NOTICIA

----

A institución desenvolveu unha vintena de actividades no primeiro trimestre

O Plenario do Consello da Cultura Galega (CCG) levou a cabo no serán deste mércores unha sesión ordinaria. Nela, a presidenta da institución, Rosario Álvarez, detallou as actividades desenvolvidas no primeiro trimestre de 2023, así como o grao de execución da actividade programada para celebrar o 40º aniversario da institución. No que vai de ano, o CCG levou a cabo unha vintena de actividades, das cales máis da metade se desenvolveron fóra de Santiago de Compostela.

Rosario Álvarez explicou no seu informe que a institución desenvolveu no primeiro trimestre deste ano 21 actividades de temáticas variadas, que abordaron os inicios da música escénica en Galicia ata a análise das violencias machistas, pasando pola reflexión da democracia contemporánea. As actividades dan continuidade a ciclos xa consolidados da institución como Pensarmos, os Encontros monográficos co patrimonio cultural ou Revisando a nosa arte. A busca de novos públicos, a reformulación dos enfoques, as temáticas, os formatos de comunicación e as actividades, así como a diversificación destas fóra da sede institucional en Santiago, son algunhas das liñas centrais da programación. Neste período tamén se acolleron cinco actividades promovidas por outras entidades, como o Centro Europeo de Asuntos Minoritarios (ECMI) ou a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil. Na súa función asesora, o CCG elaborou dous documentos de traballo, un informe consultivo para a declaración de ben de interese cultural e 15 informes de impacto ambiental.

Neste primeiro trimestre sacáronse ao prelo oito títulos de moi diferente tipoloxía: Catro visións contemporáneas sobre as cantigas de Martín Códax. Voz e piano, unha versión de partituras encargadas expresamente para celebrar o Día das Artes Galegas, dedicado a Martín Códax; a tradución ao galego da obra “Fórmula vitae honesta”, incluída na publicación Como levar unha vida honesta. Consellos de Martiño de Dumio a Miro, rei de Galicia; a proposta didáctica que acompaña a exposición Sen cancelas. Memorias do arco da vella en Galicia e a unidade didáctica Mulleres, patrimonios e sociedade; dous novos textos de Dramaturxias itinerantes, e a conclusión da edición da Obra de 660 pliegos. De historia natural y de todo género de erudición, de Martín Sarmiento en cinco volumes. Neste período tamén se presentou unha publicación que recolle os cincuenta anos de vida da histórica formación Fuxan os Ventos e unha nova entrega da colección Clásicos da Emigración.

Un dos puntos fortes da acción institucional no eido da promoción da cultura galega é o programa de exposicións. Neste trimestre contabilizáronse catorce itinerancias de sete exposicións: Os adeuses, Sen cancelas, Valle-Inclán traducido, Inventio Mundi, Luces de Alén Mar, O soño cubano da emigración galega e Afonso X e Galicia, esta última en lugares tan destacados como Cracovia ou Cádiz, coincidindo co recente IX Congreso Internacional de la Lengua Española. Precisamente estas dúas últimas accións encaixan dentro da actividade de acción exterior, que estivo reforzada neste primeiro trimestre e que se completou con actos na Habana.

Con respecto aos fondos dixitais, neste período subíronse novos recursos aos proxectos xa existentes como Repertorio de prensa da emigración, Historias de ida e volta, A saia e o Álbum de Galicia, e creouse o proxecto Caligrafías musicais, co fin de recoller conferencias de prestixiosos estudosos do eido musical galego que permiten revalorizar compositores, estilos ou instrumentos que forman parte da cultura musical do país. Ademais, o CCG recibiu a doazón dos fondos completos de Lois Tobío e unha importante colección de materiais sonoros de Suso de Toro.

A celebración do aniversario
Neste trimestre desenvolveuse o primeiro dos oito foros programados para celebrar o 40º aniversario da institución. Nel analizouse o actual contexto informativo e os diferentes expertos participantes apuntaron que a desinformación, as noticias falsas e a información incorrecta provocan hoxe o risco de intoxicación informativa.

Outra das accións que se desenvolven de xeito regular é a visibilización pública do legado construído pola institución nestas catro décadas de existencia. Dende o pasado 1 de xaneiro, a través do web e das redes sociais do CCG, puxéronse en marcha proxectos de visibilización do fondo propio a partir de fotografías, conferencias e outros recursos que permiten traer á memoria momentos destacados da traxectoria da institución, como os relatorios que pronunciaron o filósofo esloveno Slavoj Žižek e Nélida Piñón ou a visita dos Premios Nobel Derek Walcott e Wole Soyinka.

Na sesión plenaria tamén se abordou o acto de carácter institucional que terá lugar na véspera do 8 de xullo, día en que se aprobou a lei de creación da institución (Lei 8/1983).