“Unha das características da nosa emigración foi o seu esforzo de integración nas sociedades de acollida mais sen esquecer a defensa da súa propia identidade cultural”, comeza o especial. Nese afán por protexela, “algúns sectores da elite da colectividade emigrada iniciaron no último terzo do século XIX un labor propagandístico e informativo coa edición de xornais e revistas”, continúa. Hoxe en día, estas publicacións dan testemuño da importancia que tivo o fenómeno migratorio, ao tempo que reflicten a súa evolución e as principais características dos seus protagonistas.
As cabeceiras fundadas polas asociacións de emigrantes tiñan como obxectivo informar das actividades organizadas pola entidade e dar conta do seu funcionamento. Entre as súas páxinas tamén se reproducían noticias sobre Galicia, así como fotografías e artigos arredor das súas paisaxes, do seu patrimonio ou das figuras máis relevantes da súa cultura. Ademais, destaca a presenza galega nos títulos das publicacións, “que nos retrotraen á nosa patria e á nosa lingua” con termos como ‘Galicia’, ‘gallego’, ‘adiante’, ‘airiños’, ‘terra’, ‘alborada’ ou ‘saudade’, como explica o especial. De feito, a primeira publicación galega editada alén mar divulgouse baixo o título de La Gaita Gallega (A Habana, 1872).
A entrega número 29 de Historias de ida e volta, titulada “Voceiros da colectividade galega na emigración”, escolma algunhas destas revistas e diarios co fin de amosar como eran as “publicacións feitas polas asociacións dos e das emigrantes galegas nos principais países de acollida durante o século XX”. Comeza coa revista Galicia, voceiro oficial do Centro Galego de Bos Aires, que sobresae pola calidade dos seus artigos arredor da cultura, a política, a economía, o patrimonio e a literatura galegas. Os contidos de índole cultural foron o piar central de Alén mar, a revista da Asociación Argentina de Hijos de Gallegos, que tamén incluía algúns artigos reivindicativos da cultura galega na Arxentina e outros críticos coa situación social de Galicia. Mentres, boletíns como Golada, editado en Bos Aires pola Sociedad del Ayuntamiento de Golada, tiñan entre os seus propósitos contribuír a que perdurasen na memoria dos seus socios e socias as tradicións propias das súas vilas natais.
Ademais de na Arxentina, a prensa da emigración tivo unha presenza destacada noutros países de América. En Cuba, a Sociedad de Beneficencia Naturales de Galicia creou a revista La Vida Gallega en Cuba para divulgar a cultura, historia e lingua galegas na illa, obxectivo coincidente co da revista dirixida por Adolfo V. Calveiro Cultura Gallega. Con idéntica finalidade, editáronse en Montevideo as cabeceiras Guieiro e Ecos da Terra. Malia que a orientación cultural era predominante neste tipo de cabeceiras, algunhas sociedades tamén as empregaron como medio de promoción e de comunicación directa coa colectividade. É o caso dos boletíns e xornais étnicos Alborada, Hermandad Gallega de Venezuela e Lonxe da Terriña, publicados en São Paulo, Caracas e Santiago de Chile, respectivamente.
Aínda que as galegas e galegos asentados no Canadá foron menos numericamente, tamén “crearon as súas asociacións recreativas e culturais e deixaron a súa pegada”, indica o especial. Os centros da colectividade galega en Montreal e Toronto puxeron en marcha varias revistas, entre as que cómpre mencionar a Revista Deportiva. Centro Gallego de Montreal pola súa temática especializada en deportes. Por outra banda, en Nova York, a Casa Galicia de Unidad Gallega publicaba anualmente un “libro-memoria” para informar do traballo da sociedade e das súas actividades e, en México D. F., o Centro Galego facía o propio a través da edición de Anduriña.
A mediados do século XX iníciase un cambio de tendencia e a emigración galega empeza a establecerse en países europeos. En Francia, a Casa de Galicia de París, que xa publicara con anterioridade varios boletíns, lanza A Lareira para informar de temas de interese aos emigrantes galegos alí asentados. Así mesmo, tanto en Hannover (Alemaña) como en Xenebra (Suíza), a colectividade emigrada tivo tamén as súas cabeceiras: Fogar de Breogán e Revista de A Nosa Galiza, ambas editadas en lingua galega.
Complementan o especial algunhas publicacións creadas polos centros de emigrantes galegos residentes en diferentes cidades españolas. Entre elas, inclúense Alborada. Órgano del Centro Gallego de Barcelona; Mundo Gallego. Revista del Centro Gallego de Madrid; Anduriña. Portavoz del Lar Gallego de Sevilla e O Xistral. Voceiro do Centro Galego de Bizkaia en Barakaldo.
O proxecto Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial Historias de ida e volta para dar a coñecer aqueles materiais que documentan o fenómeno migratorio. En máis de vinte entregas documentáronse os procesos de saída e chegada, a vida social e cultural, etc., para, deste xeito, explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.