Noticias

Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais (CCG). Rexistros1 a 10 de 10
14/03/2024

Unha xornada do Consello da Cultura Galega analiza o legado das intérpretes galegas na diáspora

Con motivo da estrea en Galicia de Manuela Rey is in da house, obra teatral producida polo Centro Dramático Galego, o Teatro Nacional São João, o Teatro Nacional Dona Maria II e o Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana, a Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza a xornada Intérpretes galegas na emigración e no exilio. Coordinada por Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes, Cristina Domínguez Dapena e Fran Núñez, a cita terá lugar este venres, 15 de marzo (16:15 horas), no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Non haberá emisión en directo, pero gravarase a sesión e subirase posteriormente á hemeroteca do CCG.
12/03/2024

O Consello da Cultura Galega dedica unha xornada aos compositores Manuel Balboa, Enrique Macías e Xan Viaño

Balboa, Macías e Viaño. Creación musical galega a finais do século XX é o título da xornada que a Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este mércores, 13 de marzo (16:30 horas), na sede da institución. Nela, diversos especialistas analizarán a figura destes tres compositores. Inaugurarán a cita a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais, Cristina Domínguez Dapena. A actividade é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e das redes sociais corporativas.
04/12/2023

O que pode a danza amosa o poder transformador social das artes do movemento

O que pode a danza é o novo produto audiovisual co que o Consello da Cultura Galega (CCG) se achega ao sector das artes do movemento. Trátase de oito pezas audiovisuais que nos achegan outras tantas experiencias singulares que amosan as conexións do mundo da danza coa sustentabilidade, co territorio ou coa empresa. Natalia Balseiro é a comisaria deste proxecto, que se acaba de presentar na Casa Vella de Amiadoso, en Ourense, e na Culturgal. A serie está dispoñible desde hoxe no web e nas redes sociais da institución.
03/12/2023

Preséntanse no Culturgal os últimos produtos audiovisuais da institución

O Consello da Cultura Galega (CCG) acode á 16ª edición da Culturgal, que se desenvolve ata o domingo 3 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, con dúas actividades para presentar os traballos audiovisuais producidos pola institución nos últimos meses ao redor de diferentes disciplinas artísticas contemporáneas. A presidenta, Rosario Álvarez, e mais os responsables da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais, do Arquivo Sonoro de Galicia e da Comisión Técnica de Relacións Institucionais e Acción Exterior, Cristina Domínguez, Alejo Amoedo e Xavier Queipo, respectivamente, acompañados de diferentes profesionais que participan nestes proxectos, asistirán ás dúas presentacións, que terán lugar mañá domingo (12:00 e 17:00 horas).
27/11/2023

Diferentes expertas e investigadoras reflexionan sobre o acoso sexual nunha xornada

O acoso sexual é unha realidade que está presente en moitos ámbitos da vida das mulleres desde a súa infancia. Co fin de afondar na súa concepción e nas diversas formas en que este se manifesta, o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais da institución, organiza mañá martes (28 de novembro, 10:00 horas) a xornada Que é “si”? Sobre o acoso sexual. Na inauguración intervirán a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a coordinadora do CDIF, Carme Adán, e a da Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais, Cristina Domínguez. A xornada é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e as redes sociais da institución.
21/11/2023

Paula Carballeira e Sofia Santos Silva protagonizan a sexta edición do ciclo Dramaturxias itinerantes

O Consello da Cultura Galega (CCG), a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia e a Escola Superior de Música e Artes do Espetáculo (ESMAE) de Porto, en colaboración co Camões-Centro Cultural Português de Vigo, presentan unha nova edición de Dramaturxias itinerantes. O ciclo, que busca promover un maior coñecemento sobre a escrita teatral feminina máis contemporánea de Galicia e Portugal, xunta nesta edición ás creadoras Paula Carballeira e Sofia Santos Silva. A cita arrinca hoxe (18:00 horas), no Teatro Helena Sá e Costa (Porto), e repite mañá, mércores 22 (17:30 horas) na ESAD de Vigo.
20/07/2023

Preséntase na MIT un avance do proxecto audiovisual sobre o teatro galego da transición

Este venres, na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT), presentarase un avance do vindeiro proxecto audiovisual da institución, promovido desde a Sección de Música, Artes Escénicas e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG). Chámase “Memoria do teatro galego da transición” e consiste nunha serie audiovisual arredor da recuperación da actividade teatral en Galicia nos anos setenta e oitenta do século XX. Estarán presentes a presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o alcalde de Ribadavia, César Álvarez; a presidenta da Academia Galega de Teatro, Imma António Souto; a coordinadora da Sección de Música e responsable do proxecto, Cristina Domínguez; o director da MIT, Roberto Pascual, e Tito Asorey, director das dúas primeiras pezas audiovisuais do proxecto. Un día despois, o sábado 22, no marco deste proxecto, terá lugar un debate sobre a importancia da MIT no sistema teatral galego.
20/03/2023

Os inicios da música escénica en Galicia analízanse nunha xornada que tamén pon en escena a tonadilla Los gustos estragados

A Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza mañá, 21 de marzo (17:00 horas), a xornada Os inicios da música escénica en Galicia. Nela representarase a tonadilla escénica de Melchor López Los gustos estragados, a única que se conserva das que foron compostas en Galicia. Antes da representación haberá unha mesa redonda, na que intervirán Montserrat Capelán, Javier Gándara e Joám Trilho. A actividade está coordinada pola propia Montserrat Capelán e por Cristina Domínguez Dapena. Ademais, conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais, do Centro Dramático Galego e do grupo de investigación Organistrum da Universidade de Santiago de Compostela (USC). As prazas están esgotadas, pero as intervencións poderán seguirse en directo a través do sitio web e as redes sociais da institución.
21/11/2022

Unha xornada analiza a relevancia das corais

As corais: dinamizadoras imprescindibles do tecido cultural galego é o título da xornada que se celebra na tarde deste martes, 22 de novembro. Nela, analizarase a incidencia social das máis de trescentas corais existentes na nosa comunidade e se presentará o primeiro informe que analiza esta realidade. A actividade está organizada pola Sección de Artes Escénicas, Musicais e Audiovisuais do Consello da Cultura Galega CCG) baixo a coordinadción de Alejo Amoedo e Cristina Domínguez Dapena. Recoñecidos profesionais achegaranse á importante función divulgativa e pedagóxica que desempeñan as corais e, profundarán no seu papel como forzas vertebradoras e dinamizadoras do tecido cultural. A sesión é presencial, pero tamén se poderá seguir en directo a través das redes sociais da institución.
10/02/2022

O Consello da Cultura Galega e a Academia Galega de Teatro presentan as Actas do I Congreso Internacional do Teatro Galego

“Deseñando horizontes. Situación actual, orixe e planificación do futuro do teatro galego”. Este é o título da publicación que condensa as claves de futuro para as artes escénicas do noso país. O texto foi presentado en rolda de prensa esta mañá polas presidentas do Consello da Cultura Galega (CCG) e da Academia Galega de Teatro, Rosario Álvarez e Imma António, respectivamente. Canda a elas estaban Eduardo Alonso, vicepresidente da Academia e Dolores Vilavedra, secretaria do CCG e unha das coeditoras do texto que xa se pode descargar desde o web da institución.