NOTICIA

----

Recuperamos a conferencia do filosofo Félix Duque sobre o neohumanismo

Félix Duque (Madrid, 1943) é un investigador, docente retirado, tradutor e escritor cunha fecunda obra que aborda os temas máis candentes e cruciais do mundo contemporáneo”. Estivo no Consello da Cultura Galega, no marco do ciclo "Os sentidos das culturas na que falou, ante un auditorio dunhas trinta persoas, sobre “O neohumanismo da non-cidade” e un novo xeito de achegarse ao arquitectónico e ao urbanismo, atacando o “imperio democrático” neoliberalista e disertando sobre a relación entre cidade e pensamento. Duque considera que, para o humanismo se soster, é preciso manter a idea teleolóxica da preeminencia de certas persoas. Nesta idea subxace un claro imperialismo, polo que para Duque o “Neohumanismo” é a doutrina que establece “Este home é universal por ser norteamericano ou afín”. A alternativa preséntase nuns Estados dispostos a ceder parte da súa soberanía e construír un espazo común: a Unión Europea.

As diferentes concepcións do mundo que teñen Estados Unidos e Europa ¿materialízanse no xeito de habitar a terra? Nalgúns casos créase unha confrontación entre unha situación de dispersión no medio da Natureza e o arraigo no planeta, e ao respecto sostén Duque que o American way of life se corresponde mellor co Neohumanismo que co Neohistoricismo europeo. Subliñada a semellanza entre construción e pensamento, Duque presenta a necesidade de continuar explorando a complexa relación entre o home, a arquitectura e os contextos natural, xeográfico, histórico e cultural para facer habitable a terra.


Sobre o autor
Félix Duque Pajuelo é licenciado en Filosofía (1970) e Psicoloxía (1971) pola Universidade Complutense de Madrid, e doutor pola mesma universidade en 1974 coa tese: Experiencia y sistema. Una investigación sobre el “Opus postumum” de Kant. Entre 1974 e 1982 impartiu Antropoloxía, Filosofía da Natureza e Metafísica nas Universidades Complutense de Madrid, de Valencia e Autónoma de Madrid. Entre 1982 e 1988 foi Catedrático de Metafísica na Universidade de Valencia. Durante ese período foi “Gastprofessor” no Hegel-Archiv der Ruhr Universität Bochum entre os anos 1983-1985 e 1987-1988. Dende 1988 é Catedrático de Filosofía (Historia da Filosofía Moderna) na Universidade Autónoma de Madrid. A súa investigación orientouse primeiro cara a antropoloxía, a filosofía da natureza e a hermenéutica. Na actualidade investiga sobre as doctrinas do idealismo alemán e do romanticismo, así como sobre filosofía da técnica e da cultura, mito e relixión, e tamén arte contemporáneo (postmodernismo).