Ana Paula Laborinho

----

Ana Paula Laborinho


NOTA: Nesta páxina lístanse as referencias a unha persoa en diferentes proxectos, eventos ou publicacións do Consello da Cultura Galega. Trátase dun proxecto de etiquetado en continuo crecemento e ampliación, e que non está concluído. En ningún caso, a páxina pretende ser unha biografía da persoa mencionada nin incorporará materiais externos ao CCG ao respecto.

Biografía de Ana Paula Laborinho


Doutorada en Estudos Literarios pola Universidade de Lisboa, onde exerce funcións docentes desde 1982.

En 1989 integrou a comisión fundadora do Instituto Português do Oriente (IPOR), institución encargada de promover a lingua e a cultura portuguesas da India ao Xapón. De 1989 a 1992 exerceu funcións no Departamento de Estudos Portugueses da Universidade de Macau, onde formou parte da correspondente comisión directiva, coordinou a variante de Literatura do Mestrado en Estudos Luso-Asiáticos, deu clase no ámbito do mesmo mestrado e no programa de licenciatura, así como en diversos niveles de Lingua Portuguesa. En 1995 foi nomeada asesora de gabinete do Secretario Adxunto para a Comunicación, Turismo e Cultura do Goberno de Macau.

De 1996 a 2002 exerceu funcións como presidenta da dirección do Instituto Português de Oriente, tendo asegurado o período de transferencia de administración de Macau de Portugal para a República Popular de China.

No ano 2007 incorporouse ao Centro de Estudos Comparatistas da Facultade de Letras de Lisboa, onde coordina a liña de investigación Orientalismo Portugués. Foi membro de diversas comisións pedagóxicas do Departamento de Literatura da Facultade de Letras, entre elas a comisión executiva.

De 2007 a 2008 formou parte do grupo de traballo, presidido polo profesor Carlos Reis, que elaborou o informe “A internacionalização da lingua portuguesa. Para uma política articulada de promoção e difusão”.

En 2010 foi nomeada Presidenta do Instituto Camões e en 2012 do Conselho Diretivo do Instituto da Cooperação e da Língua, I.P., sendo responsable do proceso de fusión do Instituto Camões e do Instituto Português de Apoio ao Desenvolvimento.

Do seu paso polo Camões, I.P., na área de lingua, destacan, entre outros logros: a expansión da presenza do portugués no mundo (85 países nos cinco continentes); a certificación do portugués, onde se destaca o referencial Camões, que acadou o selo do Consello de Europa; a creación do estatuto da Empresa Promotora da Lingua Portuguesa; o desenvolvemento do ensino dixital e de produtos innovadores como a plataforma de ensino a distancia “Português mais perto” e a app e-Learning.

Na área da cultura, produciuse un crecemento da proxección cultural (en 2016, o Camões, I.P. promoveu cerca de 1300 actividades de divulgación cultural); destacan tamén os programas de apoio á edición, en colaboración coa Dirección Xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas (DGLAB), e programas de apoio á tradución e promoción de autores portugueses noutras linguas, así como a articulación da Acción Cultural Externa co Ministério da Cultura.

No ámbito da cooperación, houbo un aumento no número de iniciativas e proxectos con parceiros internacionais, como a UE, a ONU ou a CPLP (Comunidade dos Países de Língua Portuguesa), e tamén un incremento dos proxectos financiados a través da liña de financiamento de proxectos de Cooperación para o Desenvolvemento e da liña de Educación para o Desenvolvemento, coa consecuente xestión dixital no aceso a estas liñas e das candidaturas a axentes de cooperación. Neste capítulo de cooperación destacaron os protocolos de colaboración asinados co Consello da Cultura Galega para fomentar a realización de actividades conxuntas e o intercambio de experiencias culturais abrindo camiño e ofrecendo para Galicia unha antena para a difusión da cultura galega e viceversa. Froito desta colaboración organizáronse conferencias, seminarios, cursos e exposicións entre ambas as institucións.

Na actualidade é a directora da representación en Portugal da Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI).