Novas da lingua. EMPREGO

Rexistros1 a 30 de 348
22/07/2022. EMPREGO

Bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publica o concurso público de dez bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Os/as beneficiarios/as colaborarán nos seguintes proxectos: Bibliografía da literatura galega (1 bolsa), Fraseoloxía galega (2 bolsas), Corpus de referencia do galego actual (1 bolsa), Cantigas de Santa María (1 bolsa), Prosa literaria medieval (1 bolsa), Terminoloxía científico-técnica (1 bolsa), Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías a fala (1 bolsa), Base de datos do ALIR (1 bolsa) e Dicionarios de literatura (1 bolsa). A data estimada de comezo é o 1 de decembro de 2022 e os/as bolseiros/as rematarán, en calquera caso, o 30 de novembro de 2024. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.

12/07/2022. EMPREGO

Convocatoria de nove postos para colaborar no Proxecto Nós

A Universidade de Santiago de Compostela publica unha convocatoria para a contratación de persoal colaborador en diferentes proxectos de investigación. Entre os postos ofertados hai nove para colaborar no "Proxecto Nós: O galego na sociedade e economía da intelixencia artificial", impulsado por esta universidade e mais a Xunta de Galicia. A forma de provisión será o concurso de méritos. O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de xullo de 2022. Para ampliar información, preme aquí.
28/06/2022. EMPREGO

Convocatoria de prazas e bolsas de formación en diferentes centros de estudos galegos

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades publica dúas convocatorias públicas para cubrir seis bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas das universidades do Algarve, Berlín, Padua, Río de Janeiro, Roma e Zadar; así como cinco prazas nos lectorados das universidades de Heidelberg, Kiel, Miño, Varsovia e País Vasco. En ambas as dúas convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.
20/06/2022. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Val do Dubra

O Concello de Val do Dubra publica, no BOP do 20 de xuño de 2022, as bases da convocatoria para a provisión, en réxime de interinidade, dunha praza de técnico/a de normalización lingüística e apoio á secretaría. O sistema de selección é o de oposición libre. Os/as aspirantes deben estar en posesión da licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), grao en Lingua Galega, ou titulado en calquera outra licenciatura/grao pertencentes á área de Humanidades ou de Ciencias Xurídicas e Sociais, sempre que se dispoña do Celga 5. O prazo de presentación de instancias para participar no proceso selectivo é de 8 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no BOP.
15/06/2022. EMPREGO

Praza de tradutor/a de lingua galega na Deputación de Ourense

A Deputación de Ourense publica, no BOP do 13 de xuño de 2022, as bases da convocatoria para a provisión en propiedade dunha praza de tradutor/a de lingua galega (A1). O sistema de selección é o de oposición libre. Os/as aspirantes deben estar en posesión do título universitario de grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios (galego e español), estudos de galego e español, de galego e portugués: estudos lingüísticos e literarios, lingua e literatura galegas, tradución e interpretación ou equivalentes ou calquera outro título oficial universitario nivel 3 do marco español de cualificacións para a educación superior (nivel 7 do marco europeo de cualificacións) en calquera rama do coñecemento. O prazo de inscrición é de 20 días naturais, contados a partir da publicación do anuncio no BOE.
25/05/2022. EMPREGO

Oferta de traballo para subtitulación de programas de televisión

La Región busca profesionais para a elaboración, corrección e tradución de textos ao galego. As persoas interesadas poden enviar o seu currículo a: producciontv@op.laregion.es.
24/05/2022. EMPREGO

Bolsas de colaboración no Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega publica a convocatoria de tres bolsas de colaboración en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver nesta entidade, un deles de perfil lingüístico, ádscrito á Área de Publicacións (1 bolsa). Para optar a esta bolsa cómpre estar en posisión do título de licenciatura ou grao en Filoloxía Galega, Galego-Portuguesa, Lingua e Literatura Galegas, ou titulacións equivalentes. As bolsas finalizarán o 31 de xullo de 2023 e terán unha duración máxima de catorce meses. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
18/05/2022. EMPREGO

Ampliación da bolsa de traballo para contratacións como técnico/a de normalización lingüística no Concello de Cedeira

O Concello de Cedeira publica a convocatoria para a ampliación da súa bolsa de traballo para a contratación laboral temporal, ou nomeamentos interinos, como técnico/a de normalización lingüística. O sistema de provisión é un concurso de méritos e mais unha entrevista curricular. Os/as aspirantes deben estar en posesión do grao en Lingua Galega, das licenciaturas en Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), ou calquera outra titulación de grao/licenciatura equivalente (neste último caso, deben acreditar o Celga 5). O prazo de presentación de solicitudes é de dez días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no BOP.
18/05/2022. EMPREGO

Elaboración de lista de agarda para contratacións temporais no Centro de Linguas Modernas da USC

A Universidade de Santiago de Compostela publica as bases da convocatoria para elaborar unha listaxe de agarda para cubrir temporalmente postos da categoría profesional técnico/a superior de linguas modernas, perfil galego-portugués (grupo I). O proceso selectivo será o concurso-oposición. Para participar na convocatoria cómpre estar en posesión do título universitario de grao, doutor, licenciado, arquitecto, enxeñeiro ou equivalentes. O prazo de presentación de solicitudes remata o 23 de maio de 2022. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
18/03/2022. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Valga

O Concello de Valga publica as bases e a convocatoria do proceso selectivo para a provisión temporal, como funcionario/a interino/a (A1), dun posto de traballo de técnico/a de normalización lingüística; así como para a formación dunha bolsa de traballo. O proceso selectivo será o de oposición. Os/as aspirantes deberán estar en posesión da licenciatura en Filoloxía Galega ou do grao en Lingua e Literatura Galegas. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
18/02/2022. EMPREGO

Contrato de colaboración no Instituto da Lingua Galega

A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública de contratación de persoal para colaborar en diferentes proxectos de investigación. Entre as prazas ofertadas anúnciase unha para colaborar no Instituto da Lingua Galega, concretamente, no proxecto “Contacto, cambio lingüístico e ideoloxía en contextos de minorización lingüística”. A forma de provisión é o concurso de méritos. A duración do contrato será de seis meses, cunha xornada a tempo parcial (75%). O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 22 de febreiro de 2022. Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.
07/02/2022. EMPREGO

Ábrense listas de substitucións para profesorado de Lingua e Literatura galegas

A Consellería de Educación da Xunta de Galicia convoca un procedemento urxente para elaborar listas de interinidades e substitucións que inclúe, entre outras especialidades, a de Lingua e Literatura galegas. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o martes 8 de febreiro. Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
02/02/2022. EMPREGO

A Real Academia Galega convoca dous contratos de perfil lingüístico

Trátase de dous contratos eventuais a tempo completo de persoal técnico, para colaborar nos proxectos lexicográficos da Real Academia Galega e na redacción e revisión lingüística e estilística de textos. A duración dos contratos será de seis meses, desde o 14 de marzo ao 13 de setembro de 2022, cun salario bruto de 9.210,40 euros, pagas extraordinarias incluídas. Os/as candidatos/as deben estar en posesión da Licenciatura ou Grao en Filoloxía Galega, Filoloxía Galego-Portuguesa ou titulación equivalente. O prazo de presentación de solicitudes remata o 11 de febreiro de 2022. Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.

21/12/2021. EMPREGO

Contrato de investigación no Instituto da Lingua Galega

A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública de contratación de persoal para colaborar en diferentes proxectos de investigación. Entre as prazas ofertadas anúnciase unha con perfil lingüístico para colaborar no proxecto “Atlas Lingüístico Galego”, que se está a desenvolver no Instituto da Lingua Galega. A forma de provisión é o concurso de méritos. A duración do contrato será de once meses e medio, cunha xornada do 75%. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o 27 de decembro de 2021. Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.
15/12/2021. EMPREGO

Prazas de técnico/a de normalización lingüística na Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo publica as bases do proceso selectivo para cubrir dúas prazas de persoal laboral fixo da categoría de técnico/a superior de normalización lingüística da Universidade de Vigo, grupo I, unha pola quenda de acceso libre e outra pola quenda de promoción interna. O sistema de selección será o concurso-oposición e as persoas aspirantes só poderán participar nun dos dous sistemas citados: acceso libre ou promoción interna. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio desta convocatoria no BOE. [Modificación da convocatoria no DOG do 24 de marzo de 2022 e novo prazo de presentación de solicitudes de 20 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio no BOE do 16 de maio de 2022.]

02/11/2021. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Narón

O Concello de Narón publicou no BOP da Coruña do 28 de xuño de 2021 as bases para a provisión dunha praza de técnico/a superior de normalización lingüística (grupo A1). O sistema de selección será o concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión da licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa; Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués); ou do grao en Lingua Galega ou equivalente. O prazo de presentación de solicitudes é de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución no BOE.
22/10/2021. EMPREGO

Contrato de colaboración no Instituto da Lingua Galega

A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública de contratación de persoal para colaborar en diferentes proxectos de investigación. Entre as prazas ofertadas anúnciase unha con perfil lingüístico para colaborar no proxecto “A lingua das novas xeracións: competencia, cambio lingüístico, actitudes, mantemento e transmisión da lingua”, que se está a desenvolver no Instituto da Lingua Galega. A forma de provisión é o concurso de méritos. A duración do contrato será de cinco meses. O prazo de presentación de solicitudes remata o 26 de outubro de 2021. Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.

28/09/2021. EMPREGO

Prazo para participar no proceso selectivo da praza de técnico/a de NL no Concello de Carballo

O Boletín Oficial do Estado publicou hoxe, 28 de setembro de 2021, o anuncio da convocatoria da praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Carballo. Polo tanto, desde mañá e ata o vindeiro 18 de outubro estará aberto o prazo para presentar as solicitudes de participación neste proceso selectivo. As bases completas da convocatoria, publicadas no BOP da Coruña do 27 de agosto de 2021, podes consultalas premendo aquí.
14/09/2021. EMPREGO

Bolsa de formación no SNL do Concello de Ames

O Concello de Ames convoca unha bolsa para realizar prácticas no seu Servizo de Normalización Lingüística. Poden presentarse todas aquelas persoas que teñan o título de grao en Lingua e Literatura Galegas, posúan coñecementos sobre o manexo de procesadores de texto e teñan o carné de conducir. A duración da bolsa será dun ano. O prazo para presentar as solicitudes remata o 24 de setembro, ás 14:00 horas. Para ampliar información, preme aquí.
27/08/2021. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Carballo

O Concello de Carballo publica as bases da convocatoria para a provisión (como funcionario de carreira, grupo A1) dunha praza de técnico/a de normalización lingüística. O sistema de selección será o de concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), grao en Lingua Galega, ou calquera outra licenciatura/grao da área de Humanidades ou ciencias xurídicas e Sociais, sempre que se acredite o Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE).
22/07/2021. EMPREGO

Contratación temporal de técnico/a de normalización lingüística

O Concello de Quiroga publica as bases do proceso selectivo para a contratación temporal (ata o 15 de outubro de 2021) dun técnico de normalización lingüística, que desenvolverá o seu traballo na agrupación de concellos de Quiroga e Ribas de Sil. O sistema de selección será o concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión dalgún dos seguintes graos: Lingua e Literatura Galegas; Estudos de Galego e Español; Galego e Portugués: Estudos lingüísticos e literarios, ou as licenciaturas equivalentes aos ditos graos, ou calquera titulación das áreas de Humanidades ou Ciencias Xurídicas e Sociais (sempre que teñan o Celga 5). O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 26 de xullo de 2021. Podes consultar as bases e o modelo de solicitude premendo aquí.
19/07/2021. EMPREGO

Bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade publica o concurso público de once bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Os/as beneficiarios/as colaborarán nos seguintes proxectos: Legado científico de Jürgen Untermann, Corpus de referencia do galego actual (Corga), Corpus documentale latinum Gallaeciae (Codolga), Bibliografía informatizada da lingua galega (Bilega), Terminoloxía científico-técnica, Informes de literatura, Recuperación de textos literarios e xornalísticos galegos, Lírica profana galego-portuguesa, Bibliografía de Referencia do Arquivo Galicia Medieval (Birmed), Dimensións da identidade colectiva de Galicia e Legados literarios. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
01/07/2021. EMPREGO

O Parlamento de Galicia convoca dúas prazas da escala técnica de publicacións

O Parlamento anuncia, no Diario Oficial de Galicia do 30 de xuño de 2021, a convocatoria do proceso selectivo para cubrir dúas prazas da escala técnica de publicacións do corpo superior desta institución. O sistema de selección será o de oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión ou en condicións de obter o título de licenciado/a ou grao en Filoloxía ou o título de licenciado/a ou grao en Tradución, na data de remate do prazo de presentación de solicitudes. O prazo é de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
17/06/2021. EMPREGO

Bolsa de emprego para a contratación de normalizadores ligüísticos no Concello de Nigrán

O Concello de Nigrán publica as bases do proceso selectivo para a formación dunha bolsa de traballo de técnicos/as de normalización lingüística. A duración do contrato será de 2 anos, cunha xornada de 18,5 horas semanais de luns a venres. O sistema de selección será o concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións: licenciatura en Filoloxía Galega, licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, licenciatura en Filoloxía Hispánica (sección galego-portugués), grao en Estudos de Galego e Español (módulos lingua e literatura galegas ou módulos lingua galega e española) ou grao en Lingua e Literatura Galegas. O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio no BOP de Pontevedra.
04/06/2021. EMPREGO

Convocatoria de prazas e bolsas de formación en centros de estudos galegos no exterior

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia publica dúas convocatorias públicas para cubrir cinco prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas das universidades de Barcelona (UAB), Kiel, Leipzig, Oxford e País Vasco; e seis bolsas de formación nos lectorados das universidades de Madrid (UCM), Padua, París (París III), Río de Janeiro, Salvador de Bahia e Zadar. En ambas as dúas convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.
11/05/2021. EMPREGO

Bolsa de emprego para a contratación de normalizador/a lingüístico/a no Concello de Cedeira

O Concello de Cedeira publica as bases que rexerán a convocatoria para a creación dunha bolsa de emprego destinada á provisión temporal do posto de técnico/a de normalización lingüística. O sistema de selección é o de concurso de méritos e entrevista curricular. Os/as aspirantes deben estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións: grao en Lingua Galega, licenciatura en Filoloxía Galega, licenciatura en Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués) ou outras titulacións de grao/licenciatura equivalentes, sempre que estean en posesión do Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
19/04/2021. EMPREGO

Bolsa de emprego para a contratación de normalizador/a lingüístico/a no Concello de Arzúa

O Concello de Arzúa publica as bases que rexerán a convocatoria para a creación dunha bolsa de emprego destinada á provisión temporal da praza de normalizador/a lingüístico/a. O sistema de selección é o de oposición libre. Os/as aspirantes deben estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións (ou equivalente): licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, licenciatura en Filoloxía Galega, licenciatura en Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), grao en Lingua Galega, ou outras titulacións de grao/licenciatura sempre que estean en posesión do Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria. [Corrección de erros]
27/01/2021. EMPREGO

Manual sobre os procesos selectivos para técnicos/as de normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua publica o Manual de procesos selectivos para técnicos/as de normalización lingüística, unha guía elaborada por Andrea Garrido Juncal e Carla Casanueva Muruais, especialistas en Dereito Administrativo, pensando principalmente nas administracións locais. O obxectivo é que as persoas aspirantes a estas prazas poidan coñecer o funcionamento dos procesos selectivos desde a perspectiva xurídica. Así mesmo, o documento tamén é útil para as administracións convocantes, pois compila a principal normativa aplicable aos procesos selectivos e achega recomendacións para desenvolver convocatorias de emprego. Para ampliar esta información, preme aquí.
26/01/2021. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística

A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol publica as bases para a selección dun técnico/a de normalización de lingüística (persoal funcionario interino), que desenvolverá o seu traballo nos concellos de Ares, Cabanas, Mugardos, Neda e Valdoviño de forma itinerante. O sistema de selección será o de concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), grao en Lingua Galega, ou calquera outra licenciatura/grao sempre que acrediten o Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes é de 8 días hábiles a partir do seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña. Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
02/11/2020. EMPREGO

Bolsas de formación en centros de estudos galegos no exterior

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia publica a convocatoria de 8 bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas dos centros de estudos galegos de diferentes universidades (Barcelona, Estremadura, Granada, Madrid, Lisboa, Padua, Río de Janeiro e São Paulo). O programa de formación das persoas seleccionadas terá unha duración máxima de 3 anos. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.