NOTICIA

----

Unha xornada analiza os aspectos materiais do patrimonio sonoro galego

Historia, dixitalización e preservación de documentos sonoros é o título da xornada que terá lugar o 30 de marzo, ás 16:30 horas, na sede institucional do Consello da Cultura Galega (CCG). Nela, Susana Belchior e Jose M. Navia farán un percorrido pola historia das gravacións sonoras e afondarán no tratamento técnico do son. A sesión está organizada polo Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do CCG e coordinada polo seu director, Alejo Amoedo. A actividade é presencial, pero poderá seguirse en directo a través do sitio web e as redes sociais corporativas.q

Profundar na orixe do son como elemento cultural e nas circunstancias para a súa preservación é o obxectivo desta xornada, coa que o Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) busca achegarse por vez primeira aos aspectos materiais do patrimonio sonoro galego. Tras analizar cuestións relacionadas cos seus contidos e cos seus diferentes modos de divulgación, nesta ocasión o ASG pon o foco en cuestións estreitamente vinculadas cos aspectos físicos e químicos dos documentos sonoros.

O programa
A xornada comezará co relatorio “Breve historia dos soportes sonoros e dos seus materiais”, a cargo de Susana Belchior, investigadora do Instituto de Etnomusicoloxía da Universidade Nova de Lisboa e do Museu Nacional da Música. Nel, abordará a historia das gravacións sonoras e, en concreto, afondará en como e cando se empregaron os distintos tipos de materiais. Ademais, analizará as técnicas que permitiron a fixación do patrimonio e a súa evolución parella aos descubrimentos da física, a química e a sonoloxía.

A continuación intervirá o director técnico de AudioVideoRestauracion Estudios, Jose M. Navia, quen se centrará no proceso de dixitalización dos documentos sonoros. O tratamento técnico do son, a restauración dos soportes, a súa axeitada conservación e preservación ou a urxencia das migracións ante a obsolescencia dos dispositivos serán tamén cuestións sobre as que profundará na súa conferencia.

A sesión rematará coa mesa redonda “Reflexións sobre o futuro da conservación e dixitalización dos soportes sonoros”, moderada pola coordinadora técnica do Arquivo Sonoro de Galicia, Cristina Pujales. Susana Belchior e Jose M. Navia confrontarán as súas opinións e experiencias, ao tempo que intentarán resolver as dúbidas que formule o público asistente arredor dos novos formatos documentais, dos aspectos ambientais que inflúen na conservación do patrimonio sonoro, dos tipos de restauración etc.

O Arquivo Sonoro de Galicia

O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) é un centro do Consello da Cultura Galega que ten como labor esencial a recuperación do patrimonio sonoro galego. No seu fondo cóntanse máis de 50 000 rexistros sonoros procedentes de adquisicións e doazóns, entre os que se atopan 7000 rexistros das emisións de RNE en Galicia ao longo da segunda metade do século XX. O fondo alberga tamén unha colección de preto de 700 “lousas”, pezas únicas producidas en Galicia ou con contidos galegos, ás que se pode acceder a través do web institucional. O ASG está coordinado por Alejo Amoedo Portela e ten como membros a Julio Alonso Monteagudo, Beatriz Cancela Montes, Xaime Estévez Vila, Concha Losada, Francisco Nieto e Cristina Pujales Prats.