NOTICIA

----

O Barómetro da cultura galega constata que 2022 foi un bo ano para a cultura, aínda que menos do agardado

O ano 2022 foi, en termos culturais, “un bo ano, aínda que algo peor do agardado”. Así se resume nas conclusións do Barómetro da cultura galega 2023, documento elaborado polo Observatorio da Cultura Galega (OCG), servizo dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), no que se analiza a actividade cultural do último ano no noso país. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o responsable do OCG, Hakan Casares, presentaron en rolda de prensa os resultados dun ano marcado polo incremento xeral do custo da vida, que non repercutiu nos prezos da maior parte dos produtos e servizos culturais, e un crecemento importante da demanda. O sector é moi crítico coa acción da Administración pública, que suspende en todos os seus niveis, e considera que o escaso apoio e a falta dunha política cultural axeitada son algúns dos puntos febles da cultura galega.

En preto de cen páxinas, o Observatorio da Cultura Galega radiografa as principais características da situación das entidades da cultura no ano 2022. “Un 47,1% das empresas e organismos que compoñen a mostra de estudo aumentou os seus ingresos”, indica o informe, que tamén sinala que o incremento producido en 2022 foi superior ao rexistrado en 2021, pero inferior ao que o propio sector esperaba. As empresas dedicadas á música, ao audiovisual e ao teatro, danza, espectáculos e actividades auxiliares das artes escénicas foron as que máis viron medrar os seus ingresos. Debeuse, na súa maior parte, a un aumento da carga de traballo, que veu acompañado do aumento da demanda. Con todo, 2022 non foi un ano doado, xa que o incremento xeneralizado tamén se notou nos custos de produción. Case a metade das entidades (49,5%) experimentou un aumento dos custos laborais e para un 84,6% incrementáronse os prezos dos aprovisionamentos, isto é, dos materiais e servizos que necesitan. Aínda que un 50,9% procurou non repercutir estas subas sobre os consumidores, un 39,6% tivo que facelo.

O informe explica que as entidades ás que lles foi mellor no ano 2022 foron os museos e as dedicadas a actividades relacionadas co patrimonio, o audiovisual, a música e a educación cultural. Nun termo medio sitúanse as bibliotecas e as entidades relacionadas co teatro, a danza, os espectáculos e as actividades auxiliares das artes escénicas. Por debaixo da media sitúanse a edición de libros e publicacións periódicas e mais as actividades das artes visuais (incluídas a arquitectura, a publicidade e o deseño). Pechan a clasificación as empresas dedicadas ao comercio de libros e publicacións periódicas e ás artes gráficas. Estas dúas últimas atópanse máis próximas a unha evolución neutra, é dicir, practicamente tiveron un ano igual que o anterior. O ano 2022 foi máis positivo para as administracións públicas e as entidades sen ánimo de lucro que para as empresas, e tamén para as entidades máis grandes en termos de ingresos que para as pequenas.

Con respecto ao emprego, 2022 destacou pola estabilidade. Un 68,9% das entidades experimentou esta situación; pola súa banda, as do audiovisual tiveron unha evolución máis positiva e as das artes gráficas, a máis negativa. Para 2023, un 73,8% das entidades non prevé cambios. Ademais, para un 53% das empresas é difícil atopar profesionais co perfil axeitado.

A dixitalización, a publicidade e a comunicación dixital son os principais ámbitos de desenvolvemento para o futuro, seguidos da compra de equipamento técnico e de software. Ademais, a internacionalización é a gran aposta: un 25,5% das empresas e entidades do sector cultural realizou durante 2022 algunha acción dirixida a incrementar a súa produción no mercado internacional, 4,4 puntos máis que en 2021. As actividades empresariais que máis apostan por atraer público e clientela estranxeira son as relacionadas co audiovisual, a edición e mais o teatro, a danza, os espectáculos e as actividades auxiliares das artes escénicas, así como, en xeral, aquelas máis grandes en termos de ingresos.

As administracións e os efectos da súa acción
Os xestores culturais suspenden a actividade desenvolvida polas diferentes administracións, aínda que non na mesma medida. “O Estado é o que leva a peor puntuación (3,42), seguido da Administración local (concellos e deputacións), que recibe un 4,41. A Xunta de Galicia é a que obtén a mellor puntuación (4,67), pero só aproban a súa xestión, ademais das entidades de carácter esencialmente público (bibliotecas, arquivos, museos etc.), as dedicadas ao audiovisual e ás artes escénicas”, detalla o estudo. Os autónomos e os profesionais das artes gráficas foron os máis críticos. Con todo, o sector cultural si recorreu ás ferramentas de apoio das que dispón a Administración: un 43% das entidades enquisadas recibiu algunha subvención (un 4,9% menos que no ano anterior), en maior medida aquelas de maior facturación. A metade das axudas foron por un importe de menos de 10.000 euros, pero as entidades que recibiron axudas relativamente grandes, de máis de 30.000 euros, foron un 5% máis que en 2021. Mentres que dous terzos das administracións públicas e das entidades sen ánimo de lucro recibiron axudas, a proporción descende no caso das empresas (36,6%) e, sobre todo, entre os profesionais autónomos (27,5%). Pola súa banda, un 57,1% das entidades enquisadas coñece os fondos europeos Next Generation, pero só un 12,1% recibiu axudas deste programa. Con respecto aos bonos culturais, un 9,3% das entidades da mostra formou parte destas iniciativas, que teñen unha avaliación, malia excepcións puntuais, claramente positiva.

O estudo tamén analiza as repercusións do Xacobeo, inusualmente prolongando durante un ano máis a causa da situación sanitaria. Existe unha aparente contradición, xa que a maioría asegura que non produciu ningún impacto na súa entidade, pero un 76,1% manifesta que tivo unha repercusión positiva no conxunto da cultura galega. Con todo, o impacto foi diferente por sectores: os dedicados a artes gráficas, teatro, danza, espectáculos e música viron que as súas expectativas non se cumpriron, mentres que si o fixeron as dos relacionados co patrimonio, as artes visuais e o audiovisual. Entre o máis positivo destaca o éxito dos festivais de música (12,5%) e a visibilidade da promoción de Galicia (11,9%), así como a cantidade e variedade da programación e mais o investimento en cultura. O turismo de mala calidade que non realiza gasto en cultura e a masificación foron as principais críticas dun evento que, ademais, “non lle deu prioridade á cultura galega, senón máis ben a artistas foráneos”.

Puntos fortes e débiles da cultura galega
O escaso apoio institucional e a falta dunha política cultural axeitada (33,6%), a suba de prezos e a situación económica xeral (31,3%) e o reducido tamaño do mercado cultural galego coa consecuente escasa demanda dos seus produtos e servizos (30,4%) son os principais puntos febles da industria cultural galega. Pola contra, o talento e a creatividade dos e das profesionais (70,3%) e mais a riqueza do patrimonio cultural galego (61,7%) son valorados como aspectos positivos.