NOTICIA

----

O ciclo Revisando a nosa arte analiza en Ourense a traxectoria do escultor Luis Borrajo

Luis Borrajo foi unha das grandes figuras da escultura galega de finais do século XX. Destacou, ademais de polo seu carácter innovador, por conseguir darlle novos folgos á escultura galega nos anos oitenta ao entroncala coas correntes internacionais que marcaban aquela época. O ciclo Revisando a nosa arte, organizado pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG), dedica este mércores, 26 de abril (17:00 horas), unha xornada a analizar a súa produción escultórica. A sesión desenvolverase de xeito presencial no Liceo de Ourense e, malia que non se poderá seguir en directo, será gravada e subida posteriormente á hemeroteca do CCG.

Carmen Díaz Cacheda é a coordinadora desta actividade, que comezará coa conferencia “2005: unha exposición, unha entrevista e un final…”, pronunciada por María Victoria Carballo-Calero, catedrática de Historia da Arte Contemporánea na Universidade de Vigo. Posteriormente, o arquitecto Fernando Blanco falará arredor dos proxectos que compartiu con Luis Borrajo no relatorio “Borrajo-Blanco: acordos urbanos”. Após as conferencias, proxectaranse unha serie de fotografías realizadas por Mani Moretón coas que se repasará o contexto, os materiais e as principais características da obra do escultor. A xornada concluirá coa mesa redonda “Borrajo: Lembranzas dun camarada”, moderada por Carmen Díaz Cacheda. Nela participarán o poeta Miguel Duán, o escritor Juan Tallón e o escultor Ignacio Basallo.

A figura de Luis Borrajo
Nado en Ourense en 1950, Luis Borrajo estudou deseño en Madrid. Nos anos setenta regresou á súa cidade natal, onde fundou o grupo Deica xunto con Miguel Duán e Enrique Conde. De finais desta época datan as súas esculturas en madeira baseadas en aparellos de labranza, un estudo antropolóxico dos materiais dos labregos galegos que comezou na súa estadía nas Corraínzas (Montederramo).

Nos oitenta, Borrajo participou en numerosos proxectos expositivos e multidisciplinarios, como a exposición do grupo Atlántica en Santiago de Compostela, na Galería Gruporzán, na Casa da Parra e nas Bienais de Pontevedra. Ademais, foi o responsable, xunto co arquitecto Fernando Blanco, da reforma urbanística dun barrio no Carballiño. O proxecto, concibido como unha conversa entre escultura e arquitectura demasiado avanzada para aquel tempo, foi paralizado polo propio Concello antes de ser rematado.
Durante o proceso creativo, Borrajo adoitaba realizar múltiples maquetas das obras que logo acadarían un gran tamaño no exterior. Delas, chama a atención o dominio e a finura na fundición, corte e soldadura dos materiais, unha característica que se pode apreciar en Abeanco para Brancusi (1986), Para estar joven (1986) ou Xulio e os paxaros (1987) . Tamén sobresaen as esculturas en aceiro corten A casa da nube (1989) e Encontro cardinal (1998).

A comezos dos anos 2000 realizou Desnudo feminino (2002), unha peza que marcou un fito na súa produción por tratarse dunha escultura figurativa. Porén, a súa última exposición, Hueco virtual (2005-2006), estaba composta por cinco pezas de aceiro que evidenciaban o regreso do escultor á súa plástica característica. A mostra foi clausurada postumamente, debido ao inesperado falecemento do artista.

Revisando a nosa arte
A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas puxo en marcha en marzo de 2022 Revisando a nosa arte, un ciclo que pretende achegarse ás figuras máis representativas das artes visuais de comezos do século XX. Isto implica afondar no Movemento Renovador da pintura galega que iniciou Castelao, proseguiu Carlos Maside e secundaron Arturo Souto, Laxeiro ou Manuel Colmeiro, e que se enriqueceu nas décadas seguintes con novas poéticas e tendencias. Estas xornadas tratan de poñer en valor e reinterpretar as obras destes e doutros artistas, a súa produción e as súas traxectorias. O ciclo comezou cunha análise da figura de Carlos Maside e continuou coas de Laxeiro, Maruja Mallo, Arturo Souto, Julia Minguillón e María Antonia Dans, Guillermo Monroy e Mon Vasco.
Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e ten como membros a Paula Cabaleiro, Carmen Díaz Cacheda, Miguel Fernández-Cid, Jesús Pastor, María Asunción Rodríguez, Luis Rosón, Ramón Rozas, Sofía Santos, Rosario Sarmiento, Manuel Vilariño e Lucila Yáñez.