NOTICIA

----

A biografía do fotógrafo Francisco Zagala incorpórase ao Álbum de Galicia

Francisco Zagala (Verín, 1842 – Pontevedra, 1908) destacou no eido fotográfico, cunha actividade que orientou cara a dúas disciplinas: a fotografía de gabinete, centrada fundamentalmente na arte do retrato, e a fotografía de exteriores. Ademais, foi un dos colaboradores asiduos da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, para a que traballou en calidade de fotógrafo oficial durante catorce anos. A súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega (CCG), é autoría de Vítor Vaqueiro.

Nado en Verín, Francisco Zagala pasou os primeiros anos da súa existencia en Madrid, onde, sendo mozo, conformou unha ideoloxía republicana militante que mantivo ata o día do seu falecemento. “Esa posición política activa materializouse en numerosos compromisos”, subliña Vítor Vaqueiro. Entre eles, destaca a súa pertenza ao comité republicano de Pontevedra, a súa candidatura ás eleccións municipais de 1897, a súa actitude de oposición ao caciquismo e en prol da defensa dos valores republicanos ou a súa loita contra a monarquía. Paralelamente a esta actividade política, Zagala inseriuse no tecido social da época. Así, contribuíu en diferentes anos á quermese que organizaba a Sociedade Económica de Amigos do País a través da doazón de álbums de fotografías realizadas por el mesmo ou de vales intercambiables por retratos de balde. Ademais, ocupou en 1899 a tesouraría da xunta directiva da Cámara de Comercio e converteuse en 1905 no vicepresidente da “Xunta do Recreo de Artesanos”.

Na súa traxectoria como fotógrafo, o seu labor centrouse en dous eidos, segundo explica Vítor Vaqueiro: “a fotografía de gabinete, virada para o retrato e fornecedora de ingresos económicos, e a de exteriores, de feitío basilarmente documental”. No traballo de gabinete sobresaen os seus retratos individuais e de grupo, entre os que destacan o do xornalista e político Indalecio Armesto (ca. 1891), o da familia de Manuel Quiroga (ca. 1896) ou o de Juan García vestido de hugonote (1888). No que respecta ás súas reportaxes de exteriores, Zagala rexistrou as diferentes realidades da contorna rural e urbana, “recollendo as perspectivas da vida cotiá ou os recantos arquitectónicos de maior interese”, tal e como subliña Vaqueiro na súa entrada. Documentou, por exemplo, a chegada a Pontevedra do primeiro camiño de ferro en 1884 ou a importante manifestación mariña que se organizou en xullo de 1900 en agradecemento á prohibición legal da arte da traíña. Ademais, cando en 1906 a infanta Isabel visitou a cidade do Lérez, tirou as fotografías da aristócrata nas ruínas de San Domingos.

Anteriormente, en 1880, Zagala participara na exposición rexional que se organizara en Pontevedra xunto con outros recoñecidos fotógrafos internacionais que estaban instalados en Galicia, como o francés Antoine Avrillon ou o italiano Filippo Prosperi. Cinco anos despois, obtivo unha medalla de prata con acceso a ouro, un triunfo que acadou novamente en 1887. Ademais, nese mesmo ano, foille concedida a Cruz de Isabel a Católica.

“A importancia de Francisco Zagala no panorama fotográfico galego fica confirmada por feitos como o do ofrecemento que lle fai, en 1895, o almanaque Bailly-Baillière”, apunta Vítor Vaqueiro. O anuario agasallaba a cada nova persoa subscritora con dezaoito fotografías de España, de América do Sur e de América central, mais na súa relación de fotógrafos só figuraban dous galegos: Sellier e Zagala. Mentres, a notoriedade que acadou íase conformando, segundo Vaqueiro, polas súas fotografías da infanta Isabel e de Pi i Margall, polas súas colaboracións en La Ilustración Española y Americana e en Galicia Moderna ou por ser o responsable gráfico do proxecto Edificios, calles y recuerdos pontevedreses. Ademais, durante catorce anos, Zagala fora o fotógrafo oficial da Sociedad Arqueológica de Pontevedra, para a que realizou numerosos traballos arquitectónicos, arqueolóxicos ou gráficos.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 660 entradas, das cales as máis recentes son as de Celso Emilio Ferreiro, María Teresa Miras Portugal e mais as dos membros do Seminario de Estudos Galegos Manuel Lugrís Freire, Santiago Montero Díaz, Ramón Sobrino Buhígas, Xulián Magariños Negreira, Constantino Candeira e Manuel Gómez Román.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do Consello da Cultura Galega, nas que desde o ano 2005 se teñen publicado álbums sobre a muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.