NOTICIA

----

Últimas entradas para o Concerto das Letras Galegas

Vigo acollerá o vindeiro martes a décimo terceira edición do Concerto das Letras Galegas (Teatro Afundación Vigo, 20:30 horas), unha proposta deseñada polo Consello da Cultura Galega (CCG) como apertura festiva para o Día das Letras. A Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave, e o Coro de Cámara Rías Baixas interpretarán un programa que xira arredor da figura homenaxeada: Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 1913 - Vigo, 2010). No programa destaca a estrea de Sinfonietta, peza en tres movementos elaborada expresamente para a ocasión por Brais González Pérez (Vigo, 1987) a partir de textos de Salvador García Bodaño e Xaime Isla Couto e mais A miña burriña, peza moi querida por Fernández del Riego. Aínda quedan entradas dispoñibles que se poden retirar de xeito gratuíto en Ataquilla.com.

O programa do Concerto das Letras Galegas percorre musicalmente a biografía do homenaxeado nesta edición. Arrinca cunha peza moi especial para a tradición viguesa xa que “La leyenda del beso” de Reveriano Soutullo Otero (Ponteareas, 1880 - Madrid, 1932) foi a música de apertura da programación de Radiovigo durante moitos anos. Deseguido, Concerto grosso, escrito en homenaxe a Bach por Jesús Bal y Gay (Lugo, 1905 - Madrid, 1993), nunha clara conexión entre o papel de Del Riego e o que se estaba a escoitar naquel entón. A terceira peza é unha obra composta polo vigués Brais González por encargada do CCG. Consiste nunha Sinfonietta sobre textos de Xaime Isla Couto e Salvador García Bodaño dedicados a Francisco Fernández del Riego.

Os protagonistas desta edición
Brais González (Vigo, 1987) estudou na Universidade Mozarteum de Salzburgo con Rolf Plagge e completou a súa formación nos conservatorios de Vigo e Oviedo. Foi premiado, entre outros, no Concurso Internacional Ciudad de San Sebastián, no Concurso Internacional Cidade de Ferrol, no Concurs Ricard Viñes de Lleida ou no IV Concours International Nikolaï Rubinstein de París.

Actuou como solista e músico de cámara nunha vintena de países europeos, e como compositor, as súas obras foron interpretadas en importantes escenarios do continente, como o Conde Duque (Madrid), o KUMU (Estonia), o Baltais Fligelis (Letonia) ou o Flux (Hungría). En agosto de 2022 estreou a súa primeira ópera, Loba Branca, no Festival delle Nazione de Città di Castello (Italia), baseada nunha lenda tradicional da serra do Courel.

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) nace da man da Xunta de Galicia en 1996 cunha vocación universal, como a propia cidade onde ten a súa sede, Santiago de Compostela. O Consorcio da Cidade de Santiago é o organismo encargado da súa xestión. Esta orquestra sinfónica, que representa en si mesma o concepto de espírito aberto, conciliador e amable que encerra a música, está formada por cincuenta músicos de diferentes nacionalidades que achegan a súa experiencia, formación, tradición musical, empeño e ilusión.

Maximino Zumalave (Santiago, 1956) é un director e pianista formado musicalmente en Santiago, Madrid, Viena e Stuttgart. Foi discípulo de Ángel Brage, Rosa Sabater, Guillermo González, John Elliot Gardiner e Helmuth Rilling. Fundador e director do Coro Universitario de Santiago e do Collegium Compostellanum, principal director invitado da Orquestra Sinfónica de Galicia (1992-1995) e director asociado da Real Filharmonía de Galicia, formación da que foi fundador. Director asociado da Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia e profesor de Sinfonismo nos Cursos Universitarios Internacionais de Música en Compostela, con Maximino Zumalave actuaron solistas como J. Achúcarro, T. Barto, M. Bayo, E. Bitetti, R. Buchbinder, R. Castromil, A. Ciccolini, J. Colom, V. Gens, V. Georghiu, W. Holzmair, as irmás Labèque, N. Lahusen, A. de Larrocha, A. León Ara, C. Margiono, A. Nafé, M. Orán, A. Rolfe Johnson, G. Sandor, J. Soriano, I. Vermillion e F. P. Zimmermann, entre outros. Frecuente e moi especial é a súa colaboración con Teresa Berganza en diferentes países de Europa. Dirixiu importantes formacións tanto estranxeiras como españolas, como a Orquestra de Cámara de Stuttgart, The English Chamber Orchestra, Sinfónica de Praga, Orquestra da Ópera Nacional de Sofía, Nacional de Lille, Sinfónica de Odense, Sinfónica de Porto, The Brabants Orchester (Eindhoven), Orkest van het Oosten (Enschede), English Baroque Soloists, Bach Collegium, Nacional de España, Sinfónica de Madrid, Ciudad de Barcelona, Sinfónica de Tenerife ou Orquesta Ciudad de Granada, entre outras.

En febreiro de 1995 foi elixido académico de número da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario. En xuño de 2008 o Consello da Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao.

O Coro de Cámara Rías Baixas é unha formación non profesional que persegue a excelencia musical. Dende a súa presentación no ano 2014 leva realizados arredor dun centenar de concertos. Trátase dunha agrupación xa consolidada no sur de Galicia. O coro interpreta obras fundamentais do repertorio coral acompañado polas principais orquestras da comunidade. Ademais, tamén organiza regularmente concertos de produción propia, nos que difunde obras de compositores galegos, e permite a proxección de novos solistas.

O Concerto das Letras Galegas
É a segunda vez que o Concerto das Letras Galegas recala en Vigo, cidade onde se celebrou en 2021 a homenaxe a Xela Arias da man de Laura LaMontagne e Pico Amperio. Esta proposta deseñada polo CCG comezou en 2011 en Santiago de Compostela nunha edición en que se recuperaba a figura de Lois Pereiro. Repetiu nesta cidade en 2013 con Roberto Vidal Bolaño e en 2019 con Antonio Fraguas. En Pontevedra celebráronse tres edicións: a primeira en 2012 para lembrar a Valentín Paz-Andrade, a segunda en 2015 en homenaxe a Filgueira Valverde e a última en 2018 con María Victoria Moreno. O concerto tivo lugar en Lugo no ano 2014 cunha proposta sobre Díaz Castro e os poetas lucenses, na Coruña en 2016 honrando a Manuel María e en Ourense en 2017 coa figura de Carlos Casares. A décima edición íase celebrar en Ferrol, pero a pandemia obrigou a mudar os plans iniciais e o concerto emitiuse en directo en streaming desde o Auditorio de Santiago de Compostela. A edición de 2021 tivo lugar no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, con Florencio Delgado Gurriarán como protagonista. Nesta ocasión vólvese contar coa Real Filharmonía de Galicia, que foi a intérprete en nove das trece edicións do Concerto das Letras Galegas.