NOTICIA

----

O Álbum de Galicia incorpora a entrada de Celso Emilio Ferreiro

Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912 – Vigo, 1979) foi un dos grandes poetas galegos do século XX. Destacou cunha prolífica obra, na que a miúdo plasmou as súas preocupacións sociais e políticas e na que incluíu, ademais de composicións de carácter reivindicativo, outras máis intimistas e irónicas. Ramón Nicolás é o autor da súa entrada no Álbum de Galicia, a colección dixital de biografías que mantén o Consello da Cultura Galega.

Nado en Celanova, Celso Emilio Ferreiro formouse cos frades escolapios do mosteiro de San Salvador entre os anos 1919 e 1929, momento en que comezou a cultivar a escrita e a publicar os seus primeiros poemas nas cabeceiras Faro de Vigo e Heraldo de Galicia. Criado nun ambiente republicano e galeguista por influencia do seu pai, que fora membro das Irmandades da Fala, fundou en 1932 as Mocedades Galeguistas do distrito de Celanova.

O 15 de xullo de 1936, ante as sospeitas dun inminente golpe militar, viaxou a Ourense con Remixio González e Xosé Velo para solicitarlle ao gobernador civil que lles dese permiso para requisar armas e subministrárllelas ás persoas máis afectas á República. O gobernador ordenou a súa detención e, tras pasar tres días no cárcere, estivo fuxido durante días. Despois deste episodio, un dos seus irmáns obrigouno a alistarse como soldado no exército sublevado, para o que se trasladou á fronte de Asturias. En 1937 pasou a prestar os seus servizos na Sección de Transmisións de Oviedo, época durante a cal escribiu os poemas que, a posteriori, o seu fillo Xavier Ferreiro recompilou baixo o título de Birimbao (2020). Tras ser denunciado ás autoridades militares por unha veciña que o escoitara falar abertamente das barbaries fascistas nunha taberna, Celso Emilio Ferreiro ingresou de novo en prisión, no mosteiro de San Salvador, onde pasou catro días e tres noites. Esta experiencia deu orixe ao seu recoñecido poema “Longa noite de pedra”.

Rematada a Guerra Civil, regresou a Celanova e obtivo o título de bacharel para, posteriormente, comezar por libre os estudos de Dereito e Maxisterio. En 1943 opositou e conseguiu o posto de secretario e logo o de xefe de Xustiza da Fiscalía de Taxas en Pontevedra. Ao longo desta década, participou activamente na vida cultural da cidade e colaborou con varios xornais e mais coas emisións radiofónicas do Galician Programme da BBC. Ademais, publicou Al aire de tu vuelo (1941) e Bailadas, cantigas y donaires (1947), e coordinou con Sabino Torres Ferrer, Emilio Álvarez Negreira e Manuel Cuña Novás a colección Benito Soto de poesía, a “primeira colección estable que incorpora libros en lingua galega na posguerra”, segundo indica Ramón Nicolás na biografía que asina no Álbum de Galicia.

A produción poética de Celso Emilio Ferreiro continuou durante as décadas de 1950 e 1960, nas que saíron do prelo obras como O soño sulagado (1954) ou Cantigas de escarnio e maldecir (1968), que asinou como Arístides Silveira. Ademais, publicou Longa noite de pedra (1962), “un dos seus libros poéticos máis relevantes e emblemáticos para toda unha xeración e que o converteu no poeta de preferencia para a música contestataria de numerosos cantautores da época”, segundo explica Ramón Nicolás. En 1964 participou na fundación do partido político Unión do Povo Galego, ao que pertenceu ata a súa ruptura en 1974, e, tras aceptar unha proposta de traballo na Hermandad Gallega de Venezuela, trasladouse a Caracas. Alí fundou e presidiu a Agrupación Nós “para politizar cara ao nacionalismo a Hermandad Gallega”, da que foi expulsado cando unha nova directiva se fixo cargo da agrupación despois de vencer nunhas eleccións fraudulentas. “Tras crear o Padroado da Cultura Galega, e ser igualmente expulsado por unha facción de filiación anticomunista, comezará unha campaña calumniosa contra el”, explica Ramón Nicolás.

Celso Emilio Ferreiro seguiu enriquecendo a súa produción nos anos 70 coa publicación do seu primeiro libro de relatos, A fronteira infinda (1972), e doutras obras como Os autentes e Fóronse á puñeta (1973), asinadas baixo pseudónimos. En 1973 regresou a Madrid, onde traballou na revista Tribuna Médica e dirixiu a Sección de Literatura Galega da Aula de Cultura do Ateneo. En 1979 faleceu en Vigo e, aos poucos días, apareceu o seu primeiro libro póstumo: O libro das homenaxes.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país. A día de hoxe, o Álbum conta con máis de 660 entradas.

As biografías están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados da institución. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.