Novas da lingua. CURSOS E CONGRESOS

Rexistros691 a 708 de 708
30/01/2007. CURSOS E CONGRESOS

Aprendendo a constituír e xestionar equipos de traballo

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza un novo curso de formación sobre a constitución de equipos de traballo e grupos de participación, que se desenvolverá na Facultade de Filoloxía da USC os días 15 e 16 de febreiro de 2007, en horario de mañá (de 10 a 14 horas) e de tarde (de 16 a 20 horas).

O prazo de preinscrición remata o 30 de xaneiro. Se desexa máis información, prema aquí.
08/01/2007. CURSOS E CONGRESOS

Seminario sobre onomástica galega

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza o seminario Claves de onomástica galega, que será impartido polo profesor Gonzalo Navaza durante os días 22-24 e 29-31 de xaneiro no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo para enviar a ficha de inscrición ata o vindeiro día 18 deste mesmo mes.
28/11/2006. CURSOS E CONGRESOS

I Xornadas de Lingua e Cultura Galegas en Lubián

A Asociación Xente Nova das Portelas e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo celebrarán os vindeiros días 1 e 2 de decembro unhas xornadas de intercambio lingüístico e cultural no concello zamorano de Lubián co ánimo de promover a introdución do idioma galego no ensino da comarca.

O prazo de inscrición remata o 29 de novembro e todas as persoas interesadas en asistir deben poñerse en contacto coa Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.

O programa das xornadas pode consultalo en vieiros.org.
22/11/2006. CURSOS E CONGRESOS

II Xornadas de Coordinación de Políticas Lingüísticas

A Fundación Enclave e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo organizan a segunda edición destas xornadas, que teñen como obxectivo establecer un debate arredor das mudanzas na xestión lingüística que debe implicar o cambio de goberno na Administración autonómica.

As sesións desenvolveranse os días 22, 27, 29 de novembro e 11 de decembro de 2006 no Campus Universitario de Vigo (Edificio Miralles. Lagoas-Marcosende).

Se desexa consultar o programa, prema aquí.

20/11/2006. CURSOS E CONGRESOS

Seminarios de formación para docentes do ensino non regrado da lingua

A Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, un curso de formación de profesores de galego, que se desenvolverá entre os días 11 e 20 de decembro na Escola Galega de Administración Pública (Santiago de Compostela) e no IES A Xunqueira (Pontevedra). O prazo de inscrición remata o 5 de decembro.

Así mesmo, o vindeiro 21 de decembro terá lugar no Instituto Torrente Ballester (Pontevedra) un seminario para profesores de linguaxe xurídica. Neste caso o prazo de presentación de solicitudes é do 21 de novembro ao 1 de decembro.
07/11/2006. CURSOS E CONGRESOS

Seminario de formación de linguaxe administrativa

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organiza este seminario de formación complementaria destinado aos/ás licenciados/as en Filoloxía Galega que están en condicións de impartir cursos de linguaxe administrativa ao funcionariado.

As sesións terán lugar os días 2 e 16 de decembro de 2006 e o prazo para presentar as solicitudes é do 6 ao 20 de novembro.

Se desexa máis información sobre o programa ou os trámites de inscrición, prema aquí.
07/11/2006. CURSOS E CONGRESOS

I Curso de formación en voluntariado lingüístico

A Universidade da Coruña organiza un curso de formación en voluntariado lingüístico, de 6 horas de duración, dirixido principalmente aos membros da comunidade universitaria. O principal obxectivo é sentar as bases teóricas e prácticas para desenvolver un programa de acollida ao estudantado de intercambio da UDC.

O prazo de inscrición remata o vindeiro 24 de novembro.
31/10/2006. CURSOS E CONGRESOS

III Xornadas sobre Lingua e Usos

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña organiza, en colaboración coa Real Academia Galega, a terceira edición destas xornadas, que nesta ocasión xirarán arredor do tema “Lingua e idade”.

As sesións desenvolveranse os días 8, 9 e 10 de novembro na Sala de Xuntas do Consello de Goberno da UDC (A Coruña).

O prazo de inscrición remata o vindeiro 3 de novembro. Se desexa consultar o programa ou obter máis información sobre os trámites da inscrición, prema aquí.

19/10/2006. CURSOS E CONGRESOS

I Seminario de Dinamización Lingüística no Ensino

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organiza diferentes seminarios de formación destinados ao profesorado non universitario, en especial aos membros dos equipos de normalización lingüística, que se celebrarán ao longo do mes de novembro nas sete principais cidades galegas.

O prazo de inscrición remata o vindeiro 6 de novembro.

Para obter máis información sobre os programas das diferentes edicións, así como sobre os trámites da inscrición, prema aquí.
18/10/2006. CURSOS E CONGRESOS

O patrimonio común galego-portugués a debate en Estremadura

O Centro de Estudos Galegos da Universidade de Estremadura organiza o I Congreso de Estudos Galegos “Galiza e Portugal: un patrimonio común”, que xirará arredor da candidatura da cultura común galego-portuguesa para ser proclamada pola Unesco Obra Mestra do Patrimonio Oral e Inmaterial.

As sesións terán lugar os vindeiros días 8 e 9 de novembro no Paraninfo da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Estremadura (Cáceres).

Se desexa máis información sobre o programa e os trámites de inscrición, prema aquí.

05/10/2006. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa galega para o persoal da Administración local

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza publica, no DOG do 5 de outubro de 2006, a convocatoria de cursos de nivel medio e superior de linguaxe administrativa galega para o cadro de persoal da Administración local galega.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
26/09/2006. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua e cultura galegas na Universitat de Barcelona

A Sección de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universitat de Barcelona e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organizan a programación de cursos de lingua e cultura galegas para o curso 2006-2007.

A oferta formativa está destinada a maiores de 17 anos, sexan ou non alumnos/as desta universidade, e contempla diferentes niveis e tipos de cursos (galego oral, iniciación á lingua galega, perfeccionamento da lingua galega e extensión cultural).

O prazo de inscrición é ata o vindeiro 11 de outubro. Se desexa máis información, prema aquí.
19/09/2006. CURSOS E CONGRESOS

Producir, espallar, localizar... software en galego

As Concellarías de Política Lingüística e Relacións Veciñais; Educación e Mocidade; Cultura e Promoción Económica, Emprego e Comercio do Concello de Santiago de Compostela organizan a xornada de traballo Producir, espallar, localizar... software en galego.

A iniciativa conta coa colaboración do proxecto Mancomun.org e ao longo das sesións debaterase sobre a produción e difusión de software propio en lingua galega, así como sobre as políticas gobernamentais existentes ao respecto.

Esta xornada celebraranse o vindeiro día 29 de setembro no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal (rúa de Frei Rosendo Salvado, 14-16) e o número de prazas é limitado, polo que cómpre comunicar a asistencia antes do 26 de setembro no seguinte enderezo electrónico: dlg@aytocompostela.es
04/09/2006. CURSOS E CONGRESOS

V Simposio Internacional Mercator sobre Linguas Minorizadas

O Centro Mercator-Legislació organiza a quinta edición do Simposio Internacional Mercator, que nesta ocasión se centrará no tema dos dereitos lingüísticos como factor de inclusión social.

As sesións desenvolveranse entre os días 19 e 21 de outubro de 2006 no Institut d´Estudis Catalans (Barcelona) e a inscrición é de balde.

Se desexa coñecer o programa provisional, prema aquí.
04/08/2006. CURSOS E CONGRESOS

X Encontros para a Normalización Lingüística

Xa pode acceder desde o noso web ao programa provisional da décima edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, que se celebrarán os días 26 e 27 de outubro de 2006 no Auditorio de Galicia.

A partir de setembro poremos á súa disposición o programa definitivo e o formulario de inscrición en liña, así como toda a información sobre os trámites da matrícula.
04/08/2006. CURSOS E CONGRESOS

II Curso de Verán “Traballando en Lingua”

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración coa Cooperativa Tagen Ata, Lingua e Comunicación, organiza a segunda edición do curso de verán Traballando en Lingua, que terá lugar na Facultade Ciencias da Educación desta universidade entre os días 19 e 22 de setembro de 2006.

Entre os obxectivos do curso están os de reflexionar sobre os factores que interveñen na dinamización lingüística, así como analizar e avaliar experiencias e metodoloxías desenvolvidas neste ámbito.

Se desexa obter máis información sobre o programa ou os trámites da inscrición, prema aquí.
04/08/2006. CURSOS E CONGRESOS

Curso de ferramentas informáticas aplicadas ao traballo terminolóxico

A Sociedade Galega de Terminoloxía organiza esta actividade formativa destinada especialmente aos profesionais e estudosos que traballan no ámbito da terminoloxía en Galicia. No curso facilitaranse os coñecementos adecuados para documentar termos en fontes terminográficas, así como terminoloxía en contexto e información conceptual. Tamén se traballará na relación do terminólogo/a co especialista e coa documentación especializada.

As sesións terán lugar os vindeiros días 29 e 30 de setembro e 6 e 7 de outubro de 2006.

Se desexa máis información, prema aquí.
19/07/2006. CURSOS E CONGRESOS

Mar por medio 2006: estar no mundo, desde nós

O Concelle de Ribadeo, a Consellería de Cultura e Deporte e a Universidade de Santiago organizan a XIV edición das xornadas Mar por Medio, que terán lugar en Ribadeo os vindeiros días 26, 27 e 28 de xullo.

As sesións terán como fío condutor as estratexias para a proxección exterior da cultura galega e os contidos lingüísticos trataranse na xornada do xoves 27, na mesa redonda “Lingua e cultura galega no exterior: os casos irlandés, británico, francés e catalán”.

Se desexa máis información sobre os trámites de inscrición, prema aquí.

30/06/2006. CURSOS E CONGRESOS

Accesibles na rede as intervencións dos II Diálogos de Lingua e Sociedade

Xa se pode acceder desde a mediateca da Uvigo-TV ás intervencións dos II Diálogos de Lingua e Sociedade 2006, organizados pola Fundación Carlos Casares e que tiveron lugar o pasado 21 de xuño na Universidade de Vigo.
02/06/2006. CURSOS E CONGRESOS

Diálogos sobre linguas e sociedades 2006

A Fundación Carlos Casares organiza a segunda edición destes Diálogos, que naceron co obxectivo de converterse en foro estable de debate sobre as cuestións derivadas da complexa relación entre as linguas e os grupos humanos e que xirarán nesta ocasión arredor das ideoloxías e a diversidade lingüística.

O acto terá lugar o vindeiro 21 de xuño na Universidade de Vigo (Edificio Miralles – sala 1) e a asistencia será libre ata completar a capacidade da sala. Se desexa obter máis información sobre o programa, prema aquí.
24/05/2006. CURSOS E CONGRESOS

Asesores lingüísticos na Galicia actual

A Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua están a organizar o seminario Asesores lingüísticos na Galicia actual, co obxectivo de afondar na situación e as demandas específicas dos profesionais que traballan nos eidos da tradución, corrección, asesoramento ou xestión lingüística.

As sesións, de acceso libre, terán lugar os vindeiros días 1 e 2 de xuño no salón de actos do Consello da Cultura Galega.

12/05/2006. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas sobre o status da lingua no novo Estatuto

Entre os días 12 e 23 de maio terán lugar na Facultade de Dereito da USC unhas xornadas sobre lexislación lingüística promovidas polo Observatorio de Dereitos Lingüísticos.

Ao longo das sesións reflexionarase sobre a evolución do galego en diferentes ámbitos, como a Administración pública, o ensino ou a xustiza, aínda que a maior parte das intervencións xirarán arredor da vindeira reforma estatutaria e o status que ao idioma galego se lle debe recoñecer no novo Estatuto.

Se desexa máis información, prema aquí.

25/04/2006. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Estranxeiros

A Real Academia Galega, O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago, a Universidade de Vigo e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organizan unha nova edición destes cursos estivais que se desenvolverán entre os días 5 e 28 de xullo de 2006.

Os cursos, que se organizan en diferentes niveis (elemental, medio, curso superior de Filoloxía Galega e curso superior de Filoloxía Galega e Tradución), teñen como principal finalidade ofrecerlle ao alumnado de fóra de Galicia a posibilidade de se familiarizar coa lingua e a realidade sociocultural galegas.

Todas as persoas interesadas teñen de prazo para formalizar a súa inscrición ata o vindeiro 1 de maio. Se desexa máis información, prema aquí.
17/04/2006. CURSOS E CONGRESOS

Traballando pola integración lingüística en Carballo

Tras a boa acollida da primeira edición do Obradoiro de integración lingüística e cultural para inmigrantes e emigrantes retornados/as, o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza unha segunda edición desta actividade co ánimo de contribuír á integración deste sector da poboación no contexto sociolingüístico galego.

As sesións desenvolveranse entre os días 2 e 31 de maio e todas as persoas interesadas teñen de prazo para formalizar a súa inscrición ata o vindeiro 25 de abril. Se desexa máis información prema aquí.
27/03/2006. CURSOS E CONGRESOS

Congreso sobre as linguas rexionais e minorizadas nos sistemas educativos

A Comisión europea organiza un congreso internacional para fomentar a cooperación e intercambio de información sobre a situación das linguas minorizadas nos diferentes sistemas educativos da Unión.

Ademais das sesións plenarias, desenvolveranse dez talleres temáticos que xirarán arredor de cuestións como a educación bilingüe e plurilingüe, a transmisión familiar, a formación do profesorado ou a introdución das TIC no ensino.

As sesións terán lugar os vindeiros 27 e 28 de abril en Bruxelas. Se desexa consultar o programa provisional, prema aquí.
17/03/2006. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de actualización da lingua e da linguaxe administrativa galegas

Con motivo da reforma das normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego de 2003, a Escola Galega de Administración Pública convoca un curso de actualización de lingua e linguaxe administrativa galegas destinado ao persoal ao servizo da Xunta de Galicia.

O prazo de presentación de solicitudes é de 15 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.
17/03/2006. CURSOS E CONGRESOS

II Congreso Internacional de Onomástica Galega

A Asociación Galega de Onomástica, a Universidade de Vigo e o Instituto da Lingua Galega organizan o II Congreso Internacional de Onomástica Galega, que terá lugar os días 19, 20 e 21 de outubro de 2006 en Pontevedra.

O prazo para presentar comunicacións remata o vindeiro 20 de maio de 2006. Se desexa máis información sobre o programa ou os trámites de inscrición, prema aquí.
07/03/2006. CURSOS E CONGRESOS

A utilidade da formación virtual para a normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza un novo curso de formación destinado aos/ás técnicos/as de normalización que ten como principais obxectivos a creación e xestión de cursos en liña e a reflexión sobre a utilidade do ensino virtual para a dinamización lingüística.

O curso desenvolverase en 8 horas presenciais (29 de marzo) e 22 horas virtuais (do 30 de marzo ao 30 de abril). O prazo de preinscrición é do 7 ao 17 de marzo.

Se desexa máis información prema aquí.
24/02/2006. CURSOS E CONGRESOS

Campamentos con denominación de orixe

A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galicia, en colaboración coa Asociación Sociopedagóxica Galega, organiza varios cursos destinados a proporcionarlles aos monitores/as de tempo libre os recursos necesarios para fomentar o uso do galego no tempo de lecer.

Os cursos desenvolveranse en catro quendas diferentes ao longo dos meses de marzo e abril, en Gandarío (Bergondo) e nas Sinas (Vilanova de Arousa). A reserva de prazas poderase realizar a partir do vindeiro 1 de marzo na Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e nos servizos de xuventude das delegacións da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Se desexa máis información, prema aquí.
20/02/2006. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de lingua galega para docentes

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza convoca cursos de iniciación e de perfeccionamento da lingua galega para mestres/as e profesores/as de primaria, secundaria, de ensinanzas especiais e de formación profesional, tanto de centros públicos como privados.

O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria.