NOTICIA

----

Preséntase na Coruña a unidade didáctica que axuda a coñecer a historia da diversidade sexual en Galicia

A responsable do proxecto e directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), Carme Adán, presentou esta mañá no IES Eusebio da Guarda da Coruña unha ferramenta orientada a centros de ensino secundario e bacharelato para ensinar a historia da diversidade sexual no noso país. Chámase Sen cancelas. Proposta didáctica e é un material elaborado polo Consello da Cultura Galega (CCG) coa colaboración da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que xorde como complemento da exposición homónima que percorre a historia das disidencias sexuais en Galicia.

Esta guía didáctica, dirixida ao profesorado e ao alumnado de ESO e bacharelato, ofrece información detallada dos contidos que aborda a exposición e, a modo de suxestión, unha pequena proposta didáctica con actividades para traballar tanto durante a visita como posteriormente na aula. Está dividida en sete bloques, seguindo a estrutura da exposición, e procura unha mellor abordaxe dos conceptos máis importantes desenvoltos na mostra a través da proposta de actividades. Os diferentes bloques son: “A humanidade, unha especie diversa”, “Da diferenza á disidencia”, “As que saíron do curro”, “Camiños de ida e volta”, “Chanzos cara á emancipación”, “Achegas na igualdade de dereitos” e “Referentes galegas de onte e de hoxe”. Xogos de etiquetas ou visionamento de filmes son algunhas das propostas que figuran neste documento, que está dispoñible no web do Consello da Cultura Galega.
A presentación contou coa asistencia de Beatriz Sixto e Noemí Díaz docentes do centro e membros do grupo de feminismos e igualdade do centro.

O proxecto expositivo Sen cancelas
Sen cancelas. Memorias do arco da vella en Galicia é unha mostra organizada polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia que pretende aproximar á cidadanía galega en xeral e aos mozos e mozas en idade escolar en particular a realidade das persoas lesbianas, gais, bisexuais, transexuais e intersexuais en Galicia; concretamente, as súas achegas na defensa dos dereitos humanos a través dun marco positivo de recoñecemento. A través de varios paneis temáticos, nos que se abordan distintos aspectos da loita pola liberdade e o recoñecemento da diversidade sexual e de xénero, faise un percorrido por diferentes conceptos, dereitos e fitos históricos da memoria da disidencia sexual e de xénero en Galicia que nos aproximan á diversidade como un elemento vertebrador das nosas sociedades e culturas. Traballamos coa idea de que esta afirmación interpela a todas as persoas, ao supor un elemento indispensable no proceso de construción dunha cidadanía democrática.