacións dedicadas aos cromosomas sexuais. Respecto a outros temas, no seu estudo sobre Bioloxía e Patoloxía Xemelgar, realizado durante a súa estadía co profesor Poll, resumiu os principais aspectos da Bioloxía xemelgar, as súas estatísticas e casuística, segundo autores como Weinberg e Geschlest (1879). En canto á metódica xemelgar patolóxica, consideraba que era útil para analizar as leis de Mendel sobre certas doenzas, que poderían catalogarse como dominantes, recesivas, ou dominantes ou recesivas ligadas ao sexo. Trazou un esquema dos caracteres normais e patolóxicos que podían controlarse por medio de xemelgos, e fixo unha crítica de certas árbores xenealóxicas que trataban doenzas hereditarias e que non concordaban cos datos obtidos en xemelgos.

Sobre Seroloxía constitucional e a investigación dos grupos sanguíneos redactou en 1928 un resumo crítico do libro de Ludwig Hirszfeld, publicado ese mesmo ano e que consideraba as diferenzas serolóxicas e os grupos sanguíneos responsábeis da forma de ser de cada organismo.

Analizou reiteradamente a hemofilia dende o punto de vista xenético, publicando en 1929 a súa análise dun caso clínico desta doenza aplicando o concepto de hemodistrofia constitucional, definido por Pittaluga. Na súa exposición explicaba ao colectivo médico os principios de transmisión dos factores hereditarios nos cromosomas e a súa relación coa herdanza do sexo, achegando uns esquemas sobre a transmisión da hemofilia por parte do pai e da nai.

A Hidroloxía

Dada a situación na que estaba a súa volta a Sección de Genética y Constitución, a vida profesional de Jimena Fernández de la Vega deu un xiro e comezou a traballar no campo da Hidroloxía. En 1946 publicou Hidrología y materia biológica. Lecciones adaptadas al programa de las oposiciones a Médicos Hidrólogos con motivo da súa preparación. De feito, Jimena sacou as oposicións a médico de balneario no remate dos anos corenta e volveu a Guitiriz, onde traballara o seu pai. Con posterioridade dirixiu os balnearios de Montemayor (Cáceres), de Cestona (Guipuzkoa) e de Lanjarón (Granada), onde se xubilou (Rodríguez, 2006). Pero continuou publicando sobre o seu tema de traballo principal, pois en 1963 editou o libro Teoría de la herencia y herencia molecular.

Finou en 1984, a idade de 90 anos, dunha doenza cerebro vascular nun sanatorio de Santiago. En 1996 a Universidade compostelá dedicou a Jimena e a súa irmá Elisa, o primeiro Vítor referido a unha muller nesta institución.

En definitiva, foi unha das primeiras mulleres sempre: en licenciarse en Santiago, en ser premio extraordinario, en obter o doutorado en Medicina, en facer unha brillante especialización no exterior… A súa dedicación á investigación sobre a herdanza permitiu a introdución en España das ideas e técnicas sobre Xenética que estaban avanzando en Alemaña e outros países europeos. Lamentabelmente o non desenvolvemento da Sección de Genética y Constitución como centro de investigación truncou unha traxectoria valiosa, que serviu para que os medios académicos da Medicina coñeceran as teorías xenéticas.

Gregorio Marañón, no prólogo para o seu libro La herencia fisiopatológica en la especie humana (1935, p. 14), describiu así a Jimena Fernández de la Vega: Es gallega, y con esto quiere decirse que es aguda, inteligente y poco dada a llevarse de arrebatos imaginativos. Cualidades todas excepcionales para el cultivo de la ciencia.

Bibliografía
Bibliografía primaria:
Fernández de la Vega, J. (1922): Estudio de la vagotonia infantil por medio del examen hematológico. [Tesis inédita de la Universidad Central (Madrid), Facultad de Medicina, 1922].
Fernández de la Vega, J. (1926): Estado actual de la Biología y Patología Gemelar en sus relaciones con los problemas hereditarios. [Documento presentado a la JAE como memoria de la pensión del año 1925. Hamburg, 1926].
Fernández de la Vega, J. (1927): Drosophila y mendelismus. [Documento presentado a la JAE como memoria de la pensión del año 1926. Hamburg, 1927].
Fernández de la Vega, J. (1927): «Sobre los procesos de difusión e intercambio entre la sangre y los tejidos. Método de la fluoriscina», Wiener Klinische Wochenschrift , 25 (5 p.).
Fernández de la Vega, J. (1927): «Estado actual de nuestros conocimientos acerca de la biología y patología gemelar en sus relaciones con los problemas de la herencia», Los Progresos de la Clínica.
Fernández de la Vega, J. (1928): «Experimentos de Genética en Drosophila, efectuados en el Instituto Anatómico de Hamburgo», Boletín de la Real Sociedad Española de Historia Natural, p. 237-242.
Fernández de la Vega, J. (1928): «El raquitismo a la luz de la moderna genética», Los Progresos de la Clínica.
Fernández de la Vega, J. (1928): «La "serología constitucional" y la investigación de los grupos sanguíneos (Resumen crítico del libro de Ludwig Hirszfeld Konstitutionserologie und Blutgruppenforschung, Berlín: J. Springer, 1928)», Archivos de Cardiología y Hematología, 9: 259-313.
Fernández de la Vega, J. (1928-29): «Consideraciones sobre las hemodistrofias a propósito de un caso clínico», Anales del servicio de Patología Médica del Hospital General de Madrid, (1928-29): 224-231.
Fernández de la Vega, J. (1929): «Consideraciones etiológicas y patogénicas sobre un caso de hemofilia», Archivos de Cardiología y Hematología, 10: 185-190.
Fernández de la Vega, J. (1933): «Herencia de los caracteres psicológicos», Archivos de Neurobiología, 13: 405-417.
Fernández de la Vega, J. (1934): «La herencia biológica en el hombre. I. Herencia de los caracteres psicológicos. II. Selección y contraselección». En Noguera, Enrique e Huerta, Luis (eds): Genética, Eugenesia y Pedagogía Sexual - Libro de las Primeras Jornadas Eugénicas Españolas, Madrid: Morata; p. 159-181.
Fernández de la Vega, J. (1934): «Constitución» En Nóvoa Santos, R.: Manual de Patología General. Santiago de Compostela: Tipografía El Eco de Santiago; t. I., p. 375-404.
Fernández de la Vega, J. (1934): «Coeficientes de correlación entre algunas medidas del hábitus», Anales de Medicina Interna, 3: 341-349.
Fernández de la Vega, J. (1935): La herencia fisiopatológica en la especie humana: conferencias pronunciadas en la cátedra del prof. Marañón, de Madrid, curso 1934-1935. [Prólogo de Gregorio Marañon]. Madrid: Espasa-Calpe.
Fernández de la Vega, J. (1946): Hidrología y materia biológica: lecciones adaptadas al programa de las oposiciones a médicos hidrológicos. Madrid: Imprenta Juan Bravo.
Fernández de la Vega, J. (1955): «Herencia y diabetes», Diabetes, II, IV: 7-18.
Fernández de la Vega, J. 1963): Teoría de la herencia y herencia molecular. Madrid: Paz Montalvo.
Bauer, Julius: (1930): Herencia y constitución por Julius Bauer. [Trad. directa da segunda edición alemá por Jimena F. de la Vega]. Barcelona: Manuel Martín.

Bibliografía secundaria:
Álvarez Peláez, R. (2007): «La Genética y la Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas», Asclepio. Revista de Historia de la Medicina y de la Ciencia, LIX, 2: 163-180.
Delgado Echeverría, I. (2007): El descubrimiento de los cromosomas sexuales. Madrid: CSIC; pp. 350-360.
Gimber, A.; Pérez-Villanueva Tovar, I.; López-Ríos, S. (2010): «Las mujeres como protagonistas de los intercambios científicos-educativos hispano alemanes en la época de entre guerras». En Traspasar fronteras. Un siglo de intercambio científico entre España y Alemania. Madrid: CSIC.
Magallón Portolés, C. (1998): Pioneras españolas en las ciencias. Las mujeres del Instituto Nacional de Física y Química. Madrid: C.S.I.C.
Rodríguez Míguez, L. (2006): «Figuras galaicas del termalismo», Balnea, 1: 97-109.

Publicacións nas que participou Jimena Fernández de la Vega

Portada de  Jimena Fernández de la Vega.
LIBRO

Jimena Fernández de la Vega.

Un modelo de científica adiantada ao seu tempo
Portada de  Álbum da ciencia
LIBRO

Álbum da ciencia

: 30 nomes e as súas achegas

Materiais de Jimena Fernández de la Vega

Documento. Artigo

Elisa Díaz Rivas é unha das científicas estudadas no artigo «Profesoras en la Universidad. El tránsito de las pioneras en España», de Consuelo Flecha

Flecha García, Consuelo: «Profesoras en la Universidad. El tránsito de las pioneras en España», Arenal, 17:2 (xullo-decembro de 2010), 255-297.
Documento

Mulleres e memoria histórica, por Aurora Marco

Elaborado con motivo da aprobación da Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen padeceu persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura.