NOTICIA

----

Vigo homenaxea a Fernández del Riego no Concerto das Letras Galegas

O Teatro Afundación encheuse na véspera do Día das Letras Galegas para homenaxear a Francisco Fernández del Riego. O Consello da Cultura Galega (CCG) preparou, na décimo terceira edición do Concerto das Letras Galegas, un programa “do gusto do homenaxeado, ilustrando o seu eclecticismo, apostando pola tradición mais tamén pola contemporaneidade e procurando ilustrar a relación de don Paco coa cidade que o acolleu”, afirmou Cristina Domínguez, membro do Plenario da institución, na presentación da cita. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a concelleira de Vigo Ana Mª Mejías, e a subdelegada do Goberno, María Rivas, foron algunhas das autoridades presentes neste concerto, interpretado pola Real Filharmonía de Galicia, con dirección de Maximino Zumalave, e polo Coro de Cámara Rías Baixas, dirixido por Bruno Díaz. Ademais de ser retransmitido en streaming, o concerto emítese pola segunda canle da TVG ás 22.10 horas do Día das Letras Galegas.

O Concerto das Letras Galegas recuncou en Vigo para homenaxear a persoa que imaxinou e impulsou a creación do Día das Letras Galegas, unha cidade á que estivo moi vencellado e desde a que se implicou en proxectos importantes como a Editorial Galaxia ou a Fundación Penzol. Foi “un auténtico emprendedor (como hoxe o denominariamos), laborioso tecedor de redes heteroxéneas, onde implicou a Galicia interior coa exterior e a Galicia de xeracións pasadas coa mocidade máis comprometida co país, coa lingua e coa cultura”, apuntou Cristina Domínguez na presentación. Deseguido, comezou o concerto con «Escena e Intermedio» de La leyenda del beso, dos mestres Reveriano Soutullo e Juan Vert, estreada no ano 1924 e que ten un vínculo coa cidade de Vigo, xa que foi a música de apertura e peche das emisións da primeira emisora de radio aberta en Vigo, alá polo ano 1934.

A continuación chegou o Concerto grosso, do musicólogo e compositor Jesús Bal y Gay, escrito en homenaxe a Johann Sebastian Bach no ano 1951. Fernández del Riego compartía con Bal y Gay, músico que admiraba, a súa condición de lucense, así como o feito de que ambos os dous foron membros do Seminario de Estudos Galegos ata o seu desmantelamento por parte do réxime franquista.

A terceira peza é unha encarga do CCG ao pianista e compositor vigués Brais González Pérez. Sinfonietta foi creada a partir de dous poemas escritos en homenaxe a don Paco e mais da súa cantiga tradicional A miña burriña, que Del Riego entoaba acotío nalgunhas celebracións. A peza consta de tres movementos: «Cabeleira de néboas», baseado no poema do recentemente finado Salvador García-Bodaño; «A miña burriña», composta a partir da cantiga popular, e «Corazón do país», baseado nun texto de Xaime Isla Couto, con quen compartiu unha fonda amizade. Como vén sendo habitual, o concerto rematou co público en pé interpretando o himno galego.

Décimo terceira edición
Esta edición do concerto correu a cargo da Real Filharmonía de Galicia (RFG), que tamén foi a formación protagonista en nove das trece edicións do Concerto das Letras Galegas. A RFG está formada por cincuenta músicos de diferentes nacionalidades, e foi Maximino Zumalave (Santiago, 1956), director e pianista formado musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart, quen estivo á fronte da formación nesta edición.
A composición estreada foi obra de Brais González (Vigo, 1987), músico formado en Vigo, Oviedo e Salzburgo. Foi solista e músico de cámara nunha vintena de países europeos e, como compositor, as súas obras foron interpretadas en importantes escenarios do continente, como o Conde Duque (Madrid), o KUMU (Estonia), o Baltais Fligelis (Letonia) ou o Flux (Hungría). En agosto de 2022 estreou a súa primeira ópera, Loba Branca, no Festival delle Nazione de Città di Castello (Italia), baseada nunha lenda tradicional da serra do Courel.

O concerto, deseñado polo CCG como antesala festiva do Día das Letras Galegas, comezou en 2011 en Santiago de Compostela, nunha edición en que se recuperaba a figura de Lois Pereiro. Repetiu nesta cidade en 2013 con Roberto Vidal Bolaño e en 2019 con Antonio Fraguas. En Pontevedra celebráronse tres edicións: a primeira en 2012 para lembrar a Valentín Paz-Andrade, a segunda en 2015 en homenaxe a Filgueira Valverde e a última en 2018 con María Victoria Moreno. O concerto tivo lugar en Lugo no ano 2014 cunha proposta sobre Díaz Castro e os poetas lucenses, na Coruña en 2016 honrando a Manuel María e en Ourense en 2017 coa figura de Carlos Casares. A décima edición íase celebrar en Ferrol, pero a pandemia obrigou a mudar os plans iniciais e o concerto emitiuse en directo por streaming desde o Auditorio de Santiago de Compostela. A edición de 2021 tivo lugar no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, con Florencio Delgado Gurriarán como protagonista. Nesta 2023 recalou en Vigo, cidade onde en 2021 se celebrara a homenaxe a Xela Arias da man de Laura LaMontagne e PicoAmperio, e volveu contar coa Real Filharmonía de Galicia.

O CCG e o Día das Letras Galegas
Alén do Concerto das Letras Galegas, o CCG celebrou o Día das Letras coa edición facsimilar, acompañada dun estudo crítico, de Na espera do amigo, un texto que recolle a personalidade emprendedora e vangardística e mais a vocación artística de Francisco Fernández del Riego. Foi a única incursión literaria do autor e formou parte dunha colección de Edicións Aguatinta (Vigo, nadal de 1994) coa que don Paco contribuíu ao lanzamento dunha editora emerxente. A obra orixinal contaba cunha serigrafía de Laxeiro a dúas cores para ilustrala, o que recolle ese interese polas artes plásticas que sempre caracterizou a Del Riego.