NOTICIA

----

Un volume compilará as biografías de 40 mulleres recollidas no Álbum de Galicia

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e a deputada provincial de Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño, acaban de formalizar o acordo que posibilita a edición dun volume que compilará as biografías de 40 mulleres recollidas no Álbum de Galicia. Na sinatura deste acordo tamén estivo presente a directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG, Carme Adán. Trátase da primeira colaboración formal entre ambas as institucións. O acordo promove a realización de actividades de carácter cultural, especialmente seminarios, exposicións e encontros, que permitan analizar o papel das mulleres na historia e na cultura galegas. Ademais, o protocolo permite o desenvolvemento doutras accións.

“Este tipo de acordos contribúen a amplificar a acción que o Consello da Cultura Galega desenvolve en ámbitos tan necesarios como o da igualdade” declarou Rosario Álvarez, que fixo especial fincapé na primeira acción deste acordo, “un volume que escolma mulleres pioneiras en ámbitos en ámbitos moi diversos, cun lugar destacado para aquelas que romperon teitos de cristal en sectores tradicionalmente masculinizados”. O libro, que se editará a través dos servizos da imprenta provincial, leva por título Tecendo xuntas: 40 mulleres de álbum e verá a luz nos vindeiros meses. “Esta colaboración enmárcase na filosofía da Área de Igualdade de impulsar de xeito activo todas aquelas accións que permitan avanzar no coñecemento, recuperación e recoñecemento do papel das mulleres e a súa incidencia na sociedade do seu tempo”, asegurou María Muíño.

Tecendo xuntas: 40 mulleres de álbum propón un itinerario histórico desde o medievo ata a actualidade, escrito en feminino por autoras contemporáneas de diversas disciplinas. O volume comeza coas biografías de Rosa María de Castro y Centurión, aristócrata da Casa de Lemos, escrita por Lucía Montenegro, e mais de Constanza de Castro, escrita por Marica Campo, e remata coa biografía de Rosalía Mera, escrita por Encarna Otero.