Noticias

Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade (CCG). Rexistros1 a 9 de 9
22/06/2023

Traducida ao galego Xogando co infinito, clásico que conta as matemáticas para público en xeral

O Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, acaba de dar ao prelo a primeira tradución ao galego de Xogando co infinito. Trátase dunha obra divulgativa que escribiu a húngara Rózsa Péter hai oitenta anos arredor de conceptos matemáticos relacionados co infinito. “Escribín este libro para persoas con inquedanzas intelectuais que non son matemáticas […] para facerlles ver que as matemáticas e as artes non son tan diferentes entre si”, confesou esta pioneira da divulgación científica no prefacio da primeira edición. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a decana da Facultade de Matemáticas da USC, Elena Vázquez Cendón, e o autor da tradución ao galego, Felipe Gago, presentaron na Aula Magna da Facultade de Matemáticas esta obra, que xa está dispoñible para descarga.
05/06/2023

Unha xornada aborda en Lugo a alimentación sustentable

“Alimentos sen remordementos. Alternativas para unha cesta da compra sustentable” é o título da xornada que terá lugar este martes, 6 de xuño, no Vello Cárcere de Lugo. Organizada polas seccións de Pensamento e de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) co apoio do Concello de Lugo, a actividade ten como obxectivo analizar os diferentes modelos de produción e consumo alimentarios. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugurará ás 10:00 horas esta cita, que coordinan María Teresa Barral, Iolanda Casal, Ana Isabel García Arias e David Soto. A sesión é presencial e non se poderá seguir en directo, pero será gravada e subida con posterioridade á hemeroteca do CCG.
01/06/2023

Un grupo de expertos propón limitar a iluminación pública

Reducir a intensidade da luz pola noite, evitar as emisións directas de luz á atmosfera e someter as novas instalacións de iluminación a avaliacións de impacto ambiental son as principais recomendacións que figuran no documento de boas prácticas que asinaron os expertos participantes na xornada "Os múltiples riscos da contaminación luminosa". A cita, organizada pola Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG), foi coordinada por Jorge Mira e puxo o acento na consideración da iluminación artificial excesiva como un axente contaminante. Na inauguración, a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, destacou a relevancia desta xornada que permite que a “cidadanía poida estar informada sobre un problema real”, aspecto no que tamén incidiu a coordinadora da sección, Elena Vázquez Cendón. O documento resultante da xornada xa se pode descargar desde o web do CCG e Mira avanzou “que inicia agora un camiño que o levará por outras entidades e administracións”.
31/05/2023

Unha xornada analiza os riscos da contaminación luminosa

A chegada da luz eléctrica e a extensión masiva da iluminación artificial mudaron os ritmos naturais ata tal punto que están empezando a descubrirse os seus impactos na saúde das persoas e no medio ambiente. A día de hoxe, a luz artificial xa é considerada un axente contaminante. Sobre os efectos que a iluminación artificial causa no equilibrio ambiental e na saúde humana, o gasto enerxético asociado e a deterioración da capacidade de observación do ceo nocturno trata a xornada "Os múltiples riscos da contaminación luminosa", que organiza o Consello da Cultura Galega (CCG) este xoves, 1 de xuño. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugura esta cita que coordina Jorge Mira. A sesión pode seguirse en directo por Internet e nas redes sociais do CCG.
26/10/2022

Unha xornada promove en Ponteceso as vocacións científicas entre o alumnado de primaria

A coordinadora da Sección de Ciencia, Tecnoloxía Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG), Elena Vázquez Cendón, inaugurou hoxe en Ponteceso a xornada Emocións e vocacións científicas, encamiñada a fomentar as vocacións científicas. Ánxela Bugallo e Xosé María Varela coordinaron esta actividade que estaba formada por varios obradoiros pensados para alumnado de primaria de centros da contorna. A cita contaba coa colaboración da Fundación Pondal.
11/10/2022

Profesionais e alumnado do IES de Chapela conversan sobre a enxeñaría de camiños

O Consello da Cultura Galega (CCG) celebrou este martes en Redondela unha nova cita do seu proxecto “Diálogos interxeracionais en ciencia e tecnoloxía” encamiñado a fomentar vocacións científicas a través de conversas distendidas entre alumnado e profesionais. Nesta ocasión falaron da enxeñaría de camiños e fixérono nun lugar emblemático: o Centro de Interpretación da Batalla e o Patrimonio Cultural de Rande en Meirande, que está ao pé da Ponte de Rande, obra icónica da enxeñaría de camiños en Galicia. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, foi a encargada de inaugurar esta cita que contou coa participación do alumnado do IES de Chapela.
07/06/2022

Unha xornada analiza o que nos custa o cambio climático e a transición enerxética

Canto nos está a custar e nos custará o cambio climático? Entre as medidas a emprender, ocupa un lugar destacado a transición enerxética dende o paradigma de combustibles fósiles. A canto ascende esta factura? Temos maneira de reducila a través de políticas axeitadas? Podemos facelo dunha forma xusta? E, sobre todo, compensaranos pagala? Expertos como Xavier Lavandeira ou Beatriz Hervella responderán a estas preguntas na xornada “A factura do cambio climático e transición enerxética” que organiza a Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG). A xornada é presencial pero poderá seguirse en directo a través da rede.
30/11/2021

Unha xornada aborda o consumo sostible da moda e do transporte

A industria da moda é responsable do 10 % da contaminación global mundial. Produce entre catro e cinco billóns de toneladas de CO2, representa entre o 8% e o 10% da emisións globais e o seu consumo de auga é un dos máis importantes. A Comisión Europa abordou en 2020 un plan de acción para economía circular que ten unha estratexia específica para a industria téxtil. Neste contexto o Consello da Cultura Galega, a través da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade, organiza mañá a xornada “Consumo e sostibilidade. Os desafíos do transporte e a industria da moda”, a primeira dunha serie de sesións encamiñadas a reflexionar sobre o gran reto do noso tempo, que é facer compatibles o consumo e a preservación ambiental. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e as coordinadoras da cita, Iolanda Casal e María Loureiro, inauguran esta cita que se pode seguir en directo polo web e as redes sociais da institución.
11/03/2020

O alumnado de secundaria experimenta coa ciencia nunha xornada do Consello da Cultura Galega

Son novos, gustan da ciencia e dos experimentos e cursan secundaria nun dos máis de douscentos centros que existen en Galicia. Este é o perfil do centenar de estudantes que durante a xornada de hoxe se converteron en improvisados relatores na cita do Consello da Cultura Galega chamada “Dos gabinetes de ciencias dos institutos históricos aos clubs de ciencia e o STEMBach”. O salón de actos do Consello da Cultura Galega (CCG) e a praza do Obradoiro foron improvisados laboratorios nos que se visibilizaron algunhas actividades que se fan no marco dos programas de STEMBach e dos Clubes de Ciencia.