NOTICIA

----

O Álbum de Galicia incorpora a entrada de Fernando Osorio do Campo

Fernando Osorio do Campo (A Coruña, 1894 – 1974) foi actor e director do Conservatorio Nacional de Arte Galega, un proxecto impulsado polas Irmandades da Fala para introducir na modernidade a dramaturxia e a cultura galega. Malia a transcendencia que tivo na planificación teatral durante o período irmandiño, a súa traxectoria viuse escurecida pola represión franquista e polas circunstancias en que se desenvolveu a súa vida no exilio. A entrada que se incorpora hoxe ao Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é autoría de Carlos-Caetano Biscainho-Fernandes.

Nado na Coruña, a infancia de Fernando Osorio do Campo transcorreu na capital portuguesa, onde recibiu unha educación privilexiada. Posteriormente, iniciou os estudos superiores na Escola Nacional de Agricultura de Coímbra e, tras abandonalos, decidiu matricularse en 1911 na Escola da Arte de Representar do Conservatorio de Lisboa, un dos centros de formación de intérpretes máis modernos de toda Europa. Alí destacou como un alumno notable, algo do que dá conta o feito de que o director da escola, Júlio Dantas, o presentou como conferenciante antes de que Osorio concluíse o seu primeiro ano de estudos. Ademais, foi requirido para participar como actor en formación en varios espectáculos do Teatro Nacional xunto a grandes nomes da escena portuguesa.

En marzo de 1916, Portugal entrou na Gran Guerra, e, ante a ameaza de ser chamado á fronte, Osorio fuxiu a Cáceres. Tras ser coñecedor de que en España fora declarado desertor por non responder ao chamamento para realizar o servizo militar, decidiu servir a filas na súa cidade natal. Foi durante esta etapa na Coruña cando coñeceu a Lois Pena e Antón Villar Ponte. “Os valores republicanos, federalistas e laicistas —centrais no pensamento de Fernando Osorio— achegaran o actor a estes dous egrexios representantes das recentemente creadas Irmandades da Fala, mais foi sen dúbida o coñecemento do proxecto teatral para Galicia que Villar Ponte comezara a delinear o que seduciu de vez o recruta”, apunta Biscainho-Fernandes. O proxecto consistía en crear un teatro nacional galego no seo das Irmandades que servise xa non só como vía para difundir o seu ideario, senón tamén para “introducir na modernidade á cultura galega” e fomentar “un diálogo sen mediacións e en igualdade de condicións con outras culturas do mundo”, continúa Biscainho-Fernandes. Finalmente, presentouse en 1919 co nome de Conservatorio Nacional de Arte Galega (CNAG) e foi o propio Osorio quen dirixiu o proxecto. No mesmo ano da súa creación, estreouse a primeira produción na Coruña: A man de Santiña, escrita por Ramón Cabanillas para o CNAG, xunto con Unha anécdota, versión galega da peza do dramaturgo naturalista portugués Manuel Laranjeira. A representación, enmarcada dentro do teatro culto de consumo burgués, “rompía decididamente co horizonte de expectativas dun público que asociaba a escena en galego ao costumismo e ás formas declamatorias populares”, sinala Biscainho-Fernandes. Tras o éxito deste espectáculo, anunciouse a estrea do rompedor texto de Xaime Quintanilla Donosiña, mais o rexeitamento por parte dos sectores máis conservadores da Irmande coruñesa, unido á división que provocou no propio Conservatorio, lastrou a continuidade deste proxecto.

As actividades dramáticas no seo da Irmande da Fala herculina continuaron, mais non convenceron a Osorio. Así, a finais de 1919 formou unha compañía profesional coa que estreou en Betanzos un programa que incluía a representación da obra da súa propia autoría Norte. A recepción non foi a agardada e comprometeu a viabilidade do proxecto empresarial. A procura de novas vías profesionais levou a Osorio primeiro ata África, despois a Lisboa e, finalmente, de novo á Coruña, onde entrou a traballar no xornal El Noroeste. Alí, retomou a súa vinculación coa Irmandade da Fala da cidade, mais, por cuestións ideolóxicas, distanciouse deste proxecto e centrouse na militancia republicana. En 1929 afiliouse á Organización Republicana Galega Autónoma (ORGA), liderada por Casares Quiroga.

Na traxectoria de Fernando Osorio destaca tamén “a súa participación no proceso inicial de demanda e elaboración dun Estatuto que recoñecese a nación galega no marco dun Estado federal español”. Porén, ante a decepción causada por que na Constitución de 1931 non se recoñecese a estrutura federal e, xa que logo, tampouco a Galicia como un Estado autónomo, Osorio decidiu abandonar a organización republicana e non participar máis no proceso estatutario.

A partir de xullo de 1936 o transcurso vital de Osorio estivo marcado por unha serie de tráxicas circunstancias. A represión desencadeada tras o golpe de Estado e un expediente aberto contra el por ser “un caracterizado republicano de izquierdas con ideas avanzadas” obrigárono a fuxir precipitadamente. Porto, Lisboa, Funchal ou París foron algúns dos seus destinos. Tras o triunfo franquista e a imposibilidade de regresar a Galicia, exiliouse en México coa súa familia. Enfermo, só e depauperado, regresou á Coruña en 1971, onde faleceu tres anos despois.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con 670 entradas, das cales as máis recentes son as de Francisco Zagala, Celso Emilio Ferreiro e María Teresa Miras Portugal.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.