NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega e a Asociación Galega de Compositores reinterpretan as cantigas de Martín Códax

Cando en 1914 Pedro Vindel descobre o pergamiño que contén as cantigas de amigo de Martín Códax, marca un fito na historia da música. Aquel documento, chamado Pergamiño Vindel e conservado na Morgan Library de Nova York, contiña os textos das sete cantigas e as notacións musicais de seis delas. Sobre o texto orixinal xorde a publicación Catro visións contemporáneas sobre as cantigas de Martín Códax que hoxe presentaron a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o presidente da Asociación Galega de Compositores, Xosé Carlos Seráns. Ambos os dous destacaron a relevancia desta publicación que permite enriquecer o patrimonio musical galego e pon a disposición da cidadanía interpretacións para voz e piano das cantigas de amigo elaboradas por catro compositores galegos. Alejo Amoedo é o coordinador deste proxecto, que se completará en outubro cunha xornada sobre Martín Códax e a literatura medieval, así como cun concerto no que se poderán escoitar estas novas composicións.

A presentación tivo lugar na véspera da celebración do Día das Artes, celebración impulsada pola Real Academia Galega de Belas Artes e cuxo presidente, Manuel Quintana Martelo, destacou. “Escoller a Martín Códax como oitavo homenaxeado, é tamén unha homenaxe á música, que é unha das seccións máis destacadas desta academia” apuntou na rolda. A partir da elección, o Consello da Cultura Galega e a Asociación Galega de Compositores traballaron man a man nun proxecto que permite pór á disposición da cidadanía unha publicación (xa dispoñible para descarga) que contén catro partituras encargadas en versión para voz e piano sobre as sete cantigas de amigo. “Esta publicación, en primeiro lugar, contribúe a homenaxear o trobador Martín Códax, proposto pola Real Academia de Belas Artes; en segundo lugar, axuda a tomar conciencia da importancia das cantigas de amigo; en terceiro lugar, permite pór o foco na capacidade de renovación e proxección da súa música para compositores, intérpretes e oíntes, e, por último, xera e enriquece o patrimonio con catro versións que quedan á disposición de intérpretes e da cidadanía” apuntou Alejo Amoedo na presentación.


O proxecto: da publicación ao concerto
Coa publicación que hoxe se presentou, incorpórase ao patrimonio galego novas interpretacións das cantigas de Martín Códax, que se suman ás xa existentes: dende as máis ortodoxas e conservadoras ata as máis revisionistas. No traballo de transcrición e edición da obra musical, que contou co asesoramento de Joám Trilho, recóllense as notacións musicais como as partituras creadas para a ocasión por catro compositores elixidos por sorteo, que hoxe acompañaron a presentación da publicación dixital. Son María Mendoza (Oviedo, 1975), Gloria Rodríguez (Vigo, 1976), Mario Diz (Poio, 1981) e Arsenio Keilin (A Coruña, 2003).

O proxecto completarase en outubro, cando terá lugar na illa de San Simón unha xornada que permitirá afondar na figura de Martín Códax e na literatura medieval. Esta xornada estará acompañada dun concerto que se celebrará en Redondela, no que se interpretarán as composicións elaboradas polos catro compositores.

Os compositores

María Mendoza (Oviedo, 1975) está afincada en Galicia dende o 2002. É pianista, compositora e docente, e forma parte da Asociación Galega de Compositores. A súa obra foi interpretada tanto nacional como internacionalmente. É compositora para series e curtas de animación emitidas e premiadas en todo o mundo e tamén compuxo o repertorio da gala dos XXI Premios Mestre Mateo (2023). Foi galardoada en varios concursos nacionais e internacionais. Os seus discos, Intro (2016), Nova (2017) e Cronos (2020), editados pola discográfica Arteficción, poden escoitarse en todas as plataformas dixitais e nos seus concertos en directo.

Mario Diz (Pontevedra, 1980) é discípulo do mestre Antón García Abril e desenvolve a súa traxectoria profesional entre a docencia na área de Didáctica da Expresión Musical da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela e a dirección da Orquestra desta universidade. Realizou pezas por encarga de diferentes institucións e agrupacións musicais, entre as que salientan as Tres pezas para banda, Wo0men (piano e orquestra), Es gibt dich (cuarteto de corda) e Todos os nenos soñan (mezzo, viola e arpa). Publicou a metodoloxía Mi primer violín, con composicións orixinais, ademais de diversos textos didácticos e artigos de impacto. É membro da Asociación Galega de Compositores.

Gloria Rodríguez (Vigo, 1972) realizou estudos superiores de solfexo, piano, música de cámara e composicións nos conservatorios superiores de Vigo e Barcelona. Ampliou os seus estudos de composición con José Luis de Delás e con Albert Sardà. Estreou unhas corenta composicións, retransmitidas por Radio Nacional de España, Radio Voz e Rádio e Televisão de Portugal. As súa obras foron editadas por Periferia Sheet Music, Dos Acordes e o Consello da Cultura Galega. Forma parte da Asociación Galega de Compositores e da Asociación de Mujeres en la Música. Actualmente é docente de Linguaxe Musical no Conservatorio Profesional de Música de Vigo.

Arsenio Keikin (A Coruña, 2003) comezou os seus estudos de piano coa súa nai, María Keilin, e os de violonchelo co seu pai, Iliá Keilin. Nos anos 2014 e 2015 participou no Concurso de Corda Cidade de Vigo e gañou os segundos premios na categoría ata os doce anos de idade. Dende 2012 ata 2018 foi membro da Orquestra Infantil da Sinfónica de Galicia. En 2019 rematou os estudos no Conservatorio Profesional da Coruña nas especialidades de piano e violonchelo. Dende 2022 é membro da Asociación Galega de Compositores. Na actualidade exerce de pianista acompañante na Escola Municipal de Danza da Coruña.

Martín Códax
O trobador Martín Códax (ss. XIII-XIV) é unha voz senlleira do lirismo medieval galego-portugués. As súas sete cantigas de amigo forman unha unidade conceptual que combina motivos propios das mariñas coas cantigas de romaría. A ausencia do amado, ansiado por unha rapaza que o agarda, enriquécese coa evocación da contorna natural da ría de Vigo e dunha das igrexas do emerxente burgo vigués.

O Pergamiño Vindel é unha lámina de pergamiño dobrada pola metade que contén o nome de Martín Códax na parte superior, en tinta vermella. Toma o seu nome do seu descubridor, o libreiro Pedro Vindel, que o atopou na encadernación dun códice do século XIV que mercara e que contiña unha copia manuscrita da obra ciceroniana De Officiis. Un achado no que tamén participou o pontevedrés Víctor Said Armesto quen acudiu para corroborar e precisar a importancia daquel documento poético-musical, imprescindible para comprender o esplendor da lírica medieval galego-portuguesa.