NOTICIA

----

Especialistas destacan a necesidade de poñer a tecnoloxía ao servizo das persoas

“Semella, neste mundo actual, coa evolución das técnicas de intelixencia artificial, que a tecnoloxía é a que nos vai gobernar, cando debería ser ao revés: a tecnoloxía debería estar ao servizo das persoas”. Así o subliñou Carmen García Mateo na inauguración da xornada “Humanismo e tecnoloxía”, que ela mesma coordina, e que constitúe a segunda actividade do foro Pensar o mundo dende Galicia. Co obxectivo de reflexionar sobre os retos da tecnoloxía e “sobre esas preguntas abertas, que teñen moito calado e que nos preocupan e nos ocupan”, en palabras de García Mateo, na cita reuníronse expertos humanistas e tecnólogos, como a enxeñeira informática Nerea Luis e o filósofo Andoni Alonso. O acto de apertura contou tamén coa presenza do vicepresidente do Consello da Cultura Galega e coordinador do foro, Xosé Manoel Núñez Seixas, quen destacou o rol da institución na promoción do “debate, a pescuda e a creación arredor dunha serie de eidos do saber, non só sobre o pasado, senón tamén sobre o presente e o futuro”.

A xornada abriuse coa conferencia “Artificial e humanos, cal é o límite?”, a cargo de Nerea Luis. Nela, fixo un repaso das diferentes tipoloxías de intelixencia artificial e como evolucionou ata o momento actual. “Cando ninguén se esperaba chegou ChatGPT e o rebentou todo” afirmou ao incidir na popularización dunha tecnoloxía que xa existía no ámbito da empresa pero non estaba ao uso da cidadanía. Nerea defendeu a necesidade dos algoritmos e puxo especial fincapé na importancia da regulación. Nese sentido destacou que a haberá que agardar a ver como se concreta a acción da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial, entidade cuxa sede estará na Coruña.

A continuación, Andoni Alonso trazou un percorrido pola historia da tecnoloxía dende unha perspectiva crítica e co afán de reflexionar sobre algunhas cuestións de orde social. Para el, “se algo define o desenvolvemento tecnolóxico e a nosa visión da tecnoloxía no século XXI é unha falta completa de proporción con respecto ás cousas”, o que se traduce en “máis ferramentas, máis operacións, máis obsolescencia e máis máquinas”. Deste xeito, chamou a atención sobre a ausencia de límites e puxo o foco en que, se a tecnoloxía informática se basea na idea de “buscar un escravo ou unha escrava que estea ás nosas ordes, que nos aforre o esforzo de pensar”, cabería preguntarse “que seremos capaces de facer para conseguir ese resultado”. Ademais, durante o seu relatorio recordou que “non debemos perder a conta de que a tecnoloxía non é tanto as máquinas e as ferramentas que temos ao noso arredor, senón a expresión dos nosos desexos: que queremos, a que aspiramos e cara a onde queremos dirixirnos”.

A idea que tiña La Mettrie de que os seres humanos somos máquinas que van cara ao pracer e foxen da dor; os experimentos de Turing para comprobar se as máquinas son capaces de pensar ou non, e a creación do concepto de intelixencia artificial por parte dun grupo de investigadores que se reuniron na Conferencia de Dartmouth no ano 1956 foron cuestións que Andoni Alonso abordou tamén ao longo do seu relatorio. Neste senso, remarcou que “a intelixencia artificial é un proxecto histórico moi longo e moi profundo” e que, nos anos 80, entrou no que se coñece como un “longo inverno” debido aos fracasos que se acumularan dende os anos 50 e que, segundo o propio Alonso, amosaran que, se ben “tiña utilidade esa tecnoloxía, era moi presuntuoso chamala intelixencia artificial”. A este respecto, sinalou que existe un problema lingüístico grave, xa que a propia expresión é “unha palabra oca”. A intelixencia artificial “nin é intelixente nin é artificial”: non é intelixente porque nin sequera as persoas “sabemos definir con exactitude que é a intelixencia” e non é artificial “porque necesita ser adestrada por seres humanos”, subliñou Andoni Alonso.

Na sesión da tarde desenvolveuse a mesa de debate “Tecnoloxías da computación, intelixencia artificial e transhumanismo” desde unha óptica galega. Moderada por Carmen García Mateo, participaron Amparo Alonso Betanzos, catedrática na Área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña; Brais González Arribas, doutor en Filosofía e profesor da Área de Filosofía da Universidade de Vigo, e María del Carmen López Pérez, responsable de I+D de Balidea (Santiago de Compostela) que achegou proxectos de intelixencia artificial que está a desenvolver no campo da saúde.